Ferrol abrirase ó mar co derrubamento de parte da muralla do arsenal

Recuperación de espacios

A pasada semana Ferrol recuperou unha parte do seu horizonte que non vía desde hai tres séculos. O derrubamento de parte do muro do arsenal naval é un primeiro paso dentro do proxecto que pretende abrir a cidade ó mar. Durante esta fin de semana coñecimos outras dúas propostas de recuperación de espacios abandoados. Así, en Vigo un edificio restaurado con fondos europeos servirá como local para varias asociacións da cidade. Mentres, en Caldas pretenden rehabilitar as ruínas dunha fábrica de azucre para empregala como residencia de anciáns.

Tirar a muralla

Esta semana caían os cinco primeiros metros. A necesidade de crear un novo acceso para os camións que paticipan nas obras do futuro Museo Naval fixo que unha parte da muralla que bordea as instalacións do estaleiro Izar e as instalacións militares fose derrubada. Os planos son que para o 2003 se derruben outros 150 metros que o muro sexa substituído por unha verxa metálica ornamental entre a porta de Izar e o Cantón de Molíns.
Hai xa tres séculos que unha grande parte do peirao de Ferrol está rodeado por un muro que, logo de sucesivas ampliacións chegou a ter máis de dous quilómetros que fai que unha grande parte da cidade careza de vistas sobre o mar. En 1993 xa se derrubaran máis de douscentos metros deste muro no barrio de Esteiro. Esta actuación realizouse daquela con fondos da Unión Europea. A intervención para acondicionar o edificio de Ferrerías coma Museo Naval conta co financiamento do Ministerio de Defensa, do de Fomento e da Xunta, e agárdase que estea rematada para o 2004.











Unha casa para as asociacións


Un histórico edifico vigués situado na zona de Cárcere Vello convertirase na sede da asociación de veciños do Casco Vello e da Plataforma de voluntariado. Ademais, o concello estudia a posibilidade de que sirva como local para outras asociacións a cambio do pago dunha cota.
A idea é constituir un viveiro ou hotel de asociacións que ofreza espacios de traballo adiferentes asociacións da cidade. Durante o mes de marzo sairá unha convocatoria para as asociacións que queiran optar a este espacio, que deberán acredirar unha certa traxectoria, non ter local e asinar por un ano o convenio que as obriga a pagar unha módica cota. Está previsto un espacio para oito asociacións seguindo este sistema. Ademais, no sótano e na planta baixa instalarase o local da asociación de veciños do Casco de Vello, e onda ela a Plataforma de Voluntariado da cidade. O edificio agora restaurado conta cunha antigüidade de douscentos anos e no seu subsolo atopáronse os restos dunha vía romana.












De fábrica a residencia

O Concello de Caldas de Reis está a buscar financiamento para rehabilitar as ruínas da antiga fábrica de azucar de Portas e transformar este espacio nunha residencia de anciáns. O edificio, construído orixinalmente en 1895 e do que só están en pé as paredes e a chimenea, transformaríase nunha residencia de catro andares de 3.000 metros cadrados cada un divida nunha zona de atención a anciáns e noutra dedicada á atención de persoas con minusvalías psíquicas. No interior do edifico habería locais de atención, ocio, salóns sociais, salas de cine, ximnasios, comedores, biblioteca e centro médico entre outras instalacións. Ademais aproveitaríase a parcela de 39.000 metros cadrados que rodea o edificio para crear zonas verdes. Aínda que o Concello está disposto a abonar os 480.000 euros que custa o terreo, non dispón dos máis de tres millóns e euros nos que está orzamentada a rehabilitación do edificio.