As actividades do Ano da Memoria levan á axenda institucional o esforzo por recuperar a lembranza sobre a represión franquista

Unha explosión de memoria

Nos últimos anos foron multiplicándose polo noso país os colectivos a prol da recuperación da memoria histórica. As exhumacións de corpos, os actos de homenaxe, as publicacións, os encontros... toda unha serie de factores deron nun efecto multiplicador que chega agora a un celme. A posta en marcha do Ano da Memoria pola Consellaría de Cultura supón un decidido apoio institucional a estas propostas, e quere axudar a que non nos marchen da memoria toda unha época xusto no momento en que os seus protagonistas están a desaparecer.

Tiveron que pasar case setenta anos para que o concepto "memoria histórica" chegase a onde chegou. Hoxe xa non se nos fai estraño oír falar de homenaxes a persoas que sufriron a represión franquista con asistencias masivas. Da apertura de foxas comúns daquela época. Nin ver nas pantallas de televisión ou de cinema historias de guerrilleiros e de exiliados. Pero non hai tanto tempo que o tabú aínda imperaba en moitos destes temas. En Galicia hai xa anos que varias asociacións iniciaron o seu traballo para recuperar o coñecemento desta época e dignificar os que sufriron a represión antes de que todos eles desaparezan. O 2006, setenta aniversario do comezo da Guerra Civil, está a ser o seu ano.

San Simón
Baixo o epígrafe "O ano da memoria" a Consellaría de Cultura anunciaba toda unha batería de actividades destinadas a reivindicar dun xeito oficial as vítimas da represión franquista. A Illa de San Simón, penal para presos republicanos durante os primeiros anos do réxime preséntase como o grande centro dedicado a este escuro período e foi escenario de diferentes homenaxes aos que o sufriron. "A illa de San Simón converterase nun espazo para a memoria, cunha exposición permanente que conta a historia deste lugar como penal", explica Luís Bará, director de Xeral de Creación e Difusión Cultural, "será un espazo permanente de documentación e divulgación". A pasada fin de semana, os días 22 e 23 de xullo, o lugar foi escenario da Homenaxe Nacional que reuniu boa parte dos superviventes daquela época canda a algúns dos nomes máis coñecidos da nosa cultura.

Investigacións
Alén das homenaxes puntuais, desde a Xunta xa se anunciou tamén o apoio a liñas de investigación histórica que axuden a comprender e a completar o noso coñecemento sobre este escuro período. Co título de "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares", un ambicioso proxecto de análise que vai alén deste 2006 e que pretende elaborar unha listaxe completa de vítimas, así como a creación dun fondo con entrevistas orais ás que aínda vivan. Como terceiro eixe deste proxecto, quérense identificar os lugares onde se produciron manifestacións deste proceso represivo. "Preténdese facer todo ese inventario das vítimas e dos lugares para que estes sexan progresivamente lugares de memoria. É urxente a recollida das voces e dos testemuños das persoas que nos poden contar a súa experiencia para completar ese cadro da historia", sinala Bará.

O barco
Canda ás homenaxes da Illa, o outro grande evento deste verán está a ser o Barco da Memoria, que percorre, cunha exposición a bordo e unha ampla programación paralela de eventos, as nosas costas. Este programa quere homenaxear os afectados pola represión no sector do mar, "un dos sectores que estaba máis comprometido coa defensa das liberdades e que foi dos máis duramente reprimidos", explica o director xeral. Esta proposta continuará ata setembro a achegar memorias aos portos.

O ano continúa
Os actos de lembranza continúan despois do verán. "Para acabar o ano temos unha mostra que estará ao longo de tres meses en Compostela, e en novembro celebrarase en Pontevedra un congreso que porá ao día todos os estudos que se fixeron sobre este tema e a experiencia neste sentido", adianta Bará. E aínda para despois de 2006 a Consellaría ten clara a continuidade de liñas de traballo neste sentido. Desde xeito, no marco da Homenaxe Nacional en San Simón, presentouse o Consello da Memoria. Este órgano asesor reúne superviventes da represión, membros da asociacións de recuperación da memoria histórica e mais historiadores. "A intención é que sirva para establecer relacións entre as institucións e máis a sociedade. Está composto por 22 persoas e reunirase periodicamente, un mínimo de dúas veces ao ano", explica Bará.

Memorias pendentes
Desde a Consellaría de Cultura, Luís Bará recoñece que o proceso de integrar os feitos deste período na lembranza colectiva é demorado. "É un traballo lento, de constancia e de continuidade e dará froitos ao longo do tempo. Polo momento conseguiuse un obxectivo fundamental que é situar como referencia central deste ano todo o que é a recuperación da memoria e a homenaxe ás vítimas da represión", explica, sinalando tamén a ampla resposta de público que están a ter estes actos. "De calquera xeito, a penetración tense que dar ao longo do tempo, e nese sentido ten que ser fundamental o ámbito educativo e os medos de comunicación", apunta, e completa: "Hai cuestión que están fóra do ámbito de Cultura sobre os que haberá que facer actuacións específicas, coma a desaparición definitiva da simboloxía franquista de edificios públicos, rúas e prazas, a reparación dos danos producidos pola represión e a anulación dos xuízos ilegais". Dun xeito ou doutro, boa parte do traballo está feito. Faltan por encontrar foxas, por recuperar nomes, por coñecer historias estarrecedoras de represión e de resistencia. Mais ha ser difícil que caia de novo o silencio sobre esta época.