Danan unha instalación artística de Xosé Freixanes na igrexa de Bonaval

Dos xulgados ás vasoiras

A instalación que Xosé Freixanes realizou no chan da igrexa de Bonaval sufriu esta fin de semana un atentado cando alguén barreu parte dos debuxos que o artista realizou con pó de arroz e de lousa. Este atentado prodúcese no medio da desputa entre o arzebispado e o Concello de Santiago pola titulariedade do templo. Logo de que a Audiencia Provincial da Coruña dese a razón á igrexa nas súas pretensións sobre a titulariedade do templo, o concello vén de anunciar que recorrerá ó Tribunal Supremo a sentencia.


Varrido de arte


A mostra de Xosé Freixanes que se está a realizar estes días na compostelana igrexa de San Domingos de Bonaval sufriu o pasado sábado un leve atentado cando alguén barreu parte da instalación con que o artista cubriu o chan do templo.
O artista empregou dous mil quilos de fariña de arroz e cincocentos de pó de lousa para cubrir as pedras da igrexa cun deseño irregular en branco e negro. Para realicado, Freixanes chegou a un acordo coa confraría do Rosario, que continúa a celebrar cultos na capela do mesmo nome, e deixou libre un paso para acudir a ese recinto e outro ata o Panteón de Galegos Ilustres.
Sen embargo o sábado, un dos membros da confraría encargado da limpeza da capela excedeuse no seu barrio e varreu a parte da instalación máis achegada a ese paso.
A pesar do dano causado á súa obra, Freixanes declinou denunciar os feitos "porque non quero que a miña obra se coñeza por andar nos xulgados". A Confraría do Rosario pediulle desculpas e ofreceuse a colaborar co artista se decidía denunciar os feitos.










Reclamación ó supremo


Onda este incidente coñecemos a decisión do Concello de Santiago de recurrir ó tribunal supremo a sentencia que lle dá ó arcebispado a propiedade da Igrexa de San Domingos de Bonaval.
O Concello baséase en que o xulgado de primeira instancia de Compostela deu a razón ó Concello ó considerar que o conxunto de Bonaval é "un todo" e que é difícil separar a igrexa do resto. Segundo o alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, a situación con respecto ó templo "é como cando alguén adquire un piso, na escritura se di que ter catro habitacións e cando se ocupa vese que ten cinco. Entón o propietario reclama a quinta habitación".
Sen embargo, o Concello ten en contra que, segundo a Audiencia Provincial da Coruña, "no proceso de cesión do conxunto monacal de San Domingos non se actuou conforme a un principio de unidade predial indisoluble do predio" polo que a igrexa debería considerarse separadamente do mosteiro e as súas instalacións.
De calquer xeito, o goberno local conta na súa decisión de reclamar co apoio de todos os grupos do Concello. O portavoz da agrupación local do PP, Dositeo Rodríguez, pediu a alcaldía e ó arcebispado a que cheguen a un acordo sobre o futuro da Igrexa independentemente de que o proceso xudicial continúe e dea a razón a unda das dúas partes.