Cúmprense 25 anos da histórica travesía do palangreiro Xurelo contra os vertidos radioactivos da Foxa Atlántica

Un cuarto de século de xurelo

4/10/2006 | Santiago. Redacción | Seccións: Medio Ambiente
22 lecturas | Compartido 0 veces
O 15 de setembro de hai 25 anos, saía de Ribeira un pequeno barco palangreiro, o Xurelo. A romper a súa rutina habitual, a nave non se dirixía á pesca. Cunha variada e inexperta tripulación feita por militantes políticos, ecoloxistas e mais uns cantos informadores, o Xurelo ía na busca da Foxa Atlántica, unha área a 350 millas das nosas costas, para protestar polos vertidos de residuos radioactivos que diferentes países facían na zona.
Naquel momento ían xa para dez anos que un grupo de países entre os que se encontraban o Reino Unido e Holanda decidiran que a Foxa Atlántica, un abismo submarino situado mesmo enfronte das costas galegas era o lugar óptimo para se desfacer dos seus residuos radioactivos de media e de baixa intensidade. Esta proposta motivou toda unha serie de protestas de grupos ecoloxistas a nivel internacional, e a organización Greenpeace desenvolveu durante varios anos campañas levando os seus barcos á mesma zona de vertido, rexistrando imaxes que deron a volta ao mundo. De cara á campaña de vertidos de 1981, esta asociación internacional ofertoulle a diferentes partidos e colectivos galegos que participasen nas protestas a pé de foxa, e aló foi un grupo de defensores do mar nun pequeno barco a se enfrontar a aqueles enormes cargueiros nunha travesía que marcou un fito no noso movemento ecoloxista.

Búscase barco
Foi Esquerda Galega, pequeno partido liderado por Camilo Nogueira, quen colleu o reto. "Tivemos a oferta de Greenpeace de facer unha acción conxunta contra a Foxa Atlántica, e desde Esquerda Galega puxémonos en contacto con partidos e colectivos para facer unha expedición, pero non foi posible", lembra Manuel Méndez, daquela tenente alcalde de Moaña por este partido. "Entón foi EG quen falou coa confraría de Ribeira e cos armadores para localizar un barco e fretalo". E aí apareceu o Xurelo.
"Falouse primeiro con Xosé Miguel Harguindey, un pequeno armador de Ribeira para ver se quería implicarse, e co seu apoio encontramos finalmente a Ánxel Vila, patrón do Xurelo, que estaba disposto a ir co seu barco e cunha tripulación de tres mariñeiros", entre os que se encontraban o motorista e mais o cociñeiro do barco.

Búscanse tripulantes
En correndo cos gastos da aventura, Esquerda Galega convidou entón xornalista e representantes dos movementos ecoloxistas galegos daquela en activo a participar na viaxe. "Saímos á aventura sen permiso da Comandancia da Mariña, e ao día de partir chamaron dicindo que non tiñamos permiso porque levábamos a tripulación sen enrolar. Houbo momento de tensión porque o patrón pensou en voltar, pero a repercusión da viaxe na prensa fixo que a Comandancia rectificase e que nos deixase ir, dicindo que xa falaríamos ao voltar", explica este antigo militante de EG. Aínda que foron recibidos ao retorno por unha lancha da Garda Civil que identificou todos os membros da tripulación, finalmente non houbo represalias. "Os fotógrafos agocharan os carretes por medo a que lles levasen o material" lembra, Méndez.

Búscanse cargueiros
A ausencia do Sirius, buque de Greenpeace que ía acompañar o Xurelo, retido por avaría en Plymouth, fixo que os galegos tivesen que ir guiados mediante a radio por membros desta organización ata a foxa. "O patrón foi calculando a velocidade, os ventos e as rutas que podían levar os cargueiros cos residuos, o Louisen Smits e o Kirsten Smits". Unha vez na foxa, o Xurelo só contaba cun pequeno radar de proximidade para localizar os dous barcos. "Foi moi difícil, empregábamos o radar e o prismático, buscando día e noite, e cara ao terceiro día encontramos dúas manchas que circulaban en paralelo no medio do Atlántico", lembra Méndez. O Xurelo fixo entón o único que podía facer: documentar fotograficamente o proceso polo que os bidóns cheos de residuos se deitaban no mar de protestar simbolicamente por aquela acción.

