Un estudo conclúe que as cidades galegas están a mellorar a súa política cultural

A cultura das cidades

Os anos oitenta foron momentos de gran construción de edificios de índole cultural: auditorios, casas da cultura, museos, centros... pero pronto, os responsables dos departamentos de cultura viron que a esa política de construción de espazos tiña que vir acompañada dun proxecto cultural. Os seus modelos, as súas debilidades e as súas fortalezas forman parte dun estudo que se avanzou nas xornadas “Cultura e concellos” que vén de organizar o Consello da Cultura Galega.

“Non só Galicia, senón en xeral, en todo o Estado, os municipios foron creando primeiro unha serie de institucións básicas. Houbo un momento dun gran dinamismo que ultimamente se foi aquilatando e homexeneizando”. Quen fala é Xan Bouzada, director do Observatorio Cultural Galego e coordinador das xornadas “Cultura e concellos”. Bouzada leva anos analizando a política cultural das sete cidades de Galicia e por iso é quen de diferenciar etapas. “Pasouse dunha primeira fase de afirmar a cultura como un valor democrático que foi o momento das casas de cultura, ata o momento actual no que ten unha importancia socioeconómica inestimable. As cidades son conscientes de que deben atender as necesidades dunha sociedade máis preparada e educada, e ao mesmo tempo, tamén son conscientes de que hai unha nova oportunidade no ámbito do turismo cultural. Por primeira vez existe unha rendibilidade económica do equipamento cultural”.

Decisións diferentes ante problemáticas iguais
Boa parte da situación cultural das políticas actuais son o resultado das decisións que tiveron que adoptar os políticos e os técnicos ante determinados asuntos. Desde o Observatorio Cultural fixeron unha enquisa comparativa de cales son as posturas dos grandes concellos. “Son os dilemas, explica Xan Bouzada, de se debían enfocarse mais cara unha política culturalista, entendida como cultura da excelencia, ou se privilexia máis unha política cultural de carácter sociocultural, que non busca tanto a excelencia como a vertebración social”. Pero non foron os únicos modelos sobre os que houbo que decidir, senón tamén tiveron que escoller tamén na forma da xestión, é dicir, “se é máis centralizado ou de desagregación de responsabilidades”, comenta Bouzada. “E logo fixemos preguntas se tiña que ter un financiamento público ou un papel relevante de financiamento privado, se debía privilexiar a vertebración cultural interna desa cidade ou a imaxe externa”.

Para Xan Bouzada é moi difícil establecer arquetipos ou estereotipos acerca das características culturais de cada cidade porque “as políticas culturais son bastante complexas”. Sen embargo tamén explica que se poden comprobar diferenzas “hai cidades como A Coruña que fan moito fincapé na proxección externa dos seus equipamentos e das súas infraestructuras. Sen embargo, esta cidade ten un traballo moi respectable na utilización didáctica dos seus recursos e equipamentos. Hai outras cidades, como Vigo, que teñen un modelo máis de vertebración social, de actores culturais locais, pero que teñen unha menor sensibilidade no aspecto de proxección exterior con respecto á Coruña”.

Varias velocidades culturais
Malia a complexidade e a casuística de pequenos detalles que axudan a configurar unha política cultural, Xan Bouzada explica que “si hai liñas moi marcadas. A primeira e máis importante é a institucionalización das políticas culturais. Hai cidades que o fixeron máis cedo e teñen, obviamente, máis consolidado ese proceso. Aquelas que quedaron rezagadas están tentando asumir, cunha ambición importante, o deseño dunha política cultural. É por iso polo que hai cidades con velocidades diferentes”. Pon casos prácticos ao dicir que “un exemplo moi importante de facer un despregamento da política cultural é a cidade de Ourense, que hai tempo que está amosar o seu traballo e que comeza a recoller os seus primeiros froitos”. Polo demais, unha cidade que leva traballando polas políticas culturais e con grande forza simbólica é Santiago, que tamén ten os problemas e as crises derivadas dese propio pulo que xera”.

Puntos fortes, puntos febles
Para Bouzada os principais resultados dese estudo que se coñecerán en breve “teñen vocación de utilidade, de tal xeito que cada quen poida recoller boas prácticas e boas ideas dos outros e poida ver cales son as súas limitacións e nese sentido todo o mundo ten puntos fortes e puntos febles”.

“É difícil simplificar, apunta Bouzada, pero hai puntos fortes poden ser débiles simultaneamente. Un punto forte é a presenza de actores financeiros de moito peso como son as Caixas ou Bancos. Ademais, convértese nun punto máis forte aínda se o comparamos co que sucede noutros puntos da Eurorexión. Ao mesmo tempo poden ser feble porque se eses factores non se incardinan nunha lóxica de conxunto e non se poñen en sintonía cuns obxectivos de carácter cultural, pode haber unha perda de potencia. Outro aspecto é a gran seriedade coa que se están a asumir por parte de todos os concellos, de todas os partidos políticos, as políticas culturais. Os que van adiantados xa levan esa vantaxe, pero para os que van atrasados a súa febleza convértese nun estímulo.

Aprender dos erros
A Casa do Mar e o Verbum en Vigo son dous exemplos paradigmáticos na creación de equipamentos que unha vez construídos estiveron infrautilizados. Por iso, para Bouzada a "complementariedade" debe ser unha meta. De feito, este profesor apunta a que “os equipamentos deberían deseñarse pensando nos visitantes, de tal xeito de quen veña de lugares próximos poidan buscar unha complementariedade”. Pero non só iso, para Bouzada, existe outro concepto que é a sustentabilidade, é dicir, as iniciativas culturais deberían sosterse por si mesmas para garantir a súa perpetuación.