O MACUF recupera a videocreacion galega dos oitenta nun ciclo de conferencias e proxeccións

O regreso dos anos oitenta

Antón Reixa, Xabier Villaverde ou Manuel Abad son nomes consagrados no audiovisual galego. Pero tamén foron os abandeirados dun movemento que uniu arte e vídeo nun dos momentos máis frutíferos, rompedores e creativos do audiovisual. Agora, o Macuf e a Facultade de Belas Artes de Pontevedra uniron os seus esforzos par dar ofrecer unha revisión da videocreación dos anos oitenta.

Por todos é ben coñecido que os oitenta foron unha época de grande efervescencia cultural, artística e creativa que se desenvolveu en diferentes frontes, desde a musical á plástica, pasando pola literatura. A popularización do vídeo en formatos afeccionados, conseguidos grazas ao abaratamento da tecnoloxía, despuntou con forza neste momento, e serviu de soporte creativo a todas estas disciplinas. Isto foi o que permitiu atopar no mesmo punto a xente tan dispar como Antón Reixa, ligado por aquel entón á poesía e á música, con Ignacio Pardo, que era pintor e que nese momento cambia o lenzo polo vídeo.

Por que os oitenta?
Fernando Suárez, un dos comisarios da explicación e membro do Grupo de Investigación DX7Traker da Facultade de Belas Artes de Pontevedra que se encarga de coorganizar o Ciclo co Macuf, explica que “revisar o período dos oitenta, exactamente desde o 84 ata os noventa é case obrigado, unha forma de facer xustiza, porque foi un dos momentos máis destacados da creación galega que máis repercusión tiveron a nivel estatal”. Corrían os anos oitenta e mentres en Vigo tiña lugar o que posteriormente se coñecería como “movida viguesa”, unha cinta galega “Veneno Puro” dun novísimo Xavier Villaverde trunfaba no primeiro festival de vídeo en Madrid xunto con “Etapa” de Antonio Cano. “Foi un momento destacado, explica Fernando Suárez, que unha cinta galega gañase o primeiro premio nun festival de vídeo en Madrid foi moi relevante xa non polo premio en si, senón porque supoña darlle pulo a esa incipiente creatividade. Iso fixo que as miradas se volvesen cara Galicia, e a xente que traballaba aquí, comezou a ver que era posible chegar fóra”. E funcionou. Esa década resultou ser unha das máis frutíferas no audiovisual, marcando os inicios do que despois acabou por converterse nunha industria e, ao mesmo tempo, estivo marcada polos camiños da creatividade.

Comezou así o punto de partida para uns traballos arriscados, innovadores, frescos e moi independentes. Tan destacados que Fernando recupera unhas palabras coas que Manuel González abriu o ciclo o pasado catro de outubro ao dicir que “foi un dos momentos máis creativos e máis libres que tivo a videocreación galega porque daquelas non había ningún tipo de industria, de subvencións, de condicionantes e por iso que cada un deles fixo a arte máis pura que puido existir en Galicia nos últimos anos”.

Esta exposición fai un percorrido polas pezas que marcaron esa xeneración, desde “Ringo Rango” de Antón Reixa ou “Galicia Caníbal” de Xavier Villaverde ata “Videoviolín” ou “Tránsito” de Ignacio Pardo, con proxeccións dos seus traballos (un grande acerto debido á dificultade que hai para poder velos) e con conferencias nas que os seus propios protagonistas, fan memoria e explican os pormenores daquela época.

Os nomes
Eloi Lozano, Jesús Vecino, Xosé Abad, Guillermo Represa, Raul Veiga, Antón Caeiro, Ignacio Pardo son, ademais de polifacéticos artistas, algúns dos autores que se recollen neste ciclo. “Son moitos e nesta primeira revisión da videocreación dos anos oitenta, pero cómpre puntualizar que non están todos” explica Fernando Suárez. O que si pretenderon achegar desde o Macuf é ofrecer unha especie de mosaico que recollese as diferentes tendencias que houbo neste momento: a recuperación da memoria, a imaxe como palabra, a música como protagonista, a experimentación e o vídeo como ferramenta experimental. “Hai, explica Fernando, diferentes perfiles, por exemplo, o primeiro Ignacio Pardo que naquel momento era pintor e o que fai é cambiar de ferramenta, facendo naquel momento pintura sobre vídeo. Outra caso era o de Reixa, outro dos personaxes clave, que proviña da poesía e tiña unha editorial. O resto case todos viñan do cine afeccionado como Villaverde, Manuel Abad... pero todos estaban relacionados entre si, compartían lazos comúns”. De feito, desta sucesión de talentos creativos é de onde agromou a “Escola de Imaxe e Son” (EIS) da Coruña, que puxo en marcha Manuel González e que conseguiu trasladar ao centro educativo o espírito creativo. “De aí, explica Fernando, foi onde xurdiu a segunda xeración de videocreadores e que haberá que abordar nun segundo momento”.

Con maior ou menor representatividade, o que está claro é que neste momento todos fan creación artística. Fernando explica que “por exemplo, Ignacio Pardo céntrase na pantalla como lenzo, e ofrece un produto moito máis libre e iconosclasta porque non emprega a pantalla as mesmas linguaxes narrativas. Pola súa banda, Reixa fai unha videoarte musical pero que tamén é moi literaria, Villaverde é moito máis fílmico, Antonio Segade xoga coa linguaxe audiovisual para crear a partir da acción novas imaxes, Guilllermo represa aproveita a iconografía celta para facer un traballo ou, por poñer outro exemplo, Manuel Abad traballa coa memoria, pero a partir dunha linguaxe fílmica deconstrúea e crea unha nova linguaxe”.

O principio do fin
Coa chegada dos anos noventa, a expresivade dos anos oitenta foi perdendo forza. Para Fernando “supoño que foi por un cúmulo de pequenas circunstancias, como a aparición das primeiras políticas culturais, o desenvolvemento do audiovisual como industria, así como as propias circunstancias de cada artista e que da videocreación tampouco se vive”, o movemento foi perdendo forza. Villaverde creou a produtora “Villaverde e asociados” que hoxe é Continental, Antón Reixa montou “Videoesquimal producións” , despois “Portozás Visións” que hoxe é Filmanova, Manuel Abad continuou no seu labor no eido televisivo e foi un dos impulsores da Televisión de Galicia, cadea á que continúa vencellado, mentres que Ignacio Pardo foi o que continúa fiel aos seus principios, facendo videocreación no sentido máis estricto.