O Consello da Cultura e a CRTVG levan os seus proxectos ó Parlamento

Contar e dar contas

Onte pola tarde celebrábase no Parlamento a hora das contas. E que era o momento da comparecencia na comisión de presupostos da Xunta e ata alí acudiron o Consello da Cultura Galega (CCG), presidido por Carlos Casares, e a Compañía da Radio Televisión de Galicia (CRTVG), titelada por Francisco Campos, para dar contas da situación e da súa actividade. E houbo contas e cartos e ambas as dúas entidades informaron dos que serán os seus planos e proxectos para este ano. Se o CCG reclamou a creación dun museo ou dun centro de documentación para albergar os seus fondos sobre a emigración, a CRTVG puxo sobre a mesa dúas ideas claves: impulsar as produccións galegas e a reducción da débeda acumulada.

O Consello da Cultura Galega

Nos presupostos xerais da Xunta de Galicia para este ano 2002 (aprobados en decembro) ó Consello da Cultura Galega correspondeulle unha suba dun 6%. E isto implicaba, en cartos, que o Consello tiña para desenvolver o seu labor uns 1.902.397 euros (316.53 millóns de pesetas). E por iso o seu presidente, Carlos Casares Mouriño, acudíu ó Parlamento para dar conta dos debes e dos haberes. E nos seus haberes estaban o alugueiro de dous locais (para os arquivos de Emigración e os de Normalización Lingüísitica, debido ó escaso espacio que ten na súa sede no Pazo de Raxoi), a celebración duns 36 actos (unha media de tres ó mes) coa participación de especialistas e de gran número de público; a publicación de máis dunha trintena de estudios de informes de investigación; a especialización da biblioteca coa incorporación de primeiras edicións e a realización de numerosos proxectos (como o Libro branco de arquitectura e artes plásticas ou a elaboración do repertorio bibliográfico do exilio, entre otros).
E Casares tamén deu conta na súa intervención dos seus debes, é dicir, dos proxectos que se pretenden desenvolver este ano 2002. E dentro deles está o proxecto do Padre Sarmiento, que microfilmará os manuscritos da obras do Padre Sarmiento que conserva a Casa de Medina Sidonia. Casares tamén fixo fincapé na grande cantidade de fondos cos que conta o Arquivo de Emigración e para os que reclamou a necesidade crear un museo ou un centro de documentación para albergalos.
Pero tamén houbo un momento para as críticas, e foron as que verteron os voceiros do PSdeG e do BNG que lle recomendaron á Sección de Música que tomasen a iniciativa en materia de patrimonio histórico-artístico.
No Parlamento o socialista Méndez Romeu incidíu na representatividade e no traballo desenvolvido os sitios web do Consello (tanto a web corporativa como culturagalega.org) por ser " o único de Europa adicado só á cultura".












A CRTVG

E a outra das institucións, a Compañía da Radio Televisión de Galicia, tamén tivo que dar contas no Parlamento. E alí Francisco Campos, o seu director, destacou a existencia de dous pilares fundamentais nas súas actividades: relanzar as produccións galegas e reducir a débeda aculumada polo organismo. Nos presupostos para este ano, que ascenden a 105 millóns de euros, centrarase na elaboración dun plan para producir 25 longametraxes e outra tantas series de televisión. A iso, Francisco Campos, engadíu a emisión de duascentas horas anuais de series de ficción elaborada en galego. Un plan para o que puxo cifras e un prezo concreto: cen millóns de euros.
E no apartado das críticas a oposición tamén tivo algo que dicir, sobre todo a "falta de pluralidade dos informativos" ós que calificaron de ser tendenciosos e a inexistencia de debates de ideas e programas culturais.