As novas estratexias de difusión da cultura galega centran o VIII Congreso Internacional de Estudos Galegos que se celebra en Salvador de Bahía

Galegos na Bahía

Hai xa ben anos que a Asociación Internacional de Estudos Galegos está a desenvolver o seu traballo a prol da investigación sobre a nosa realidade desde o exterior e do intercambio de experiencias internacionais neste sentido. Este mes de setembro arrinca en Salvado de Bahía, Brasil, o VIII Congreso Internacional de Estudos Galegos, no que a proxección exterior da cultura e a nosa relación coa Lusofonía xogan un papel destacado.

O feito de que un congreso coma este, centrado no noso país, se celebre nun lugar tan afastado coma Brasil pode sorprender se non sabemos que na Universidade Federal desta cidade é o punto de referencia dos estudos galegos en toda Sudamérica. Dun xeito semellante, desde 1985 cidades coma Oxford, Trier ou Barcelona, entre outras, acolleron cadansúa edición deste evento. "O congreso naceu coa intención de abrir un foro para o encontro de investigadores de fóra e de dentro do país a nivel multidisciplinar", explica Helena González desde a Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) "Non se trata dun encontro de especialistas en onomástica nin en literatura medieval. Hai xente de historia, de arte, de tradución ou de estudos migratorios que teñen interese neste evento. Aínda que non hai intención de facer congresos temáticos, para esta edición pensouse en falar sobre da todo do tema da proxección exterior da cultura e mais da relación coa Lusofonía, que foi un tema que se desenvolveu moito".

Desde a AIEG, González recoñece que se está a incrementar o interese por estes ámbitos entre os diferentes estudosos da nosa cultura no mundo, afianzado en grande medida polo desenvolvemento de industrias cultural coma a discográfica ou a editorial. A amosar esta tendencia, destaca a intervención de apertura do encontro que fai Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura. "Nesta intervención daranse moitas liñas non só a nivel intelectual, senón tamén nun plano político, sobre por onde pode ir a proxección internacional da cultura".

Os mundos do portugués
Precisamente sobre as diferentes perspectivas que existen encol da Lusofonía tratará a intervención que prepara Burghard Baltrusch, profesor na facultade de Tradución e Interpretación de Vigo. "O concepto de Lusofonía encerra unha problemática en si mesmo, xa que mira unha comunidade que é heteroxénea de máis para constituír unha unidade" apunta. Segundo sinala este investigador, a perspectiva sobre a Lusofonía varía en cada unha das áreas do mundo que tradicionalmente se inclúen neste concepto. "Visto desde Brasil hai unha serie de voces académicas e artísticas que consideran que é un concepto superfluo ou morto", apunta, mentres que "desde Portugal a Lusofonía é un complexo que reúne elementos un tanto míticos, coma un substituto da gloria imperial do pasado". Ademais "en Portugal hai un feito ideolóxico que é a idea de crear desde este concepto un lobby político e económico internacional". Pola súa banda, Baltrusch considera máis complexo o panorama africano, "o portugués fálao unha minoría, aínda que sexa lingua oficial e da educación porque só unha minoría ten acceso a estas institucións. Mozambique, por exemplo, ten máis de cincuenta linguas e unha forte influencia do inglés, é moi complicado e hai moitas voces críticas porque non houbo tentativas reais de superar o pasado colonial".

Galicia e Portugal
Por se fose pouco este complexo panorama, "está a complicada relación de Galicia coa Lusofonía, coas diferentes posturas que van desde a reintegración no mundo lusófono ata os que apostan por manter unha certa autonomía" resume. De calquera xeito, tanto uns coma outros, voltan en cadanseu xeito, a ollada para o sur. "Nos últimos tempo vese un grande interese en relacionar Galicia coa Lusofonía. O problema é que debido á súa historia, Galicia está cun pe nun mundo hispano. Sería moi interesante e proveitoso para Galicia poñer un pé no mundo lusófono e conxugar a presenza cultural, política e económica nos dous eidos, unha cousa non se pode acadar sen a outra". A falta de compromiso político é unha das eivas destacas que, ao seu ver, provocan esta relativa debilidade das relacións na Lusofonía. "Hai un mercado editorial e mediático que funciona no seo da Lusofonía e que dá de comer a empresas e artistas, pero non é abondo. Falta un compromiso cultural que parta dos propios gobernos, e a este respecto estamos a agardar por un posicionamento claro da Xunta. Estamos nun momento moi interesante porque está haber intercambios e contacto con Portugal, pero falta un acompañamento disto polo sector político".

Traducións
Baltrusch tamén desenvolve boa parte do seu traballo no outro grande factor de relación exterior da nosa cultura, a tradución. A este respecto adiántanos un importante proxecto que estará en breve ao noso dispor a través da Internet, a biblioteca Dixital da Tradución Literaria en Galicia. "Será unha listaxe de todas as traducións literarias ás que tivemos noticia de practicamente todas as linguas ao galego", explica. "Está previsto engadir no futuro a tradución en galego para outras linguas". Arredor de 4.000 títulos conforman unha exhaustiva base de datos en liña que permitirá facer buscas mediante diferentes criterios e que incluirá todo tipo de información sobre as obras. "Agardo que esta ferramenta lle dea visibilidade á tradución literaria en Galicia e demostrar o importante que a política se interese pola tradución coma un factor de normalización da lingua e da industria cultural". A medio prazo está previsto que o proxecto inclúa mesmo notas sobre os criterios que se seguiron para a tradución e que se poidan amosar as capas das obras.

Outras relacións
En xeral moitas das intervencións do congreso tocarán estes temas. Da banda da Lusofonía Pilar García Negro, por exemplo, tratará o concepto da lusofobia como modalidade de galegofobia, unha intervención de Alexandre Fiúza tratará as relacións da Nova Canción galega con Portugal, a relación entre Celso Emilio Ferreiro e Carlos Drummond de Andrade, o espallamento de Rosalía de Castro no Brasil, unha comparanza entre galego e portugués a partir dos sufixos –aría/-ería, e outra entre o Atlas Lingüístico galego e o brasileiro son só algúns dos temas propostos. Da banda da tradución temos intervencións sobre cuestións coma a tradución da literatura do Holocausto ao galego, a crítica de tradución no noso país, a dobraxe de produtos sudamericanos, problemas da tradución ao francés.... A lista é inmensa e enormemente variada, e complétase aínda con análises sobre literatura, poesía, historia, tradición ou audiovisual. Ademais das diferentes análises, o congreso dedicará unha fracción do seu tempo a unha parte práctica "Aínda que non é unha feira cultural nin ten capacidade para unha grande programación, queríamos que houbese unha presenza de xente das profesións da cultura". Autores traducidos coma Rosa Aneiros ou Agustín Fernández Paz, músicos coma Bieito Romero, ou Talía Teatro participan neste evento. "A idea é demostrar tamén que hai determinados produtos que son exportables", completa González.