Os poetas galegos lánzanse á videocreación na rede aproveitando as posibilidades da tecnoloxía dixital

Versos a 25 fotogramas por segundo

A popularización da tecnoloxía é un feito. Se hai xa uns anos que podemos encontrar na rede galega unha colección de páxinas e de blogs nos que poetas do país, máis ou menos coñecidos, amosan as súas creacións, nestes últimos tempos estamos a ser testemuñas dun paso alén neste fenómeno. A aproveitar as posibilidades que ofertan os sistemas de edición de vídeo dixital e os sistemas para compartir contidos deste tipo, coma YouTube, aos poucos, os vates galegos lánzanse á videocreación.

Como exemplos destacados destas propostas temos tres poetas novas que coinciden tamén en que desenvolven parte da súa actividade poética mediante cadanseu blog. Trátase de María Lado, Antía Otero e mais Sara Jess, autora que prefire ser coñecida por este seu pseudónimo cibernético. A primeira e mais a terceira teñen as súas videocreacións a disposición do público nesas mesmas páxinas, mentres Antía Otero sinala que ten a intención de colgar os seus vídeos proximamente. "O vídeo permite que entren máis sentidos e axuda a entender mellor os textos, aínda que tamén dá unha imaxe sobre eles máis forzada", explica Sara Jess, que pensa que este tipo de propostas se han multiplicar nos vindeiros anos grazas á cada vez maior difusión da tecnoloxía. "É unha ferramenta máis de xente que medrou coa televisión e con Internet. Logo tamén está de moda o dos blogs e agora é moi sinxelo mandar un vídeo a calquera parte do mundo ou colgar fotos. Non se precisan grandes tecnoloxías para facer este tipo de proxectos, hai moitos programas moi sinxelos de manexar e todos temos unha cámara de fotos que ao tempo grava vídeo", completa esta autora.

Movementos cara á rede
Segundo sinala Sara Jess, "Hai xente que está a desenvolver ese lado creativo, e proxecta os seus vídeos nos recitais que fai. Cada día emprégase máis o audiovisual". Con esta idea coincide Antía Otero que considera que "é inevitable que se empregue cada vez máis, considero que a poesía está nun momento de apertura cara a novas fórmulas creativas", lembra. Un dos autores que leva xa anos a investigar e analizar as propostas deste tipo é Rafa Xaneiro, vencellado á comunidade artística Alg-a.com. Segundo el, "obviamente hai unha evolución no campo da videocreación, marcada pola evolución da tecnoloxía", claro que esta mudanza, "non é algo específico e dáse en calquera expresión artística, a revolución tecnolóxica está a facer que o artista se converta tamén en investigador, nun sentido moi diferente de como se viña facendo ata o de agora". O achegamento a este xeito de expresión vén en cada caso por diferentes vías. Nos exemplos citados, por exemplo, Sara Jess ten experiencias previas no campo do audiovisual, mentres que Antía Otero chegou ao vídeo polo teatro. "A partir de facer textos de teatro para min cheguei á conclusión de que a poesía achegábame máis que nunca á imaxe teatral e á imaxe conceptual", sinala. De feito, empregou os dous videopoemas que desenvolveu ata o momento nunha obra teatral, ademais de proxectalos en diferentes recitais. A falta de formación específica no campo audiovisual, esta autora recorre a amigos para encargarse da parte técnica dos proxectos.

A imaxe e a palabra
A este respecto, as posibilidades son do máis variado. Entre as máis simples cóntase a sucesión de imaxes metafóricas sobre as que se escoita o texto recitado dun poema ou a aposta polos subtítulos ou por pantallas en negro intercaladas nas que se poden ler os versos. A partir de aí, as posibles complicacións son inmensas: Imaxes en movemento do propio poeta, a recitar ou a desenvolver calquera tipo de actividade, mesturas de fotografías fixas con escenas en movemento, imaxe de síntese ou animación... os recurso conxúganse en experimentos que chegan mesmo a prescindir do texto e que manteñen a súa condición de poemas apenas polo título. "O que teño na páxina, por exemplo, son fotografías animadas con texto polo medio e cun fondo musical" sinala Sara Jess. Pola súa banda, Antía Otero sinala "por unha banda empreguei series de fotografías cunha voz en off a recitar por riba e pola outra empreguei vídeo sen texto, onde este nace a partir do subtexto das imaxes".

Autores sen xénero
Neste sentido, Rafa Xaneiro apunta as dificultades para definir este tipo de propostas. "É difícil delimitar o que é unha videocreación, os límites dos xéneros esvaen", e lembra neste sentido as xornadas Translittera, que se celebraron o pasado mes de novembro no Consello da Cultura Galega precisamente como punto de encontro das novas expresións literarias. "Neste evento, por exemplo, había xente vencellada ao colectivo Alg-a, coma Nela Quesada ou Nacho Muñoz, que se centran máis na música, ou Miguel Seoane, que traballar máis a imaxe xerada electronicamente. Tamén está Ana Cibeira, que traballa nun sentido moi próximo ao que sempre se denominou poesía visual desde unha perspectiva bastante feminista".

Máis videos
O fenómeno da videocreación poética non é novo. A mestura dos versos con imaxes, fixas ou en movemento que complementen ou completen o seu sentido é xa unha proposta antiga. Exemplo destacado desta iniciativa é o filme "Ringo Rango", de 1990, no que se escolma unha serie de textos de Antón Reixa coa participación de diferentes actores. Entre os casos máis recentes temos propostas coma a de Yolanda Castaño, que incluíu no seu último poemario, "O libro da egoísta", un DVD con material audiovisual. "O vídeo da egoísta" valeulle á súa autora levar o premio Curtocircuíto 2004 na sección de videocreación, nun recoñecemento público a este tipo de propostas. Aínda a finais de 2005, Translittera reuniu algúns dos creadores que apostan por este tipo de contidos, e daqueles encontros saírons propostas Publipoemas de Quique Otero e Manolo Cortés, dispoñibles no web de Arredemo.

Futuros
Entre os vindeiros proxectos de moitos videopoetas está continuar con este tipo de propostas. "Teño un proxecto chamado `Os ollos da cidade´ que pretende amosar a vida cotián de poetas mentres se escoitan os seus versos recitando e a falar sobre o mundo urbano no que vivimos e a separación da aldea", explica Sara Jess. Pola súa banda Antía Otero apunta que "estou comezando a traballar co concepto de cabelo a través da imaxe das trenzas". Pola súa banda, Xaneiro está convencido da importancia que vai desempeñar Internet no desenvolvemento artístico. "Penso que a cousa vai tirar cara aí, xa non só a nivel artístico, senón que finalmente a rede vai funcionar coma un reflexo especular da nosa realidade que ao tempo nos vai adiantar e amosarnos novos xeitos de ser na realidade". De certo que, canda a elas, ha ser cada vez máis habitual atopar pola rede poesía a vinte e cinco fotogramas por verso.