O financiamento é a parte máis complexa dunha produción audiovisual que dura unha media de cinco anos

Antes da estrea

A situación creada por mor da suspensión da rodaxe de “Os mortos van ás présas” de Dygra por fallar as fontes de financiamento, acaba de pór sobre a mesa a figura do produtor. É a persoa menos visible do proxecto pero unha das máis importantes. Encárgase da preprodución, da busca de cartos, de xestión dos dereitos o que o converte, en resumidas contas, nunha das pezas claves para que unha produción saia adiante.

Nos encontros de audiovisual “Galicia, terra de cine” que organizou o Consorcio Audiovisual de Galicia hai uns quince días, os reponsables das produtoras (principalmente os produtores ou os produtores executivos) presentaron como unha trintena de proxectos que están en diferentes fases: uns en desenvolvemento de guión e financiamento, como é o caso da longametraxe “A maleta de Sofía” de Saga TV, ou como a longa de Vía láctea Filmes baseada nun feito real e que levará por título “Metílico, a bebida da morte”. Outros listos para a estrea e festivais (“A cuarta pista” de Pela del Álamo) e outros en fase de produción como Donkey Xote de Filmax Animation. Producións que veremos no cine nos próximos anos, o que evidencia a antelación coa que se traballa en moitos dos proxectos deste campo. En todo caso, o que queda claro é que no ciclo de vida dunha produción existen numerosas etapas, que son moi longas e nas que o produtor xoga un papel fundamental en todas elas.

O primeiro: ter unha idea
Emma Lustres (produtora executiva de Vaca Films) e Ignacio Vilar (produtor e director de Vía Láctea Filmes) coinciden en explicar que o primeiro paso pasa por ter unha idea inicial. “Existen diferente formas para ter unha idea, explica Emma, que pode ser que un guionista do teu equipo teña unha e que a estea a desenvolver ou, polo contrario, buscar un guión que sexa apetecible”. Neste segundo suposto, Emma explica que “o noso método de traballo é que o len tres persoas. A primeira fai un informe en canto a técnica de guión, e se redacta un informe positivo dálla a unha segunda persoa e así, a unha terceira persoa. En todo caso, seguimos varios criterios: dunha banda os puramente empresariais, en canto a viabilidade do proxecto, e outros de gusto acordes coa nosa liña editorial”. En todo caso, é o paso básico e fundamental para que se inicie o proxecto.

Unha vez que tes a idea do que queres facer, debes comezar a darlle forma, elixir o xénero, comezar a perfilar a idea. Por poñer un caso real, Vía Láctea Filmes, ten previsto levar ao cine o suceso acontecido en España no 63, cando se descubriu que unha adega ourensá comezou a vender bebidas adulteradas con alcol metílico que ocasionou a morte de 51 persoas e deixou cegas a outras 9. Desde que decidiu facer unha versión cinematográfica desta historia, Ignacio Vilar, que será o director da longametraxe, comezou a perfilar o guión e o deseño da produción, que segundo nos explica “é a busca de actores e quipo técnico”. Nesta primeira fase xa existen axudas por parte das administracións públicas (liñas de subvención para “desenvolvemento de guións”) que serven para que se poida facer unha planificación do guión, o deseño da produción e o financiamento do proxecto. Emma explica que “unha vez que consideramos que o guión está o suficientemente desenvolvido é cando comezamos a buscar financiamento.

O segundo: buscar financiamento
Este é o principal campo de batalla dos produtores, o de conseguir apoios financeiros para poder levar adiante un traballo audiovisual. Emma explica que a busca de financiamento está moi relacionado co deseño do proxecto e explícao dun xeito moi gráfico “é igual que co que fas cos planos dunha casa, porque vas dicindo que estaría que fose así, así ou así e vas contratando o que precisas para que quede así. Co deseño de produción é cando vas tomando decisións sobre casting, sobre o director ou a dimensión do proxecto. E aí é cando valoras o que necesita: se un coprodutor con capacidade de vend. Internacional ou nacional. En resumidas contas relacionas as necesidades desde un punto de vista económico financeiro coas creativas”. Mentres valoras o que queres facer, vanse establecendo as necesidades económicas.

