O Círculo de Belas Artes de Madrid recupera a figura, vida e obra do arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota

Unha Sota de Ouro

Medrou entre figuras da talla de Filgueira Valverde e de Castelao que lle inxectaron un fondo nacionalismo. Admirou arquitectos de prestixio internacional como Mies Van der Roe ou Le Corbusier que o iniciaron na senda do racionalismo e do modernismo. Pero tivo a súa propia concepción que lle concedeu o recoñecemento internacional. Alejandro de la Sota (Pontevedra, 1920-Madrid 1996) forma parte desa elite de arquitectos nados en Galicia de recoñecido prestixio. Cando se cumpren dez anos do seu pasamento o Círculo de Bellas Artes de Madrid réndelle unha homenaxe.

Foi moito máis ca un arquitecto. El deixou escrito que lle gustaba “sempre falar de Arquitectura como divertimento; se non se fai alegremente non é Arquitectura. Esta alegría é, precisamente, a Arquitectura, a satisfacción que se sinte. A emoción da Arquitectura fai sorrir, dá risa. A vida non”. E o seu espírito recolleuse en todos e cada un dos numerosos edificios que hai espallados por todo o Estado.

Alejandro: o arquitecto
Malia que era galego e gustaba de viaxar á súa Pontevedra natal, Alejandro de la Sota deseñou a maior parte da súa obra fóra de Galicia. De feito, un dos seus proxectos máis emblemáticos está en Tarragona, o “Gobern Civil”. Un edificio que concentra os piares do seu estilo arquitectónico que busca despoxarse do superfluo nun camiño cara o esencial. Trátase dun proxecto que ofrece un orixinal xogo de volumes que fusiona un edificio administrativo, un bloque de vivendas xunto coas necesidades da época (1956-1963) como podía ser un grande espazo para o balcón de autoridades. Todo desde o punto de vista dunha arquitectura de corte racionalista, funcional e afastada dos excesos ornatorios propios do momento.

A súa aparente sinxeleza encerraba a complexidade conceptual de quen procuraba depurar a arquitectura na procura dunha máxima funcionalidade. A súa innovación non viña só na forma, senón tamén na procura de materiais que lle permitisen materializar as súas ideas. A súa peculiar forma de entender a arquitectura fíxolle merecedor dos máis importantes galardóns como o Premio Nacional de Arquitectura en 1974, a Medalla de Ouro de Belas Artes en 1986 e a Medalla de ouro de Arquitectura en 1988.

Na exposición que está aberta en Madrid ofrece unha visión certeira e aproximada da súa obra da man de maquetas de gran escala. Reproducións que amosan a disposición das plantas, as proporcións espaciais, os sistemas de construción e os materiais empregados. Un traballo que fixo que sexa materia de estudo de numerosos traballos de investigación titelados e teses de doutoramentos en facultades universitarias de todo o mundo.

Alejandro: a figura
Falabamos con anterioridade de que a obra do Gobern Civil de Tarragona era unha das obras máis emblemáticas de Alejandro de la Sota pola concreción e significación do seu edificio. Pero non só deseñou a estrutura, a combinación harmónica entre espazos públicos e privados, senón que nel tamén deseñou o seu mobiliario. Entramos de cheo, noutra das múltiples facianas do arquitecto pontevedrés que, no seu interese por emular a grandeza creativa dos arquitectos máis prolíficos da Bauhaus alemá, adentrouse no complicado mundo dos interiores. E Alejandro tivo especial querencia polas cadeiras, das que ten deseñado numerosos e sorprendentes mostras.

Alejandro combinaba os seus proxectos como arquitecto e creador coa pintura e a caricatura, dúas das súas grandes paixóns que tamén cultivou ata os últimos días da súa vida.

O proxecto inacabado
Coma lle aconteceu e acontece a tantos outros grandes arquitectos, de la Sota tamén ten na seu currículo proxectos inconclusos. Un deles coñecémolos o ano pasado da manda Fundación Barrié, na exposición titulada “Arquitecturas ausentes” Trátase dun proxecto de vivendas na Alcudia, nas Baleares que quedou sen acabar en 1984. Malia iso, segundo os coñecedores da obra do galego, pode "considerarse unha obra sintética representativa da súa arquitectura".