O noso sistema cultural mantén desde hai anos unha serie de polémicas que rexorden con forza cada certo tempo

A cultura bizantina galega

O termo "discusións bizantinas" naceu a se referir aos eternos debates sen solución que se mantiñan na corte de Bizancio sobre o sexo dos anxos. Quizais non tan irresolubles como aquelas, e poida que máis transcendentes, en Galicia mantemos tamén abertas, con longo alento, unha serie de cuestións. Temas coma o reintegracionismo, o celtismo, a territorialidade, a pertenza ao sistema literario galego de escritores en castelán ou o bilingüismo saltan periodicamente ás planas dos xornais. Nas últimas semanas estivemos a ver como chegaban aos medios de comunicación unha serie de cuestións xa coñecidas de vello. Son as nosas propias discusións bizantinas.

A pouco que alguén se interese pola lingua e a cultura galega tópase cunha serie de polémicas que se manteñen durante anos. Xornais, páxinas de Internet, cafeterías e todo tipo de foros son escenario máis ou menos público de discusión arredor destes temas. A práctica totalidade da poboación con inquedanzas culturais do noso país, e mesmo xente sen elas, posiciónanse máis ou menos claramente nalgunha das bandas a respecto destas cuestións. Convencidos de que precisamente as cousas en que non conseguimos poñernos de acordo son especialmente importante á hora de nos definir, facemos un repaso.

A/La
Quizais unha das polémicas máis repetidas dos últimos vinte anos sexa a cuestión do topónimo da Coruña. Francisco Vázquez, alcalde da cidade mantivo neste tempo pulsos coa Xunta, a Xustiza e a Mesa pola Normalización entre outros empeñado en conseguir a legalidade para a forma castelá do topónimo local. A cuestión de fondo é que, desde 1983, a Lei de Normalización Lingüística recoñece como únicos topónimos oficiais e legais no noso país os que están en galego. Logo de máis de vinte anos daquela aprobación, retirado xa Vázquez ao Vaticano, e cando semellaba que o tema ía descansar un pouco, a última sentenza do Tribunal Supremo, a prol da oficialidade única da forma galega, tróuxonos de volta a cuestión. Desta volta foi Méndez Romeu, conselleiro de Presidencia, quen apuntou que "a maioría dos galegos" non está de acordo co emprego exclusivo do topónimo galego. Ao tempo, reivindicaba a eliminación do artigo como xeito de liquidar o enfrontamento. Da outra banda, coma sempre, A Mesa pola Normalización, declaracións do Bloque Nacionalista Galego e, desta volta, mesmo intervencións puntuais da secretaria xeral de Normalización Lingüística, Marisol López. A proposta de Méndez Romeu de modificar as leis para recoñecer as formas castelás dos topónimos continúa enriba da mesa, e tamén a petición de responsabilidades políticas a Méndez Romeu por parte do BNG.

Escritores galegos en castelán
Outro tema que veu de volta estas últimas semanas foi a clasificación dentro do sistema literario galego de autores nacidos aquí que escriben en castelán. Aínda que está recoñecido de xeito común entre os especialistas que é a lingua o que determina a pertenza a unha literatura, de cando en cando avívase a polémica. Desta volta foi a finalista do premio Planeta, a redondelá Marta Rivera, quen reclamou a súa condición de escritora galega en castelán. Diferentes filólogos refutaron esta idea, aínda que as posturas oscilaban entre situala "fóra do sistema literario galego" como fixo, entre outros, Dolores Vilavedra ou considerar que a literatura en castelán de autores galegos está "na periferia" do noso sistema, como indicou Anxo Tarrío. Fóra dos ámbitos máis puramente académicos, Internet amosa a vitalidade desta cuestión a través de foros e comentarios do máis variado nos que aparecen de xeito recorrente nomes coma os de Cela, Torrente e mesmo Cunqueiro, que desenvolveron toda ou boa parte da súa obra en lingua hispana. A maiores deste último caso, unha nova noticia volta mover a polémica no ámbito das novas tecnoloxías. Seis autores de orixe galega ou que viven no país son candidatos nos premios aos mellores blogs hispanos (e en español). E é que a galeguidade de calquera experiencia artística que empregue o castelán suscita debate, sexa literatura, música, cine ou calquera outra.

Onde chegamos
Con menos éxito nas páxinas dos xornais, pero mantida desde hai xeracións, está a polémica sobre a territorialidade. A edición por parte dun partido independentista dun mapa no que aparecen como territorios galegos as comarcas do Navia e mais do Bierzo, actualmente fóra dos límites autonómicos, estivo a provocar nas últimas semanas airadas reaccións en Asturias e en Castela e León. Xa desde os tempos dos primeiros galeguistas a presenza da nosa lingua nestas zonas e o feito de teren sido en diferentes períodos parte do territorio galego, fixo que exista unha reivindicación histórica desde diferentes sectores do nacionalismo sobre a "Galicia Irredenta". Ao longo dos últimos anos, os debates centráronse máis no aspecto lingüístico. O apoio da Xunta ao ensino do noso idioma o no Bierzo ou o emprego en actos oficiais do galego en Asturias por parte da conselleira de Cultura provocaron diferentes polémicas coas autoridades das autonomías limítrofes. Entre as máis recentes estiveron tamén os enfrontamentos entre Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta e mais Juan Carlos Rodríguez Ibarra, presidente de Estremadura, sobre se o que se fala no val das Ellas é ou non é galego. E é que, por moito que insistan os filólogos, estas cuestións continúan abertas.

