Comeza o IV Curso de construcción de instrumentos tradicionais en Narón

Vellos oficios para novos traballadores

O Padroado de Cultura do Concello de Narón vén de pór en Marcha a IV edición do Curso de Construcción de Instrumentos de Percusión Tradicional Galega. Máis de vinte alumnos adquirirán coñecementos que lles permitirán, cun pouco de sorte, gañar a vida con este oficio. Tamén coñecemos estes días as experiencias de recuperación de muíños que se están a desenvolver en Sisalde en Meaño nas que se aúna a aprendizaxe dun oficio coa rehabilitación do patrimonio.

Catro anos de instrumentos



Máis de vinte alumnos comezan hoxe en Narón as clases para aprender a construir instrumentos de percusión tradicional. É o cuarto ano consecutivo que o Padroado da Cultura de Narón pón en marcha este curso, que adquire aínda máis importancia porque só existen proxectos semellantes en Lugo e en Vigo.
Os alumnos que acudan ó local de Educación Permanente de Adultos da Gándara ata o vindeiro mes de decembro, aprenderán todos os pasos para construir os diferentes tipos de instrumentos de percusión que se veñen empregando tradicionalmente no país, desde tambores a pandeiretas.
Dos instrumentos realizados durante este curso, cada alumno quedan cun á súa elección dos que fabricou, e os demais pasan a formar parte do equipamento das escolas tradicionais do Concello de Gaita, baile tradicional e pandeireteiras. Aínda hai algúns outros instrumentos que se venden, acadando prezos coma os 240 euros que se poden pagar por un tambor feito durante este curso.
Segundo sinala Emilio Romero, profesor desta edición do curso, "só hai que ter ganas de traballar nisto" para aprender a facer bos instrumentos. El mesmo é un exemplo de bo alumno, xa que despois de acudir a dúas edicións do curso, agora ensínalle a outros o aprendido.
Coincidindo coa posta en marcha desta iniciativa, o Auditorio Municipal de Narón está a acoller unha mostra dos traballos realizados no último curso, exposición que viaxará o vindeiro domingo á Feira do Grelo das Pontes, onde os estudiantes deste curso farán unha demostración en vivo das súas habilidades de venderán os seus instrumentos.











Muiños vivos


O Concello de Arteixo qure rehabilitar o coñecido coma muíño grande de Sisalde para instalar nel unha aula de educación ambiental. Este muíño ten a peculiaridade de tratarse de dúas construccións deste tipo unidas, con cadansúa entrada e senllos sistemas para moer. A rehabilitación incluirá desbrazado, limpeza de canalizacións, retellado e mesmo a reconstrucción da maquinaria interna do edificio, que contará co asesoramento dun muiñeiro da zona. A idea do Concello é que o edificio, unha vez restaurado, acolla un aula integrada nun futuro plano de educación ambiental permanente.
Tamén en Meaño están a restaurar seis muíños de emprego comunal situados onda o río Arca. Unha escola obradoiro está a ser a encargada de realizar as obras, permitindo ós alumnos aprender oficios de carpintería e albanelería, ademais de traballos coma poda e desbroce. Os participantes tamén están a coñecer as peculiaridades dos ecosistemas de ribeira e os protocolos de seguridade destes traballos.
A intenicón do Concello de Meaño e recuperar un total de trece muíños este mesmo ano, para integralos despois nunha ruta de senderismo que permita coñecer mellor a zona.