Unha produtora británica busca localizacións para levar ás pantallas o mito de Inés de Castro, a galega que foi raíña de Portugal despois de morta

A outra dona Inés

Hai en Alcobaça (Portugal) un sepulcro que, ademais de ser unha das xoias da
escultura gótica portuguesa do século XIV, garda os restos mortais dunha galega que chegou a ser raíña de Portugal despois de ser asasinada. Falamos de Inés de Castro, un mito que une o pasado de Galicia con Portugal cunha historia de amor e de crimes de Estado. A súa lenda foi fonte de inspiración de
coñecidos escritores, ademais de ser levada ao cine en varias ocasións.


Contan os historiadores que sobre o 1.320 nacía en Galicia (pénsase que foi na comarca de A Limia), Inés de Castro. Unha fermosa moza que foi criada para ser dama de compañía, do séquito da princesa dona Constanza de Castela. Unha muller desposada con Pedro I, herdeiro da coroa lusa que morreu no parto do seu primeiro fillo. Morta dona Constanza, foi cando o futuro rei, prendado da beleza de Inés, comezou unha relación da que saíron tres fillos.

Pero a relación de concubinato entre Pedro I e Inés de Castro puña en perigo a coroa de Afonso IV (pai de Pedro I), xa que tras Inés estaban os seus irmáns, aliados de Castela. O rei, temendo a sucesión castelá da coroa portuguesa, nomeou a tres cabaleiros para asasinar á moza galega. A sentencia executouse pouco despois en Coímbra, na chamada “A Quinta das Lágrimas”. Pero o que case ninguén sabía era que os amantes casaran un ano antes, nunha cerimonia que oficiou o bispo da Garda.

Tralo asasinato de Inés, Pedro enfrontouse co seu pai, unha liorta que acabou nun levantamento popular que sumiu a Portugal nunha guerra civil que terminou pouco antes de que Pedro I fose corado Rei de Portugal. Foi entón cando Pedro I cumpríu a súa venganza, axusticiou aos executores do asasinato e proclamou o seu matrimonio. Este feito determinou que as Cortes de Cantahede coroasen a defunta Inés como raíña de Portugal. De feito, Pedro I mandou desenterrar o seu corpo para que o pobo lle rendera tributo e a soterrase no mosteiro de Santa María de Alcobaça. Foi o propio Rei o que dirixiu as obras para a construción do mausoleo, que se converteu nunha das obras mestras do gótico portugués.

Pedro mandou construír o seu panteón fronte ao de Inés, non en paralelo como é o habitual, senón unidos polos pés porque quería que a súa amada fose o primeiro que vise o día da resurrección.

Entre o mito e a realidade
Como en toda historia mítica, existen algúns elementos que os historiadores si puideron documentar e outros non, que posiblemente forman parte do imaxinario popular. A maior parte das versións indican que o máis novelesca,e ao mesmo tempo a menos admitida polos historiadores, é a que fai alusión á vinganza de Pedro I e a exhumación do cadáver. Hai quen di que nada houbo sobre o desenterramento dos seus restos, nin moito menos das honras que o pobo lle rendeu. En todo caso, a historia non é incrible de todo porque en Portugal había o costume de bicar a man do cadáver dos seus reis así como velar as efixies dos mesmos, modeladas en cera.

Doutra banda, os historiadores teñen documentado que houbo un xuízo ao que someteron a dous dos executores do crime, aos que lles arrincaron o corazón. Só un deles logrou escapar da vinganza marchando de Portugal. O que si queda claro é que o mesmo día da morte de dona Inés, naceu o mito.

Fonte de inspiración
A historia de Inés de Castro foi motivo de inspiración para numerosos artistas, comezando por Camoens, que narrou a súa morte en “Os Lusiadas”. Pero non é a única “Reinar despois de morrer” (Lisboa, 1652) de Luis Vélez de Guevara e “Coroa de amor e morte” (Bos Aires, 1955) de Alejandro Casona forman parte do iterario que recreou a historia.

O cine non foi alleo a esta historia e en 1996, Continental Produciones, Imagemreal, o Instituto Português da Arte Cinematográfica e Audiovisual(IPACA) e a Radiotelevisión portuguesa levaron á gran pantalla esta historia, nunha das primeiras coproducións co audiovisual portugués. Pero non foi a única vez na que as produtoras se interesaron pola vida de Inés de Portugal. Hai pouco, unha produtora independente londinense, Galleon Films interesouse pola historia para facer un filme en 35 mm de 120 minutos de duración. Un proxecto que, a día de hoxe, está a buscar localizacións en Galicia e Portugal.