Teatro do Noroeste presenta en “Imperial: Café Cantante” a primeira superprodución do teatro galego

Este café ten música

Un espía alemán, un emigrante galego e un capitalista catalán atópanse nun café en Vigo nos días previos ao inicio da Guerra Civil Española. Nesta escena transcorre “Imperial: Café Cantante”, a última obra de “Teatro do Noroeste” que ten no seu haber ser a primeira superprodución e o primeiro musical do teatro galego. Arriba o pano!

Unha obra dunha compañía privada con dez actores entre os que hai nomes tan destacados da escena galega como Miguel Pernas, Luma Gómez ou Maxo Barjas non é algo moi habitual. Ademais, se os actores non só interpetan senón que tamén tocan e cantan durante dúas horas, a combinación resulta aínda máis estraña. Se a isto se lle engade un escenario elaborado, custoso e traballado como o dun Café cantante dos anos trinta en Vigo, o resultado é a primeira supreprodución do teatro galego. Eduardo Alonso, director e autor do texto orixinal desta montaxe explica “se o vemos desde o punto de vista do resto do Estado, temos unha produción ambiciosa pero nada máis, sen embargo, se o miramos desde a óptica do teatro galego, entón si que temos unha superprodución”.

Levantar o café imperial
Para que o Café Imperial sexa o que hoxe é, unha ambiciosa montaxe que está de xira por toda Galicia, hai moito traballo por detrás. Por situalo no seu contexto, desde que naceu a dramaturxia galega da man de Abrente en 1973, as compañías privadas contaban nas súas montaxes con catro ou cinco actores como moito. Sen embargo, Teatro no Noroeste botou a fiestra pola ventá no seu último traballo para ofrecer unha obra con dez actores, e un luxo de medios ata o momento só visto no teatro público (léase Centro Dramático Galego). Eduardo Alonso explica que “non creo que sexa a liña na que seguiremos traballando porque é difícil de afrontar algo destas características ata dentro de moitos anos. En todo caso se algo é esta obra é unha fuxida cara adiante”.

As características que fixeron posible esta montaxe redúcense principalmente a dúas grandes explicacións. Dunha banda está que a montaxe estaba practicamente vendida antes da súa estrea. “Foi un feito que levaba inexorablemente a facer a montaxe e que garantise a súa viabilidade económica, explica Eduardo, porque as axudas facilitadas a través do IGAEM e do Concello de Santiago só supuñan un 25% do montante total da obra”. Pola outra banda, estaba o interese persoal do propio director que levaba un tempo dándolle voltas á cabeza para facer un proxecto no que confluísen varias ideas. Eduardo explica que “por unha banda queríamos facer unha montaxe que tivera que ver coa historia, que ademais fose coa historia galega, que fose máis grande do que levábamos feito e que estivera pensado para o gran público”. O resultado é unha montaxe que conta unha historia de paixóns, crimes e espionaxe nos días anteriores ao estourar da Guerra Civil Española e que ten como hándicap conseguir captar o gran público. “En Galicia, explica Eduardo, o público que existe é moi minoritario e moi especializado e nós queríamos facer unha obra que fose fácil de dixerir, accesible e asequible para todos os gustos”.

O gusto polo rigor histórico
“Imperial: Café Cantante” ten ademais outra particularidade que o diferencia doutras montaxes, que é o feito de que introduza acontecementos históricos reais como marco. A montaxe desde principio ata o fin está repleta de numerosas anécdotas, detalles que, aínda o espectador non o saiba, son reais. Por exemplo, que a aliñación que se canta do Celta nun momento da montaxe é auténtica ou os nomes das rúas e das tendas que se mencionan na obra realmente existiron no Vigo republicano de 1936. Un feito curioso que evidencia o rigor e o gusto polo detalle co que Eduardo Alonso foi dándolle corpo ao texto. Non é moi frecuente nas compañías privadas interese pola documentación histórica, por levar enriba das táboas aínda que só sexa como marco e non como feito dramático, o noso pasado.

Coincide tamén que a obra se produce en pleno Ano da Memoria. Un feito que Eduardo relaciona como “algo circunstancial e casual, porque a obra comezou a xestarse hai uns dous anos”, cando aínda non se producira este bum por recuperar a nosa historia da Guerra Civil Española. “En todo caso, puntualiza o director, os feitos non se producen exactamente no momento que a guerra, senón que a obra remata precisamente no mesmo intre no que se produce o alzamento militar”.

Unha obra con música
Cómpre non esquecer que a historia acontece nun café cantante e, polo tanto, a música adquire case tanto protagonismo como o texto. “primeiro fíxose o texto, conta o director, e logo a partir dos primeiro borradores Bernardo Martinez foi compoñendo a música. Iso si, despois houbo que recuperar o texto para ir facendo algún cambios e así sucesivamente”. En todo caso, os actores desta obra tamén cantan e bailan, un feito que obrigou a que moitos deles tiveran que tomar clases de interpretación, mesmo durante case un ano. “Por exemplo, explica Eduardo, Maxo tivo que tomar clases de canto e, ao mesmo tempo clases de portugués” para poñerse na pel de “María das Neves” unha corista portuguesa que chega ao café Imperial para ser a súa intérprete estrela.

Ademais, esta obra nace para perdurar na memoria xa que o texto e a música foron editados por Espiral Maior nun Libro-CD. Unha iniciativa que completa o traballo feito neste "Imperial: Café Cantante".