Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz, concentra lendas e elementos máxicos nun sorprendente sincretismo

A maxia da Mariña

No día de onte a aldea de Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz, celebraba a súa patroa. Do mesmo xeito que noutras moitas localidades baixo a mesma advocación houbo fogos de artificio e unha procesión que levou a imaxe da Santa pola viciñanza... No entanto, neste lugar o culto á santa está cheo de referencias lendarias e abrangue un bo lote de elementos precristiáns, conformando un dos conxuntos de crenzas e de lugares máis máxicos do noso país.

Disque Santa Mariña era unha pastora nacida na Limia que era pretendida por un mandatario romano ao que ela refugaba dada a súa secreta condición de cristiá. A descuberta das súas crenzas deu en que o amor do romano virase xenreira e en que a pobre Mariña sufrise toda caste de martirios: pinchárona con ferros, azoutárona e tentaron afogala, e disque ata o diabo apareceu para a tentar na forma de dragón. Claro que, como é mester nestas historias, a súa fe procuroulle a axuda de Deus e mais dos santos, e foi así que non se queimou co lume no forno onde a quixeron queimar, e que o propio San Pedro a tirou daquel recinto. De calquera xeito, non abondou a fe para a salvar, e a rapariga foi finalmente decapitada. Esta lenda pódese encontrar en moitos lugares con diferentes formas e que se apón a distintas santas, normalmente Mariña, Margarida ou, mesmo en Inglaterra, Liberada. Pero é en Santa Mariña de Augas Santas onde esta historia deu un especial xogo, ao incorporar para a imaxinería cristiá unha serie de elementos previos á evanxelización da zona.

A igrexa
Deste xeito, nos tres lugares onda a cabeza da santa botou logo da decapitación, brotaron cadansúa fonte, que aínda hoxe prestan servizo e que teñen, como non podía ser menos, propiedades medicinais, especialmente para os ouvidos. No suposto lugar da decapitación ergueuse a igrexa parroquial, que alberga no seu interior un destes mananciais, mentres que outro fica no interior da reitoral anexa e aínda un mais queda na casa dun veciño. É deste punto do que parte cada ano, no domingo da Ascensión, unha curiosa procesión, na que o cura e mais os veciños trasladan a imaxe de Santa Mariña, co seu dragón aos pes, desde a súa igrexa ata o monte onde se localizaba o castro. O camiño faise por unha antiga calzada flanqueaba por abondosos carballos e pedras de estrañas formas, moitas delas con cazoletas labradas nas que queda recollida a auga da chuvia.

A cripta
No medio do camiño, a comitiva pasa ao carón do suposto forno onde tentaron queimar a santa, que é na realidade un antigo recinto castrexo. Aínda hoxe se debate se tiña a función de crematorio para cadáveres ou se era na realidade unha sauna ritual. Este espazo é na actualidade a cripta dunha basílica, a da Ascensión, atribuída aos templarios e que quedou inacabada desde o século XIII. No seu interior pódese localizar un dos escasos exemplos de pedra formosa que existe no noso país: unha ampla peza de granito labrada que serve de tabique para separar as cámaras da cripta e que só apareceron en castros ata o momento. Neste mesmo recinto soterrado podemos encontrar outros elementos, coma un altar, unha pía que recolle a auga do manancial que xorde alí mesmo, os restos de varias tumbas e abondosas marcas de canteiros. O interese do conxunto fixo que o propio Xaquín Lourenzo, entre moitos outros investigadores, se preocupase de analizar esta zona. Ademais dos restos históricos non é estraño atopar nesta zona restos de cera que revelan a disposición de candeas ordenadas o chan ou mesmo algún bote con herbas a secar no máis fondo da cripta, onde supostamente quixeron queimar a santa.

O carballo, as pozas e o castro
Pouco despois de pasados os restos inacabados deste templo, o camiño continúa ata as pozas da santa, dous sartegos altomedievais perpetuamente cheos de auga (de diferentes cores) nas que a crenza é que se lavou mariña ao fuxir do forno. Mesmo onda elas está o chamado Carballo da Santa. Conta a lenda que, de o ferir, a árbore manaría sangue e o autor do ataque sufriría as iras da santa, o que fai que a árbore non se pode nunca. Aínda lembran os veciños a historia do cura que faleceu, canda a outros membros da súa familia, logo de mandar cortar varios dos carballos que bordeaban o camiño da procesión. Desde este punto, seguindo a tradición, os pendóns procesionais ata o alto do monte das Casarellas, onde se localizan os restos do castro de Armeá. É este un conxunto de pedras de formas curiosas no que apareceu no seu día unha estatua dun guerreiro, e no que conta a lenda queda un mouro armado cunha trompeta para dar a alarma ante os exércitos romanos que se poidan achegar polas proximidades. Tamén, seguindo as lendas habituais nos castros, estes penedos gardan inmensas riquezas que, de se colleren, poderían provocar a destrución de toda a zona. Segundo diferentes análises, tanto este ritual, como a propia procesión ou a devoción á santa simbolizan a cristianización dos abondosos elementos pagáns que se localizan na zona. Deste xeito, Fernando Alonso Romero, na súa contribución ao volume "Antropoloxía" da obra "Galicia", sinala que este é "un dos exemplos máis claro da cristianización dunha fonte santa" e que "nela mestúranse vellos cultos á auga, ao lume, ás pedras e á árbore, é dicir á natureza".

Maxia por todas partes
Aínda fóra do camiño da procesión quedan moitos outros elementos milagreiros. A pedra con forma de orella onde hai unha imaxe da santa. Máis fontes con poderes medicinais. Onte foi o día grande: os romeiros acudiron ao lugar, visitaron as fontes milagreiras, chegáronse onda o carballo da santa e pediron polo seu ben e mais polo das familias e dos campos. Para alén destes breves apuntamentos, o número de crenzas concretas, lendas, rituais asociados e mesmo datos de interese histórico e etnográfico sobre o lugar é inmenso. Só compre ler un pouco ou achegarse ata a zona e falar cos veciños que, un ano máis, onte cumpriron coa santa.