Moisés Barcia fálanos da traducción ó galego de "O señor dos aneis"

A voz galega da fantasía

Moisés Barcia é o responsable de que Tolkien fale galego. Este traductor encargouse de verter no noso idioma a novela "O hobbit" e a celebérrima triloxía "O señor dos aneis", que está a ser editada por Xerais. Coincidindo coa estrea en cine da felícula baseada nesta obra, Moisés fálanos das dificultades que supuxo traducila ó galego e da pegada do noso idioma na obra de Tolkien.







Moisés Barcia





Ademais das xa mentadas obras de Tolkien, Moisés Barcia traduciu para o noso idioma obras tan destacadas coma as "Leccións americanas" de Italo Calvino ou a biografía "Manu Chao. Música e liberdade". Tamén traduciu o libro de raltos "A derradeira bágoa", o italiano Stefano Benni e os contos "Unha conflagración imperfecta" e "Aceite de can", do americano Ambrose Bierce e cos que obtivo o Premio de Traducción 2001 da universidade de Vigo.
O seu último traballo foi a versión galega do "Decamerón" de Bocaccio e actualmente realiza a recensión das novidades editoriais traducidas ó galego na revista "Guía dos Libros Novos" e colabora esporadicamente en distintas publicacións.





Palabra de traductor




-Na biblioteca de Tolkien atopouse un diccionario de lingua galega ¿manexou o autor a nosa lingua para a toponimia ou os rexistros lingüísticos da Terra Media? ¿É perceptible a presencia do noso idioma en "O señor dos aneis"?



Parece ser que en efecto Tolkien tivo un diccionario de galego. El era un lingüísta e non debe resultar daquela estraño que posuíse este tipo de obras. De calquera xeito hai que subliñar que era especialista en linguas nórdicas (fixo unha edición do Sir Gawain e tamén un diccionario de middle english), e para a elaboración dos idiomas do seu universo fantástico inspirouse principalmente nestas linguas. Postos a buscar na súa obra elementos que nos resulten próximos atopamos nomes como "Beladona", "Dora", "Esmeralda", "Folco", "Hugo", "Milo", "Peregrin" ou "Sancho", pero sería arriscado afirmar que proceden do galego e non doutra lingua románica.




- Tolkien preocupouse polas traduccións da súa obra, realizando mesmo un manual para os técnicos. ¿Que retos tivo a traducción da obra á nosa lingua?



Para empezar, tratar de non caer nos mesmos erros da traducción ó castelán (un enorme descoido e descoordinación entre os distintos traductores) e a outras linguas próximas (por exemplo ó portugués e ó catalán, que non traducen os nomes propios, deixando así no tinteiro unha gran cantidade de información). Por outra banda a prosa de Tolkien non é excesivamente complicada. Quizais a maior dificultade residise na inxente cantidade de léxico referido á natureza e ós accidentes xeográficos, e tamén na traducción dos topónimos e antropónimos, xa que optei por buscar sempre unha equivalencia o máis enxebre posible, o que deu lugar a formas como "Lomba das Antas" (Barrow-downs), "Filgueira" (Ferny), "Quiroga" (Heathertoes) e apelidos como "Birimbao" (Hornblower), "Bocho" (Bolger) ou "Teixugo" (Brockhouse).



- ¿Para cando estará editada a triloxía completa?


Confío en que ó longo do ano 2002 saian as dúas partes que faltan. E tal vez despois, se hai interese por parte do público, nos ocupemos tamén do "Silmarillion".


- ¿Que resposta recebes dos fans do Señor dos Aneis á versión en galego?



A min non me chega directamente ningunha resposta, pero creo que na editorial reciben de cando en vez cartas de agradecemento. Supoño que o bo ritmo de vendas se pode entender xa en si mesmo como unha aprobación.



- ¿Por que pensas que puido tardar tanto en ver a luz en galego un clásico tan exitoso?


Porque a ninguén se lle ocorreu traducilo antes que a min, nin ningunha editorial considerou oportuno encargar a traducción. Non hai unha política clara de traducción no mundo editorial galego, nin tampouco a administración fai moito por estimulala. No meu caso tiven a sorte de que tras traducir "O hobbit" se soubo que ían facer a película de "O señor dos aneis", e daquela tivemos unha promoción potentísima e gratuíta para o libro.