Fraga califica como "de sentido común" a decisión da RAG sobre a normativa

Marcha Del Riego, entra Fraga

Francisco Fernández del Riego abandona a presidencia da Real Academia Galega (RAG) animando a continuar co debate sobre a reforma normativa e recibindo a Medalla de Outro de Galicia en recoñecemento do seu traballo. Mentres, o presidente da Xunta en funcións, Manuel Fraga, deu onte a súa opinión sobre o tema calificando a decisión da RAG sobre a reforma normativa como de "sentido común" e negando todo tipo de presión política.


Del Riego sae, o debate continúa



Francisco Fernández del Riego abandonou a presidencia da Real Academia sinalando que "non se debe abandonar o debate" aínda que puntualizou que nestes momentos "non é oportuno retomar o tema". Nunha entrevista publicada hoxe en "La Opinión", o xa ex-presidente recoñece que o da norma "É un problema que está aí, que no día de mañá pódese retomar de novo, pero sen saír do seo da Academia".
Coincidindo coa súa demisión coma presidente da RAG, A Xunta de Galicia aprobou un decreto que concede a Del Riego a Medalla de Outro de Galicia pola dedicación de toda a súa vida a difusión da lingua e da cultura galegas.
A súa despedida da Academia de onte incluíu a lectura dunha carta de despedida a cargo de Xosé Ramón Barreiro, secretario en funcións do organismo e lembráronse as normas de elección dunha nova directiva. Segund fontes da propia RAG, a elección podería celebrarse o vindeiro quince de novembro.












Fraga fala



O presidente en funcións da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, sinalou onte que a Academia "é a que ten por lei a facultade de aprobar esas normas, e por agora son as que están vixentes". Segundo Fraga "non hai ningún conflicto político, como se pode ver" e "a Academia está no seu sitio, tivo un voto secreto, amplo, polo visto maioritario". Fraga insisitu en que as cuestións da normativa "non son asuntos de compromiso político" e lembrou que desde a Xunta "nós xa dixemos que aceptaríamos as que foran".
O presidente en funcións afirmou sen embargo que "en contra das teses desa proposta dos institutos de certos lingüistas votou o señor Ferrín, que creo que non será sospeitoso de estar e ningunha extrema dereita nin de ser un servo do fascismo, como se premitiu dicir de min un dos líderes derrotados". Xosé Luis Méndez Ferrín declarara a diferentes medios o seu apoio á proposta de reforma normativa, o que contradí as declaracións de Fraga onte.
Segundo Manuel Fraga, as propostas de reforma normativa "non poden ter máis que un efecto: Separar aínda mais o sermo nobilis que eles propoñen, que en definitiva é dividir o galego" e o "sermo rústicus, o que falan os paisanos. Pois é un erro".






Outras reaccións


As reaccións arredor da negativa da RAG a aprobar a reforma normativa proposta polas tres universidades e o ILG cotinúan na prensa. Así, na edición galega de "La Estrella Digital", recóllese un artigo de Luis Álvarez Pousa, director de "Tempos Novos", no que analiza as diferentes causas que puideron causar a negativa da Academia, entre as que denuncia presións políticas. Álvarez pousa remata o seu artigo desexando que novo presidente da Academia reabra o debate sobre esta cuestión.
En "O Correo Galego", o escritor Alfredo Conde reflexiona sobre os académicos e a diferencia entre as opinóns que expresaron ós medios e o sentido dos votos emitidos o pasado dezasete de novembro.
Pola súa banda, o Movimento de Defesa da Língua, MDL, convocou ós reintegracionistas do país a participar nun encontro en Compostela o vindeiro sábado quince para discutir a súa posición ante a reforma normativa e organizar unha estratexia de acción sobre este tema.