A miúdo temos a imaxe estereotipada dos investigadores como persoas xa entradas en anos, con batas brancas, que fedellan en aparellos estraños e empregan unha linguaxe incomprensible. Despistados, aburridos, ensimesmados... A este colectivo caeulle enriba toda unha serie de tópicos que actúan como unha barreira de cara ao recoñecemento do traballo que desenvolven. Agora, a Consellaría de Industria aposta por mudar esa imaxe en Galicia, e para isto pon en marcha a Noite dos Investigadores", unha orixinal iniciativa que convida a entrar na ciencia dun xeito lúdico e a ver as persoas que hai debaixo das batas.






O obxectivo é amosar o científico como unha persoa "normal coa que se pode identificar o público", explica a presentación do proxecto. A idea da Noite dos Investigadores xurdiu da Dirección Xeral de Investigación da Comisión Europa o pasado ano e chega agora ao noso país, dentro do programa "Mergúllate na Ciencia". A Coruña, Vigo e Celeiro son os portos que acollen o venres 22 entre as oito e as dez da noite este evento, que ten como eixe a investigación no mar. A proposta xurdiu desde a Dirección Xeral de I+D da Consellaría de Industria, desde onde se contactou con universidades e centros tecnolóxicos para organizar o evento e optar á axudas europeas para programas deste tipo. "A Dirección Xeral comezou a tirar do fío e contactou cos grupos de investigación", explica Lucía Fraga desde o Centro Tecnolóxico do Mar, en Vigo. "Ao final recompuxéronse un pouco todas as propostas que se enviaron e homoxeneizáronse, de xeito que o resultado é conxunto, non é unha idea orixinal de ninguén". Foi a grande masa de investigadores dedicados ao mar o que decidiu aos organizadores a centrar neste ámbito as súas iniciativas. "Cada un dos lugares onde se celebra a Noite dos Investigadores ten un enfoque algo diferente", completa Fraga.
Divulgación a dúas bandas
O Grupo de Investigación de Recursos Mariños e Peixarías da Universidade da Coruña é o responsable da organización das actividades na Cidade Herculina. "Pensamos nunha serie de actividades para diferentes tramos de idade, desde os máis pequenos ata xente mesmo na vintena, a idea é amosar o que é a vida cotiá do investigador e como o seu traballo ten unha repercusión social" explica Juan Freire, profesor deste equipo. Neste caso A Noite dos Investigadores" serviu para que os estudosos se acheguen á xente, ademais de introducir o público xeral no mundo da investigación. "Todo o que se vai facer son deseños orixinais do grupo. É interesante porque é xente que se dedica á investigación. Cando nolo propuxeron a primeira resposta foi de escepticismo, era algo moi afastado do noso mundo habitual e os prazos eran moi curtos" explica. "Logo, a falar deste tema, comezamos a pensar en positivo e vimos o que se podía facer, e entón descubrimos que nos apetecía amosarlle o noso traballo á xente". Despois dun grande esforzo, o grupo asegura que encontrou nesta iniciativa "unha experiencia moi positiva, vimos que temos imaxinación para deseñar este tipo de cuestións e que somos capaces para organizar isto de xeito autónomo". Nese sentido, Freire sinala que o interese pola divulgación pode facer que no futuro o grupo desenvolva novas iniciativas neste sentido.