Accións de denuncia
Non se puido facer máis. Carentes de lanchas pneumáticas, cámaras de televisión ou grandes barcos, o grupo só podía amosar o seu descontento. "O máximo que podíamos facer era iso. Ademais o patrón tiña moita precaución porque o barco era moi pequeno, estábamos a moita distancia de Galicia e había que ter en conta o tempo", lembra Méndez. "Cumprimos o obxectivo e tivemos que voltar, e alí no peirao fomos recibidos por moita xente". A xesta do Xurelo serviu para que o seguinte ano unha nova expedición, desta volta xa composta por máis barcos e coa representación de diferentes partidos, concellos e colectivos, organizasen unha nova visita, acompañados de Greenpeace. Ao tempo, membros de Esquerda Galega iniciaron unha campaña por Europa e participaron en diferentes accións contra os vertidos, coma a detención dun tren en Bélxica, en colaboración con outros grupos locais. E ADEGA optou por levar un autobús de dous pisos ata Londres en protesta.

Éxito e esquecemento
Logo da expectación que levantou aquela proposta, a memoria desta iniciativa decaeu logo de que, en 1983 se conseguise unha moratoria sobre o depósito de residuos no mar. En 1995 esta moratoria deveu en prohibición definitiva, o que supuxo o éxito final das reivindicacións daquela viaxe. "Visto con perspectiva, dáste conta de que unha acción que tampouco contaba con moitos recursos conseguiu paralizar os vertidos. Con pequenos actos coma estes pódese conseguir que o mundo camiñe nunha dirección distinta", lembra Henrique Álvarez, que participou como representante da Sociedade Galega de Historia Natural no evento. Coa vitoria, memoria popular foise perdendo a noción de que unha das accións que deron nesa medida estivo protagonizada por un palangreiro de Ribeira chamado Xurelo.

Búscanse xurelos
Foi precisamente desde Ribeira que Luís Teira, presidente da Asociación Altofalante, puxo en marcha unha iniciativa para lembrar aquela vella expedición. A coincidir co 25 aniversario da viaxe, reuniu nesta localidade un bo feixe de persoas que participaron nalgunha das saídas ata a Foxa Atlántica. "Era unha vella historia da que hai tempo que lle sabiamos a existencia. O que máis nos sorprendía era o descoñecemento xeral en todo o país, e aínda máis en ribeira", explica Teira. Recuperar os protagonistas daquelas aventuras un cuarto de século despois foi complicado. "Contactar coa xente foi moi difícil. Dalgúns tiñamos o teléfono, pero doutra xente non sabiamos nin o nome completo. Houbo que rastrexar moito", lembra. Máis sinxelo foi conseguir que Manolo Rivas se sumase á iniciativa "fíxoo de xeito entusiasta e deunos moitos contactos, foi tamén capital o traballo de Manolo Méndez", recoñece o presidente do colectivo.

Lembranzas
Méndez Lembra con cariño a referencia á aventura do Xurelo que fixo Agustín Fernández Paz no seu libro "As flores radioactivas". "Mudou os nomes, pero falaba dunhas flores das que aparecen alí, tiña noticias esta aventura", asegura. Fóra disto, poucos máis actos houbo rememorando a aventura ao longo destes anos. En Ribeira, o día 23 de setembro, preto de duascentas persoas asistiron a esta xornada de lembranza. "Os protagonistas agora ven aquilo cunha certa nostalxia. Henrique Escudero, por exemplo, que fora na primeira viaxe, contaba que de cando en vez viña a Ribeira e arrimábase ao porto para ver se estaba o Xurelo amarrado", sinala Teira. Logo daquela xuntanza, que conseguiu cumprida atención mediática, os implicados están a recompilar a diferente información que tiñan sobra a iniciativa. Pola súa banda, desde Altofalante aseguran que van facer xestións para poñer unha placa no peirao lembrando a travesía. É de supor que a partir de agora, a aventura daquel pequeno palangreiro hase lembrar un pouco mellor.

Universo culturagalega.gal

05/04/2010

A herdanza das baleas

A pesca de cetáceos deixou escasos restos no patrimonio material e inmaterial do país