As revistas científicas e de pensamento manteñen unha intensa produción nas marxes do público máis amplo

Nas marxes do quiosco

¿Liches algunha vez unha revista de estudos utilitaristas? ¿E unha dedicada ás investigacións políticas e sociolóxicas? ¿Sabías que hai un lugar onde documentarse sobre a xeoloxía e o Hercínico peninsular? ¿Es afeccionado á investigación graciana ou aos estudos torrentinos? No noso país dispós de publicacións especializadas nestes e en moitos outros temas. Son as revistas científicas e de pensamento, publicacións case descoñecidas que cumpren un importante papel na constitución dunha comunidade científica e intelectual.

Forman parte necesaria de toda cultura normalizada. Contan con tiraxes reducidas, que poden oscilar entre os 300 e os mil exemplares. Apenas se publicitan e só os coñecedores saben onde as encontrar. Trátase das revistas académicas especializadas, un complexo mundo do que tamén o noso país ten unha ampla mostra, e que en ocasións chegan a tratar temas que aos profanos lles pode parecer que rozan o surrealismo. Normalmente este tipo de produtos nútrense do traballo de investigadores, para quen publicar artigos é unha parte fundamental do currículo. A maior prestixio da revista, máis solicitudes haberá e máis se valorará ter aparecido nela. Juan Blanco, técnico do Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago (USC), explica as peculiaridades dos lanzamentos desta entidade, aplicables en xeral ao conxunto de cabeceiras deste tipo. "As revistas que publica a Universidade contan cun comité de redacción constituído normalmente por profesores da facultade que a promove e cun consello científico que está normalmente formado por especialistas recoñecidos no tema".

Cuestións económicas
"Non son precisamente best-sellers, pero responden a unha demanda de cubrir certos eidos temáticos. Non sempre é difícil mantelas e hai moitos intentos que non van adiante", explica Blanco. O apoio institucional de diferentes ámbitos mantén, canda ás subscricións e algunhas vendas, unhas propostas que non buscan a viabilidade económica directa. De calquera xeito, con este produtos obtense en ocasións un beneficio material indirecto que é o aforro na adquisición de publicacións semellantes mediante o sistema de intercambio entre institucións. E é que, en determinados ámbitos, pode saír máis barato facer revistas e cambialas do que mercalas fóra.

As de letras
As Filoloxías son quizais as disciplinas que contan cunha maior presenza no catálogo das publicacións especializadas. A lista de proxectos neste sentido inclúe "ANILIJ. Anuario de investigación en literatura infantil y juvenil", "Estudios de Sociolingüística", "Linguas, sociedades e culturas", "HESPERIA. Anuario de Filología Hispánica" ou "BABEL – A.F.I.A.L. Revista de Filología Inglesa y Alemana" todas da Universidade de Vigo; a "Revista galega de filoloxía", "Lenguaje y textos" ou a "Revista de Lexicografía" desde a Universidade da Coruña; "Verba. Anuario Galego de Filoloxía", "Moenia, Revista Lucense de lingüística & Literatura" ou o "Boletín Galego de Literatura" que edita a Universidade de Santiago. A Pedagoxía, a Historia ou o Dereito son outras materias que tamén contan cunha certa presenza neste sentido. "O predominio das Humanidades e das Ciencias Sociais é unha inclinación xeral na edición universitaria a nivel estatal", constata Blanco desde a USC.

As de ciencias
Alén das múltiples propostas que nos chegan do eido das Letras, tamén as ciencias teñen a súa representación nas publicacións especializadas galegas. Entre as propostas máis xerais está "La Revista de la Real Academia Gallega de Ciencias", que recolle artigos sobre Química, Xeología, Bioloxía, Farmacia, Matemáticas ou Física do Cosmos entre outros. Se queremos concretar máis, por exemplo, cara a Bioloxía, temos, desde o Seminario de Estudos Galegos os "Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas", e desde a USC "Nova Acta Científica Compostelá". Se aínda buscamos algo máis concreto, por exemplo, artigos sobre cogomelos, o Grupo Micolóxico Galego ten para nós "Mykes". Pola súa banda, os interesados pola Xeografía poden escoller entre "Terra", da Sociedade Galega de Xeografía ou "Xeográfica" da Universidade de Santiago (ou mesmo ler as dúas). E así con moitas outras materias.

Dun lugar
Precisamente a Xeografía pode ser un dos factores que determinen o nacemento dunha publicación deste tipo. No lugar de centrar os contidos nunha soa disciplina científica, son varias a publicacións galegas que apostan pola multidisciplinariedade co único condicionante de acoutar os seus contidos a unha área concreta. Deste xeito, por exemplo, sen máis unidade que o seren análises relacionados coa provincia, a Deputación de Pontevedra edita "Pontenova, Revista de Investigacion Xove". Dun xeito semellante, o "Anuario Brigantino" é a referencia para calquera tipo de estudos relacionados coa comarca das Mariñas, o "Boletín Auriense" recolle os traballos de Historia e Humanidades sobre a provincia correspondente ou "Estudios Mindonienses" encárgase de todo o relacionado coa zona de Mondoñedo ou a "Revista de Estudios Miñoranos" recolle análises sobre o Val Miñor.

