O esquecido patrimonio das fortalezas do Miño recupérase mediante un programa transfronteirizo

Baluartes de cultura

Durante anos foron unha mostra da separación entre Galicia e Portugal. A seguir o curso do Miño, toda unha serie de fortalezas construídas nos arredores do século XVII lembran un tempo no que había guerra entre as dúas bandas do río. Caídos no abandono, estes bastións enfróntanse hoxe a un programa de recuperación que pretende transformalos en referentes para a historia común.

Vai para catrocentos anos, polo ecuador do século XVII, España e Portugal enfrontábanse nunha guerra coa que o país luso pretendía recuperar a súa independencia logo das seis décadas nas que estivera unido a España baixo a coroa de Felipe II. Neste enfrontamento, entre 1640 e 1668, a fronteira miñota foi escenario das manobras dos exércitos en liza. Daqueles combates quedáronnos unhas ata o de agora pouco coñecidas mostras de arquitectura militar. "Naquela época España estaba moi debilitada. Houbera unha insurrección en Cataluña e o exército desprazárase alá, unha circunstancia que os portugueses aproveitaron para reclamar a súa propia independencia", explica Xaime Garrido, arquitecto que escribiu varias obras sobre estes lugares.

A importancia de Tui
Neste escenario de operacións, era a praza forte de Tui era o elemento que artellaba a maior parte dos movementos de tropas. "Se tivesen tomado a capital da provincia tería sido un duro golpe para o exército galego, pero o capitán xeral do exército portugués recibiu ordes para non o facer. Se tivesen atacado teríana tomado", explica este investigador. De calquera xeito, a posibilidade de perder a vila motivou a construción apresada de diferentes fortificacións por parte das tropas galegas. En xeral, os combates non acadaron unha grande intensidade na zona, tirando a toma dalgunhas poboacións. "Non eran enfrontamentos de guerra clásica. Máis ben había incursións de rapina polos dous bandos. Se un exército facía unha rapina nunha zona concreta, o outro facíaa noutro lugar", explica Garrido. Segundo el, "realmente na fronteira galega a guerra era de entretemento para o exército. A intención dos portugueses era evitar que as tropas españolas puidesen ir á zona de Badaxoz, desde onde terían posibilidades de entrar en Lisboa".

Ataques e contraataques
Deste xeito, ao longo dos anos en que se desenvolveu a guerra, o Miño foi escenario de sucesivos ataques e contraataques que buscaban equilibrar dalgunha maneira os movementos do contrario. Deste xeito, a toma de Salvaterra polos portugueses en 1643 foi respondida co asedio galego e a conquista de Monção, un movemento que tiña como obxectivo último recuperar a vila galega. Algo que nos pode resultar curioso a día de hoxe é decatarnos de que algúns dos recintos fortificados que conservamos desta banda do Miño foron construídos polo exército portugués para se defender dos galegos, como é o caso de boa parte das defensas de Salvaterra. Semellante é o caso da fortaleza da pedra da Guarda, que estaba en construción cando as tropas de Portugal conquistaron a vila e que foi empregada e rematada por estas cunha atalaia durante o conflito. Do mesmo xeito, o exército galego tamén construíu as súas propias defensas na banda portuguesa, como é o caso do forte de San Luís Gonzaga en Monção. E non todo foi construción na guerra, cando Salvaterra foi recuperada dos portugueses en 1659, os propios galegos demoleron parte das fortificacións polo perigo que poderían ser de caeren en mans inimigas.

Defensas do momento
En xeral foi o propio transcorrer da guerra o que artellou en boa medida todo este sistema de fortificacións, sen que houbese unha planificación previa destacada. Existían de calquera xeito, desde a época medieval, diferentes prazas fortes que se desenvolveron enfrontándose unha a outra das dúas bandas do Miño. Esta configuración é visible aínda hoxe na oposición xeográfica da Guarda e Camiña, Tui e Valença, ou Salvaterra e Monção. Tirando estes casos, a maior parte das fortificacións desta época construíronse, de xeito apresado, durante os propios anos da guerra. "Unha cousa era facer fortificacións de pedra con baluartes exteriores e outra eran aquelas que se facían con estacadas de madeira e con terra, e ás que se lles puñan algúns elementos de pedra. Había que as facer rápido", completa Garrido. É posiblemente por esta pobreza de materiais que pasaron inadvertidas moitas destas construcións "non se lles fixo moito caso porque a xente non vía máis que montes de terra e foxos sen saber o valor destes elementos", recoñece o arquitecto.

Decadencia e recuperación
Ao final a guerra rematou coa devolución das prazas ocupadas e a independencia portuguesa. Comezou entón a lenta decadencia destas fortificacións, que nalgúns casos foron reforzadas, como en Tui, e que xogaron aínda o seu papel durante a Guerra de Sucesión, que se desenvolveu nos primeiros anos do século XVIII. Desde aquela, non houbo novas destacadas nestes espazos, que foron nuns casos abandonados, noutros derrubados, e mesmo en ocasións vendidos polo exército a particulares. Agora, boa parte destas fortalezas poden vivir unha nova época de esplendor grazas ao plan Fortrans, unha iniciativa transfronteiriza que quere recuperar estas curiosas construcións. Un total de 1.350.000 euros destinaranse a recuperar as fortalezas de Santa Cruz, na Guarda; o forte dos Medos, San Lourenzo de Goián e Nosa Señora da Concepción de Goián en Tomiño; a torre de Fornelos en Crecente e as fortificacións de Salvaterra. Ademais de recuperar os edificios en si, está previsto crear un centro de interpretación que analice o contexto histórico no que xurdiron e unha ruta cultural que una todos estes baluartes defensivos. O proxecto, que contempla tamén actuacións na banda portuguesa, está apoiado nun 75% por fondos Interreg III da Unión Europea.

Potencial
A importancia destas obras a nivel patrimonial é destacado. "Son unha representación da arquitectura militar da época, realizadas por enxeñeiros, que amosan o xeito de facer a guerra naquel momento", sinala Garrido. Este programa de recuperación pode ser, ademais, un importante apoio ao desenvolvemento turístico da zona. Segundo sinala o concelleiro de Patrimonio da Guarda, José Luís Lomba, obras como as que se están a acometer no Castelo de Santa Cruz, nesta poboación, "vainos axudar a reter os visitantes que veñen a Santa Tegra, que son máis de seiscentas mil cada ano". Ademais, destaca a intención da súa corporación de organizar unhas xornadas de portas abertas para lle dar a coñecer a poboación local as características e a historia deste espazo. Do mesmo xeito que na Guarda, por todo o Miño están a se erguer de novo as murallas, a fronteira está en pé... de cultura.

As fortalezas esquecidas

As fortalezas esquecidas

Vista aérea da Fortaleza de San Lourenzo de Goián. Fonte: Consellaría de Cultura

As fortalezas esquecidas

As fortalezas esquecidas

Entrada á fortaleza de San Lourenzo de Goián. Fonte: Consellaría de Cultura

As fortalezas esquecidas

As fortalezas esquecidas

Torre de Fornelos. Fonte: Consellaría de Cultura

As fortalezas esquecidas

As fortalezas esquecidas

Vista das fortificacións de Salvaterra. Fonte: Consellaría de Cultura