Hai pouco máis dun ano, a Asociación Cultural D5 abría a golpe de chocolate unha curiosa iniciativa. Recuperaba o lugar da que fóra a fábrica de chocolates Raposo para convertela nun espazo artístico con data de caducidade: setembro de 2006. Malia que o proxecto se prorrogou ata decembro, entre mentres quedou un ano marcado por iniciativas atípicas. Repasamos o que deu de si.





























Entre “A arte se é de chocolate, mellor” de Diego Santomé e “Habana Factory” que terá lugar en decembro hai máis dun ano de traballo. Para Concha Fontela “creo que foi un éxito rotundo. Non só polo número de visitantes, senón tamén polo desexo da xente de que o espazo continúe aberto. De feito, temos visitantes que ó saber que o proxecto é efémero ofrecéronse a facer unha recollida de firmas para conseguir que seguise aberto... non é mais que un mero dato, pero implica que, alomenos algunha xente, sinte a necesidade de espazos destas características”.
De feito, ela mesma declárase sorprendida pola boa acollida, sobre todo porque existen en Santiago numerosos espazos con instalacións máis preparadas e con orzamentos superiores e "aínda así, aclara, a xente reivindique a súa permanencia". Malia a demanda popular, o proxecto pechará as súas portas o vindeiro 31 de decembro. “Agradécese sen lugar a dúbida todos os apoios, explica a directora, pero non o consideramos necesario, xa que o carácter temporal do proxecto é unha das súas connotacións de orixe e parte do seu encanto”.
O proxecto
Cando A Chocolataría abriu as súas portas hai un ano David Barro nos explicaba que “queremos deixar o máis claro posible e que é un proxecto non comercial. Non ten nada que ver cunha galería senón que traballamos con elas e para elas”. David Barro e Agar Ledo tiveron que abandonar o proxecto polos seus compromisos laborais pero Concha explica que “en calquera caso, conseguimos os obxectivos iniciais: "rescatamos" un espazo que se atopaba abandonado, creamos un lugar aberto ao diálogo e ao encontro, achegamos á xente á arte contemporánea, presentamos unha xestión diferente na que prima a confluencia de diferentes institucións, empresas, profesionais, alumnos en prácticas...”
Un ano de traballo
En primeiro lugar, unha das cuestións que máis chamou a atención da Chocolataría foi o propio local: un local céntrico, unha estética de aparente abandono, a recuperación dun espazo industrial, pero tamén, en palabras da directora destacou a “curiosidade por coñecer o que era a antiga fábrica, coa nostalxia que produciu abrir de novo un espazo tan significativo para os composteláns”. E os visitantes responderon. Aínda que as cifras definitivas de visitantes chegarán en decembro, co peche definitivo, en setembro este espazo de arte xa superara os 100.000 visitantes no mes de setembro.
“Tal vez o máis importante, reflexiona Concha, sexa o achegamento de xente tan diversa e con intereses tan distintos neste espazo fermosísimo pero con grandes limitacións, non só económicas senón tamén de mínimo acondicionamento. Pero sobre todo este espazo, dende o meu punto de vista, por suposto, transmitiu a calidez do que se fai dende a paixón, a emoción e a constancia nos bos e nos malos momento que tamén os houbo. No aspecto artístico quedaríame coa perda de medo ao achegamento a un espazo de arte, e máis sendo de arte contemporáneo... conseguimos mover á xente, creamos polémica, movemos conciencias... rachamos a barreira co público, xa fora para recibir críticas ou alabanzas, pero ante todo, A Chocolataría foi un espazo vivo, mutante, en continua metamorfose, o que o fixo dela un proxecto inquedante, atemorizante as veces, pero ante todo sempre interesante para todos”.
Como anunciabaron ao principio, A Chocolataría non era só un espazo artístico. Nela montáronse exposicións de artes plásticas, pero tamén houbo un oco para expermientar cos novos medios, coa danza, co teatro, co cine, coa moda, cos xogos de rol, coas conferencias e cos obradoiros. Pero a súa directora asegura que foi tamén "un punto de encontro de xente de todos os países, con intereses aparentemente sen relación, persoas de tódalas idades... e con todos houbo sintonía.
O futuro
“Probablemente haberá unha festa de despedida, aínda que non temos nada pensado... e logo... ter unhas merecidas vacacións”. Pero Concha promete que despois dun tempo de descanso a Asociación Cutural D’5 ofrecerá outra nova propostas porque coa Chocolataría destapou “a caixa de Pandora”. Isto quere dicir que xurdirán novos proxectos, “máis ou menos cedo” pero existirán. O único condicionante “a priori” é, explica Concha "o respaldo das institucións culturais, porque doutra maneira planificar convértese en tarefa case imposible”. En todo caso, grazas a este proxecto quedará no imaxinario colectivo un arrecendo de saboroso chocolate.