Nomes que marcan
"Moenia", "Sémata", "Hesperia", "Thalassa", "Vial", "Viceversa", "Conceptos", "Cancionero General", "Dorna", os títulos destas publicacións son do máis variado, aínda que as palabras latinas que fan referencia á temática contan, a tenor dos catálogos, dunha certa aceptación entre os responsables. No outro extremo, tamén hai casos nos que se opta por títulos descritivos, coma "Industrias pesqueiras" da Asociación ANFACO ou "Cooperativismo e economía social". A escoller.

Fóra do académico
Alén das universidades, destacadas produtoras deste tipo de publicacións, tamén outras entidades culturais desenvolven proxectos deste tipo. Sen ir máis lonxe, o propio Consello da Cultura Galega edita "Estudos Migratorios" e "Estudos da Comunicación". Desde outra das nosas institucións culturais por excelencia ven a luz periodicamente dúas publicacións que entran nesta categoría, o "Boletín da Real Academia Galega", que canda ás actas das sesións e acordos do organismo recolle traballos relacionados co ámbito de actuación do mesmo, e os máis especializados "Cadernos de Lingua" que quere ser un referente sobre o galego. Pola súa banda, a Deputación da Coruña tira "Interea Visual" (destinada a técnicos culturais), e patrocina a edición de "Casahamlet", publicada polo colectivo homónimo e referencia fundamental no teatro. O Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais tira "Bululú", a revista galega dos títeres. A lista é grande e realmente variada, e non queda restrinxida unicamente ao ámbito público. Pola banda das fundacións encontramos propostas tan curiosas coma "El Extramundi y los papeles de Iria Flavia", editada pola Fundación Cela e dedicada en xeral á creación literaria, o pensamento e a crítica. De xeito semellante, a Fundación Rosalía achega a "Revista de Estudos Rosalianos". E a lista continúa.

Editoras
Como casos máis coñecidos de iniciativas editoriais neste sentido temos propostas como "Grial", desde Galaxia e "A Trabe de Ouro" desde Sotelo Branco. E non son os únicos. A pequena editora 3C3 apostaba aínda este mesmo ano por publicar "Roteiros", un anuario de pensamento filosófico. Segundo nos explica Amancio Liñares, responsable da editora, "cando nos presentaron o proxecto, vimos que outras editoras tiñan tamén unha revista propia, e pensamos que era algo prestixiaba a editora". Canda ao prestixio, existe tamén nesta iniciativa "unha aposta cultural. Cremos no libro, no idioma e na cultura, e este é un xeito de abrir camiños". Desde logo, en 3C3 recoñecen que non é por cuestións crematísticas que se lanzaron á aventura. "Non é rendible economicamente, levaríamos unha sorpresa se o fose, é máis un xeito de marcar unha liña editorial".

Asociacións
A outro nivel, asociacións e colectivos privados sosteñen con grande esforzo revistas especializadas que acadan ser referentes en áreas concretas. É o caso dos estudos feministas e de títulos coma "Festa da palabra" e "Andaina", publicacións cunha longa traxectoria. Noutra banda, podíase falar de "Encrucillada", no campo do pensamento cristián (con 1.500 subscritores) ou da "Revista Galega de Teatro" da asociación Entrebambalinas. De xeito máis recente, en 2003 a Asociación Galega de Historiadores, coa colaboración do colectivo Murguía de Historiadores, puxo na rúa a revista "Murguía". Como acontece con outras entidades deste tipo, manter unha publicación semellante non é sinxelo, aínda que conte cunha tiraxe de mil exemplares, como é o caso. "A iniciativa a nivel económico partiu do grupo inicial sen ningún tipo de axuda. Houbo despois algunhas colaboracións de Normalización, da Deputación da Coruña ou da Consellaría de Cultura", recoñece Uxío Breogán, presidente da Asociación. "Co apoio dos subscritores dá para imprimir a revista. Non computamos o esforzo humano en termos económicos. Agora mesmo estamos a buscar novas vías de financiamento e imos traballar o campo da publicidade, tanto de institucións públicas como de empresas privadas".

A historia repítese con poucas variacións entre diferentes colectivos que, con publicacións máis ou menos especializadas, buscan investigar e difundir parcelas de investigación ou de coñecemento que, para o grande público, adoitan ser descoñecidas. No entanto, están aí, e son moitas. Agardan agochadas nas marxes do quiosco, as librarías especializadas, agardando por se alguén un día alguén as olla distraído e encontra as respostas que buscaba ou queda namorado delas.