Pontus Veteris consolídase na novena edición que trae o regreso de Florentino

Un paso adiante

Pontevedra vestirase de outono esta noite cunha nova edición de Pontus Veteris. Un certame que xurdiu hai seis anos co obxectivo de internacionalizar a moda galega para darlle ese respaldarazo definitivo alén das fronteiras de Galicia. Seis anos despois, e con ese obxectivo cumplido, Pontus Veteris exhibe na pasarela as creacións, ideas e tendencias dunha moda xa consolidada que vestirá á muller e ó home na temporada de outono-inverno 2002-2003.

Novidades desta pasarela

As novidades para esta pasarela son todas, é dicir, todas as creacións e tendencias que vestirán á muller e ó home galego no vindeiro outono inverno, serán innovadoras. Pero amén do xa esperado, que esta noite os creadores nos sorprendan coas súas propostas para vestirnos cando cheguen os seguintes fríos, están as novidades na organización. E non só aí, senón tamén no cartel de saída dos creadores. E nese cartel hai unha gran novidade, un retorno. É o de Florentino, que malia ser un dos máximos impulsores deste certame hai seis anos, estivo varias edicións sen presentar as súas propostas. Doce maniquíes masculinos e dezaoito femininos lucirán pola pasarela do Recinto Feiral de Pontevedra as tendencias das diferentes firmas participantes.
E empezamos por Florentino. O modisto lalinense no seu retorno presenta un home vestido con tecidos técnicos, liñas máis entalladas e o negro como cor dominante.
A lalinense Montoto, levará tres liñas ("Casual"- sport-, "City" - urbano e funcional- e "Night" - máis elegante e máis glamurosa"-). E a tamén lalinense Toypes presenta panas envellecidas, puntos rústicos, napas, ante, astracán multicor amalgamados nun look de postguerra, sport chic e nun ambiente moi andróxino.
Pola súa banda Charoa pretenderá ofrecer a colección máis rupturista capaz de rachar con normas e costuras amosando e centrando a súa proposta nos cortes e non nos tecidos.












II Mostra


Ó abeiro desta pasarela xurdía en Pontevedra o ano pasado a "Mostra de Moda do Brasil". Un evento que se repetirá este ano e que contará coa presencia e a participacin de deseñadores de Sao Paulo, que están interesados e conseguir exhibir as súas creacións en Galicia, como un modo de achegarse a este mercado.












Consolidación

Lonxe quedan aqueles inicios de Pontus Veteris. Aínda que seis anos son poucos para falar de consolidación, esta pasarela veu como o paso do tempo foi madurando esta idea iniciada e promovida pola Cámara de Comercio de Pontevedra. Unha pasarela que pretendía servir de apoio á incipiente industria do téxtil e, sobre todo, á moda que se estaba a crear na Provincia de Pontevedra. Naquel momento tiña o rival de Campus Stellae coruñesa, que estaba a gozar de grande proxección interancional da man da presencia de top models de primeira liña no panorama internacional (Claudia Schiffer) pero que foi unha iniciativa que non prosperou.
De ser unha iniciativa única, é dicir, cun único desfile anual, os bos resultados das campaña acabaron realizando, como as grandes pasarelas estatais, dúas citas: unha para a moda outono-inverno e outra para a de primavera-verán.