Existen varias vías de financiamento dunha produción audiovisual. En primeiro lugar, os produtores consultados destacan as axudas públicas que conceden anualmente diferentes organismos: as autonómicas a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, do Consorcio Audiovisual de Galicia e da Xunta de Galicia; as estatais mediante o Instituto de Cinematografía e Artes Visuais, e as europeas a través dos diferentes organismos da Unión Europea (Comisión Europea) e do Consello de Europea e, por último, a través do Ibermedia, un fondo de axuda de países iberoamericanos. En segundo lugar, os recursos propios da empresa produtora: o seu capital, os préstamos e, por outra parte, os diferentes tipos de realización das producións, que pode ser desde unha produción propia, no que a produtora asume o custe total da produción, ata unha coprodución. Esta última é fórmula máis estendida no audiovisual galego porque permite asociar a outras empresas máis grandes para poder levar a cabo proxectos máis ambiciosos. No caso de Vaca Films, a súa responsable explica que “normal é que o envíenmos a posibles coprodutores coas que xa traballamos ou a algún produtor ao que pensamos que lle pode interesar o proxecto porque coincide ou é afín á súa liña de traballo”.

No caso concreto de Metílico, Ignacio Vilar explica que “estamos cunha fase de negociación, para poder pechar a coprodución con algunha empresa de Canarias (lugar no que se desenvolve o 50% da rodaxe) e dependemos un pouco do capital que se achegue desde Canarias”.

As vendas
Agora ben, tanto Emma como Ignacio explican que outra das vías de financiamento son as vendas de dereito, as vendas nos mercados nacionais e internacionais, os adiantos de distribución, os adiantos de vídeo e DVD que teñen unha casuística moi particular. “No momento que tes o proxecto, explica Emma, acodes ás televisións e comezas a mover a produción. Pero non recibes os cartos, o que tes é un contrato que che serve para ir ao banco para que che concedan un crédito”. Nos últimos anos, o Instituto de Crédito Oficial e o Instituto Galego de Promoción Económica, crearon liñas de crédito a baixo interese específicas para as necesidades de produción audiovisual, que axudou a simplificar os proxextos.

Cómpre ter en conta que a lexislación é moi concreta neste caso e que unha produción cinematográfica ten varias "etapas". Así, nos catro primeiros meses só se permite a súa explotación e cines, pasado ese tempo regúlase a explotación en alugueiro en vídeo e DVD, catro meses despois a súa venda nestes soportes. Doce meses despois de que se estreara no cine, pódese emitir nunha televisión de pago que terá a exclusividade durante os doce seguintes meses. Só 24 meses (que poden ser 22) despois da súa estrea en salas pódese exhibir en canles en aberto e polo tanto, os dereitos vendidos non se poden cobrar ata que o momento no que a lei permite a súa exhibición. Un ciclo de vida longa. Por poñer outro exemplo, Ignacio Vilar explica que acaba de pechar, co cobro de dereitos das televisións xeneralistas, a contabilidade de “Ilegal”, película que foi estreada en xaneiro de 2003 e iniciada tres anos antes. Unha evidencia do que Ignacio Vilar di que “o ciclo de vida das películas son moi longas”.

As achegas máis atípicas
Existen outras vías de financiamento atípicas nas producións. Dunha banda, as implicacións dos pequenos concellos, veciños e mesmo empresas que en lugar de achegar cartos facilitan axudas loxísiticas. Outro exemplo de vías de financiamento atípica é “De profundis”, a primeira longametraxe dirixida por Miguelanxo Prado que conseguiu a implicación financeira da empresa “Hijos de Rivera”, que produce a cervexa Estrella Galicia ou a auga Cabreiroá. Son infrecuentes, supoñen porcentaxes ínfimos do total dunha produción e moitas veces forman parte de implicacións persoais nas producións.

De todos os xeitosi, tanto Emma Lustres como Ignacio Vilar coinciden ao afirmar que só unha vez pechadas as vías de financiamento se pode pasar á seguinte fase que é a rodaxe. Unha fase na que o produtor debe garantir que non falta nada para que o traballo do director, do equipo técnico e do artístico, vaia tendo a súa relevancia.