A rehabilitación da Illa de San Simón podería rematar a vindeira primavera

Simón para sempre

Durante a visita que realizou o conselleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela, á illa de San Simón anunciou que as obras de rehabilitación que se están a desenvolver no lugar poderían estar rematadas a vindeira primavera. Pérez Varela acodeu ó lugar para asistir á presentación da última novela do escritor Manuel Vázquez Montalbán, que comeza precisamente nesta illa.

Rematar as obras

As obras de rehabilitación que se están a desenvolver dentro do plano director da Illa de San Simón, na Ría de Vigo, poderían estar rematadas na primavera do vindeiro ano, segundo anunciou onte o conselleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela, durante unha visita á illa.
Na actualidade están sen rematar a restauración do antigo hospital, que será convertido en biblioteca, e a escola de estudios mariños e vela ademais do acondicionamento dos xardíns. Actualmente xa están recuperados oito dos dez edificios existentes en San Simón e na veciña San Antonio.

En San Simón atópanse nove construccións, que, segundo o plano xeral pasarán a desenvolver as funcións de vivenda do garda, cafetería, a sede de Estudios Mariños, a capela, o edificio para cursos e seminarios, un locla multiusos, os aseos, a residencia Stalla Maris e unha sala de talasoterapia, así como a futura escola de vela. É na illa de San Antonio onde se atopa o antigo hospital, que será transformado en biblioteca e museo. Ademais, cada unha das illas contará cun miradoiro acristalado que darán á boca e ó fondo da ría respectivamente.
As instalacións das dúas illas empregaranse para a celebración de seminarios, congresos e conferencias, servindo a residencia Stella Maris de aloxamento para os participantes nestes actos.
O conxunto arquitectónico da illa ten desenvolvido ó longo da historia múltiples funcións, sendo desde un convento a unha prisión e un lazareto.











Illas de libro


A illa de San Simón acolleu onte o acto de presentación da última novela do escritor Manuel Vázquez Moltalbán, que ten unha trama que arrinca neste lugar.
Vázquez Montalbán, nacido en Barcelona aínda que con ascendencia galega, coñeceu este lugar hai uns anos cando participou nun congreso.
A historia da illa foi o que levou a Montalbán a situar aquí o comezo dunha historia que recolle o mito artúrico de erec e Enide e reflexiona sobre a recuperación do amor cotián. Na obra aparecen representados personaxes reais coma o conselleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela ou a coñecida restauradora Toñi Vicente.