As visitas para ver especies animais ou vexetais únicas preséntanse como un xeito diferente de coñecer Galicia

TURISMO CARA B: Na busca do endemismo

Arrincamos o noso Turismo Cara B, unha serie de propostas para coñecer o noso país desde novos ángulos nestes meses de lecer. Unha das motivacións polas que viaxamos é para coñecer cousas que non se pode encontrar fóra dun determinado lugar. Apurando moito esa idea, hai xente que especializa as súas vacacións na busca de elementos irrepetibles, de experiencias únicas. Aínda pouco coñecido no noso país, hai viaxeiros que acoden a determinados lugares para coñecer eses atractivos naturais únicos: o florecer dunha planta no medio da montaña ou observar ese paxaro que só vive nunha remota zona da Península. Son os turistas de endemismos.

En xeral, este tipo de vacacións inclúense dentro de concepto de ecoturismo, que busca a creación dunha alternativa para este tipo de ocio no que se minimiza o impacto sobre a natureza e se priman os elementos naturais como atractivos. Neste sentido, unha das propostas máis desenvolvidas é a que se dedica á observación de aves, unha actividade que conta cunha longa tradición en todo o mundo anglosaxón. Esta é a especialidade do web Spainbirds, que organiza visitas de varios días para observar paxaros a lugares coma Doñana, Andalucía, Extremadura ou a Serra de Gredos, sen que polo momento teña chegado a Galicia. Non é a única que desenvolve esta actividade no Estado: Audouin Birding, ou Bird Box, esta última só no ámbito catalán, aproveitan a riqueza ornitolóxica para xerar riqueza mediante o turismo.

Máis que aves
A ampliar o abano tamén con excursións especializadas en coñecer plantas únicas ou especies de insectos raras, iberianwildlife.com organiza viaxes naturais por boa parte da Península. As cincuenta especies de orquídeas ou as bolboretas que viven nos picos de Europa son unha das ofertas que inclúe esta empresa. O feito de non precisar de grandes instalacións, e ao se axeitar aos ciclos naturais, de floración ou de migración, fai que este tipo de turismo a miúdo fuxa do período estival e se reparta máis ao longo do ano, o que lle supón un valor engadido como alternativa. Aínda que no noso país este tipo de propostas está por explotar, non cabe dúbida de que existe un certo potencial.

A posibilidade galega
"Non vexo que as especies endémicas ou ameazadas vaian traer un grande fluxo de xente", apunta o biólogo e consultor ambiental Xavier Vázquez Pumariño. "Aquí son moi pequenas e pouco rechamantes, e parécense moito a especies vulgares, polo que só lles poden interesar aos especialistas", sinala. "De calquera xeito, penso que o punto máis interesante destas especias é ofertalas coma un elemento máis, son un sinal de calidade do territorio". A nivel de aves, "en Galicia non hai nada moi diferente ao que se pode encontrar en lugares coma Francia ou Alemaña. En xeral os únicos sitios de España que poden ter un certo mercado neste sentido son Extremadura, Andalucía, Canarias ou Baleares", lembra.

Máis do que especies concretas, este biólogo salienta as posibilidades turísticas de determinados hábitats, e lamenta a súa destrución. "Todo o conxunto de turbeiras do Xistral é único na Península. Se unha persoa quere encontrar un hábitat así, ten que ir a Irlanda ou a Noruega. E este hábitat foi literalmente arrasado e segue a ser arrasado actualmente, cando penso que é un dos elementos que podería xerar máis especialmente un turismo".

De calquera xeito, non carecemos de curiosidades únicas que ir ver tamén no plano natural, nun modo diferente de coñecer Galicia.






ONDE IR


Serra do Careón, Melide
Na Serra do Careón, pola zona de Melide, hai unhas rochas ultrabásicas que son moi estrañas, e aí medra a Armeria merinoi. "É practicamente exclusiva de Galicia. Trátase dun endemismo moi semellante á herba namoreira" lembra Pumariño. Tamén nesta mesma área pódese encontrar a Santolina melidensis, que como o seu propio nome indica só medra aquí.

Máis sobre a Santolina Melidensis en concellos.info


Bembibre
Na zona do concello de Bembibre pódese ver a Centaurea Ultreiae, cunha única poboación localizada na zona do Monte do Castelo, na Coruña.
A Centaurea Ultreieae no web do Real Xardín Botánico (en pdf)

Baixo Ulla e Dodro
As nosas Rías Baixas contan coa subespecie lusitánica do paxaro Emberiza schoeniclus. "Só é distinguible para o especialista, e está en catro sitios moi concretos das Rías Baixas. Pódese ver no Baixo Ulla, pola zona do Concello de Dodro e en pouco sitios máis".
A Emberiza schoeniclus en faunaiberica.org


Por todo o país
Xa a falar de anfibios, contamos coa presenza da salamántiga rabilonga ou pinchorra rabilonga, nome común da chioglossa lusitánica. "É un endemismo difícil de encontrar que ocupa hábitats moi concretos e en augas con boa calidade. Só se pode ver en zonas de Galicia, Norte de Portugal, Leóns e algunha zona e Asturias, moi espallada por todo o territorio".

A salamántiga rabilonga no web do IES As Lagoas