De onde vimos
Fóra de ata onde chegamos, e aínda máis vella se cadra, é a polémica sobre a nosa orixe. Desde que Murguía reivindicou a raíz celta da cultura galega, e xa van aló máis dun cento de anos, vanse sucedendo os argumentos a prol e en contra desta idea. A última achega vímola esta mesma fin de semana da man duns investigadores italianos. Mario Alinei e Francesco Benozzo aseguran que por xenética, arqueoloxía e mesmo riscos lingüísticos somos mesmo o núcleo orixinal da poboación celta, que se expandiu desde Galicia cara ao Norte. Á contra, moitos historiadores refutan esta idea como unha fabulación do pai da nosa Historia. Neste sentido, apuntan que a cultura castrexa ten unha destacada compoñente ibérica e influencias doutras culturas, que hai riscos considerados célticos que non están presentes no noso país, que a cronoloxía non sempre coincide e que mesmo aqueles que se asemellan poden ser resultado da difusión entre culturas, sen que necesariamente a poboación da antiga Gallaecia fose celta. E mesmo dubidan dos límites de a qué podemos chamar celta. E niso seguimos.

Qué falamos
Posiblemente a nai das disputas da nosa cultura. Con raíces que se remontan ao propio Rexurdimento, o debate sobre o reintegracionismo pode ser, moi ben, o que teña feito correr máis tinta. De xeito periódico decae ou volta á plena actualidade. A proposta de Carlos Casares de optar por unha ortografía etimolóxica, o proceso de reforma da normativa do galego ou a aposta de Camilo Nogueira por empregar o portugués no Parlamento Europeo foron algúns dos fitos que nos últimos anos levaron ás primeiras planas esta dura polémica. Na actualidade o debate mantense, con tons do máis variado en canto a dureza, en Internet, mesmo mediante foros que non naceron especificamente para falar de lingua. De feito, a tendencia a que esta cuestión acabe interferindo en calquera outra discusión na rede levou a Berto, promotor de Chuza.org e de Aduaneirossemfronteiras.org, a enunciar unha retranqueira lei na que enuncia: "A medida que unha discusión online en galego sobre calquera tema avanza, a probabilidade de que se mencione o reintegracionismo/isolacionismo achégase a 1". Fóra da rede, as posicións mantéñense entre os partidarios dos máximos reintegracionistas e do portugués patrón contra aqueles que apoian a normativa oficial, logo de que a última reforma desta eliminase do debate os partidarios dos mínimos. Algo máis distendida nos últimos tempos, a cuestión mantense a agardar o vindeiro embate sen mostras dunha solución próxima. A última proposta, que sen dúbida vai xerar posicións encontradas, é a que fixo o profesor Montero Santalha, que aposta por crear unha Academia Galega da Língua Portuguesa, como podíamos ler nos últimos días en diferentes medios.

Valle-Inclán
Outro clásico das leas culturais do país é o lugar no que naceu o don Ramón María del Valle-Inclán. Vilanova e mais A Pobra do Caramiñal dispútanse (e moito) ter sido o berce do xenial dramaturgo, que para enlear máis as cousas, proclamaba de xeito fabuloso ter nacido nunha barca no medio da Ría de Arousa. A forza da disputa lévaa periodicamente ás capas dos xornais, e provoca unha duplicidade de congresos, entidades, museos e premios literarios por cada banda da ría. Se Vilanova ten a partida de bautismo, a Pobra esgrime as declaracións do propio autor no bautizo dos seus fillos como probas principais, ás que se engaden de cando en cando achados documentais a prol duns e doutros. Hai agora sete días dábase un novo capítulo co fallo dos premios de narrativa (A Pobra) e de ensaio (Vilanova) que levan o nome do autor en días consecutivos. A polémica mantense aberta sen visos de solución. Quizais unha barca homenaxe no medio da ría que dea por boa a versión fantástica de Valle-Inclán.

E os que quedan...
Alén destas cuestións, hai toda unha serie de temas que se manteñen coma cuestións recorrentes. O escaso número de mulleres nas institucións culturais galegas, o universalismo e o localismo na literatura galega, as axudas a industrias culturais... Evidentemente, a grande polémica dos últimos anos no noso ámbito cultural son as obras da Cidade da Cultura no Monte Gaiás. O seu custo, utilidade e posibilidades ocupan un número destacado de espazo nos medios, e desde os máis variados sectores está a se opinar sobre a cuestión. É de agardar que teña unha solución satisfactoria e que non se converta nunha das novas cuestións bizantinas do noso país, que de certo han xurdir.