Lugo conclúe a XVIII edición da Semana de Cine de Autor de Lugo manténdose fiel aos seus principios

Autores en Lugo por unha semana

É a semana de cine máis antiga de Galicia, cumpreu XVIII edicións e este domingo acaba de pechar a máis ambiciosa. Máis títulos, homenaxe á descoñecida actriz Carme Correa (O Queirugal, Lugo, 1933) e numerosas actividades paralelas centraron unha semana de cine que leva a etiqueta de autor e que permanece fiel aos seus principios ante a marexada de festivais de cine que proliferan en Galicia.

Con 15.000 espectadores xa recontados, o comité organizador desta edición coinciden en destacala como a mellor. En parte porque para Xulio Xiz, membro do Colectivo Fotocinematográfico Fonmiñá (único organizador do evento) “vivimos unha revitalización da afección ao cine en Lugo grazas a unha nova xeración, moito máis influenciada polo cine”. O director da Semana, Manuel Curiel, matiza esa explicación ao apuntar que “os nenos que veñen hoxe ao cine, veñen porque os que os traen os seus pais que xa viñan á Semana sendo nenos”. E que claro, con vinte e oito anos ás súas costas, xa dá moitas xeracións tras de si e os organizadores notan que comezan a recoller os froitos de toda esta traxectoria de traballo.

Os premiados
Comezamos cos premiados porque aínda está fresca a gala de Clausura (tivo lugar onte pola tarde no Auditorio Gustavo Freire) coa que se pechou a edición máis ambiciosa deste programa de cine en canto a orgamento (90.000 euros) e afluencia de público. “Paradise Now”, con 2.484 puntos, foi a película gañadora desta edición. A segunda película mellor valorada foi “Sumas e restas” (dirixida por Víctor Gaviria) que obtivo 1.868 puntos e, por unhas décimas (1.858) quedou “Outros tempos” (dirixida por Andre Techine). Ademais, un representante da firma Máiz Creativos, que fora a gañadora do concurso de carteis, subiu ao estrado para recoller os 1.000 euros e o trofeo co que está dotado este concurso. Como broche final dúas producions galegas: “O portal”, a mediametraxe dirixida polo lucense Felipe Neira que foi feita cos medios da Escola de Imaxe e Son que promove a Fundación TIC en Lugo e, pola outra, a proxección de “A casa da miña avoa”, o multipremiado documental de IB Cinema.

Tendencias e programas
A programación desta edición evidenciou numerosas tendencias. En primeiro lugar, na sección “Inédito en Lugo”, aproveitouse para dar a coñecer o cine que por problemas de distribución non chega á capital lucense no resto do ano. En segundo lugar, na sección de homenaxes, aproveitouse para dar a coñecer a unha personalidade relacionada co mundo do cine e que nacera en Lugo. Manuel Curiel explica que “cando decidimos a quén se pode homenaxear o primeiro que facemos é indagar no historial de xente que nacera en Lugo, fixándonos, sobre todo, en xente maior e que hoxe estea desvinculada do cine”. A persoa que destacaron este ano foi Carmen Correa, unha actriz que naceu no Queirugal hai setenta e tres anos e que nos sesenta participou nunha vintena de películas. Algunhas delas proxectáronse en Lugo a propósito da súa visita, así como a edición dun libro a cargo do director do festival. En terceiro lugar, a revisión da cinematografía dun país. Se o ano pasado en Lugo foi México o país convidado (aproveitando que a actriz lucense homenaxeada desenvolveu nese país a maior parte da súa carreira), nesta ocasión a filmografía Arxentina anegou Lugo en múltiples seccións (Arxentina inédita, Arxentina hoxe, Arxentina onte, Arxentina en curto), “o principal criterio que se seguiu á hora de escoller o país, explica Manuel Curiel, foi que estaba en voga”.

A semana no seu contexto
A Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo coincide desde o seu nacemento co Festival de San Sebastián, cun orzamento reducido (nesta edición tivo 90.000 euros) e rodeado por numerosos festivais en Galicia con menos tradición e con orientacións diferentes (centrados en curtametraxes, en documentais...) sen embargo, pese a todos estes factores, o festival continúa fiel aos seus principios. “Nós o que queremos, explica o director Manuel Curiel, é achegar cine que non se pode ver en Lugo durante todo o ano e achegar así o noso gran de area para contribuír a difundir o cine”. E non só iso, Xulio Xiz explica “non é doado manter unha continuidade nos festivais de cine, por iso ter vinte e oito edicións xa é unha marca de identidade deste festival”.

Pero Manuel Curiel explica que o festival non tivo sempre a “etiqueta de autor”, senón que a adoptou ao pouco de comezar a funcionar grazas a Luís Álvarez Pousa. “Sendo Álvarez Pousa Director Xeral de Cultura, pediunos que lle buscaramos ao festival unha especificidade, algo que o fixera diferente doutros festivais que puidese haber nese momento, el propuxo que fose un festival de cine de autor e así foi desde entón”.

O colectivo Fonmiñá
A semana internacional de cine de autor de Lugo ten dese o seu nacemento un nome propio. É o do Colectivo Fotocinematográfico Fonmiñá, que como o propio Xulio Xiz indica un ten dúas liñas, unha dedicada á fotografía e outra á cinematografía. Esta segunda liña “non se reduce só á Semana de Cine, explica Xulio, senón que tamén organiza pequenos ciclos e en localidades (como Guitiriz ou A Fonsagrada) en convenio con entidades como Universidade de Santiago, Caixa Galicia ou os propios concellos para achegar o cine ao público en xeral”.

A Semana de Cine de Autor pechou as súas portas, pero o bo cine continuará da man do colectivo a través da súa programación como cineclube.