Ata o fondo
Entre as ideas que desenvolveu este equipo de dez persoas está ofertar a posibilidade de que os asistentes realicen o seu "bautismo subacuático" con bombonas de osíxeno nunha piscina, no chamado "botellón submarino". "A idea é que o público poida comprobar como funciona unha das nosas ferramentas de traballo", explica Freire. Quen non se queira mollar ten tamén a opción de ver como é o fondo mariño a través do robot de investigación que o grupo terá no peirao da cidade. Acompañados por auténticos científicos, os asistentes poderán xogar a identificar animais, situalos nos seus hábitats, relacionar as crías cos exemplares adultos ou ver quen come a quen baixo as augas. "A idea é que ao fío destas propostas os investigadores establezan un diálogo cos rapaces". Unha das propostas que máis pode chamar a atención é o xogo co que se anima aos participantes a aprender a xestionar recursos pesqueiros. "Hai catro piscinas de bolas que simulan o mar, e dentro hai peixes e animais de goma e de plástico", explica Freire. O desafío consiste en pescar, pero non gaña o que máis peixe consiga, senón o que mellor consiga explotar os seus recursos e manteña a viabilidade da explotación. "A idea é que ao final do xogo vexan que co seu comportamento poden esgotar os recursos". Como fondo a todas estas actividades proxectarase continuamente un audiovisual que "amosa a vida do científico mariño mentres non está a traballar, o seu día a día. Logo tamén se amosa a súa actividade profesional, incluíndo a menos típica". Alén da actividade de laboratorio coa bata, "o traballo é moito máis diverso e complicado. Traballamos no mar, con pescadores, e vaise amosar tamén o material que empregamos, o mar e a xente que traballa nel". Todas estas actividades desenvolveranse na carpas que se situarán na zona do Parrote.
Do cotián á aventura
"A nosa proposta en concreto foi facer unha feira, non só de investigación, senón tamén coa participación do público para amosar a parte máis lúdica da ciencia", sinala Lucía Fraga desde Vigo. O Centro Tecnolóxico do Mar coordina a actividade xunto co Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigación Científicas e a colaboración da Universidade de Vigo, a Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños e o Museo do Mar entre outros. Unha curiosa proposta que achegan desde a Cidade Olívica é ver como se empregan os obxectos máis cotiáns para facer ciencia. "Amosamos que facer investigación non é só empregar aparellos moi precisos e complicados. Por exemplo podes precisar un trade para poñer un cravo e enganchar unha rede na rocha, ou un cepillo de dentes para obter determinadas mostras", explica Fraga. Da outra banda da normalidade, a amosar como a investigación pode ser tamén aventura, en Vigo propoñen unha acampada. "O laboratorio de Bioloxía Animal da universidade está especializado na investigación de ambientes extremos. Entón achegan unha tenda das que empregan na alta montaña coa trampas habituais para pequenos mamíferos", destaca esta investigadora, "deste xeito amosan como para chegar a determinados espazos de difícil acceso teñen que desenvolver actividades deportivas, e mesmo teñen fundado clubs para desenvolver estas actividades e formarse".
A diferenza do científico
Sen ir tan lonxe, os asistentes poderán participar as peculiaridades do traballo nun barco, mais concretamente, o xeito en que o balanceo pode complicar tarefas coma transvasar ou medir líquidos. "Montamos un simulador para que se poida comprobar como é traballar en movemento, é un aparello curioso de ver". Para incidir en que os investigadores non responden sempre á imaxe de sabio con bata, en Vigo tiveron a idea de facer un curioso xogo que convida a recoñecer investigadores no medio dunha multitude. "O tema é que non parecen científicos típicos, semellan cousas moi diferentes e é un pouco difícil", completa Fraga. A noite en Vigo acabará cunha degustación de produtos do mar como ostras ou polbo, nunha auténtica festa.
Máis festa
En Celeiro, quizais unha das proposta que máis chama a atención é unha carreira de vehículos de hidróxeno. Gañará que consiga orientar mellor os paneis de enerxía solar do seu coche. Un xogo que permite aos participantes simular un rescate no mar completarase coa posibilidade de chatear coas tripulacións de auténticos barcos pesqueiros que se encontran en alta mar. As iniciativas son moitas máis das que listamos, e na Coruña, por exemplo, pódese ver a actuación dun grupo de rock formado exclusivamente por investigadores. Cun ollo no tempo, están ultimándose os detalles da festa. Para evitar que o temporal previsto para estes días non interfira na celebración, en Vigo trasladaron as actividades ao Museo do Mar, ao que se poderá acceder mediante autobuses desde a Estación Marítima. Haberá que se achegar a esta noite de festa e ciencia e coñecer de primeira man os investigadores.
