Leva xa dezaseis anos na rúa. Non é estraño que pase inadvertida no quiosco. Un groso tomo branco, sen ilustracións na capa que non consegue chamar a atención no medio das rechamantes publicacións que poboan os andeis. No entanto, esta revista conseguiu converterse nunha das publicacións de referencia para Galicia. Política, literatura, análise cultural... nada lle é alleo. Trátase de "A Trabe de Ouro".
Un deseño austero agocha un reduto de alta cultura en galego. Reflexións ao máis alto nivel sobre antropoloxía, lingüística, política, historia ou socioloxía expostas desde un enfoque crítico. "A Trabe de Ouro" naceu adoptando un lema de Álvaro Cunqueiro. "Estamos abertos a todo e a todo; teimamos que nada do noso tempo e terra nos sexa alleo". Era 1989. Un grupo de intelectuais, maioritariamente vencellados á central sindical nacionalista CXTG e ao Club Cultural Adiante daquela entidade, puñan a andar unha publicación que había facer historia na cultura do país. "A Trabe nace dunha idea da cultura fundamentalmente unida á política e ao nacionalismo. Non existía nada semellante na cultura galega, había unha especie de culto a unha determinada maneira de entender o galeguismo e había que presentar máis formas e máis enfoques. Tamén o mundo estaba mudando moito, dábase a caída do socialismo real. E, como dicía Azorín, había que intervir". Quen explica isto é Xosé Luís Méndez Ferrín, un dos fundadores e director da publicación. O mecenado de Olegario Sotelo Blanco permitiu iniciar unha andaina que chega ata os nosos días. "Tamén coincidiu que saíu nun intre histórico, coa chegada ao poder de Fraga Iribarne, e entón tivemos unha forte oposición ao poder todos estes anos", lembra Ferrín.
O impacto selectivo
Evidentemente, non é de agardar que unha publicación que parte de altas miras culturais conte cunha difusión masiva. Mil cincocentos exemplares de tiraxe media, cunha periodicidade trimestral fan dela unha publicación de referencia en círculos culturais e académicos do noso país. A influencia da revista "nótase no plano no que está, pode xurdir un artigo teórico ou de investigación que achegue novas luces. Aínda que as inercias ideolóxicas son moi fortes, quero pensar que a longo prazo si se aprecia". Como unha pinga na sociedade, "quero pensar que unha mínima ou infinitesimal parte dese movemento social que chegou a callar nos resultados electorais que acabaron coa era Fraga foi contribución nosa, canda a moitos outros". Todo este traballo sen renunciar a unha forte carga ideolóxica. "Nós somos abertos pero temos principios, gústanos o debate pero non o monopolio á hora de entender a nación. Cada número vai acompañado dunha editorial na que se toman decisións de todo tipo, e algunhas delas non gustan", asegura o director, que lembra que "A Trabe" non é habitualmente recensionada en destacadas publicacións do noso país. "Non estamos en ningún armario ideolóxico, gústanos ser como somos. De calquera xeito, na propia Galicia está moi recoñecida", apunta.
Os nomes e os temas
A publicación funciona de xeito totalmente desinteresado. "Convén que se saiba. Ningún membro do Consello recibe dietas nin para gasolina, nin para teléfono nin nada. A revista cústanos diñeiro a todos, e entón tampouco se lles paga aos colaboradores", recoñece o director. De calquera xeito, colaboracións non fallan. A extensa nómina do seu consello de redacción, con nomes tan destacados coma Francisco Fernández Rey, Marcial Gondar, Margarida Ledo, Paco Martín ou Miguel Anxo Seixas ou Manuel Outeiriño, canda a colaboracións externas, permítelle manter unha alta calidade de análise cultural e mais de actualidade, chegando a marcar fitos no tratamento dalgúns temas. "Pódese falar, por exemplo, de como tratamos a queda do socialismo real na Europa do Leste, con moitos artigos, colaboracións, entrevistas... Tamén me parece destacado o tratamento que se fixo sobre o galego exterior, que foi nun momento en que a maioría da masa nacionalista, mesmo dirixente, non sabía que se falase galego en Cáceres. Penso que conseguimos contribuír a que este tema aparecese no centro do pensamento galego", lembra Ferrín.
O eco internacional
O traballo da Trabe permitiulle conseguir unha representación inédita no panorama internacional de publicacións. Deste xeito participa no "Archipel des Revues européennes", rede de publicacións que encabeza a revista "Multitudes". Ademais, está presente nunha rede de revistas culturais españolas, mantén intercambios periódicos coa prestixiosa "Social Texts" e conta con colaboracións dalgúns dos máis destacados pensadores marxistas do panorama internacional, coma Alain Badiou, Étienne Balibar ou Georges Labica, que en ocasións ven publicados os seus artigos en galego antes do que nos seus propios idiomas. "Hai revistas do mundo enteiro que teñen intercambios con nós. E iso que nunca fixemos abstracts en inglés e estamos completamente en galego". Preguntado qué pode estar detrás deste eco internacional, o director sinala que non o ten moi claro, e apunta con sorna: "non sei, farémoslle graza por ser tan pequenos".
O deseño e o futuro
O aspecto de seriedade que transmite a revista, co índice na propia portada e sen ningunha ilustración á vista débeselle ao falecido deseñador Francisco Mantecón. "O deseño foi tamén unha aposta que fixemos. Cando comezamos, a idea dominante era que todo tiña que leva moitos debuxos e fotografías e que non tivese moito que ler. Esta é unha revista non figurativa, nunca se publicou máis deseño que o de Pepe Carreiro que acompaña a editorial". A pesar do decisivo influxo da era de Internet no deseño e mais no formato das revistas, "A Trabe" promete continuar na mesma liña. "Imos manter o deseño aínda que haxa que facer algunha adaptación. Haberá edicións dixitais ou o que sexa, pero seguirá na mesma liña. As revistas e os libros seguen a existir e a ser unha referencia básica, hai cousas ás que Internet substitúe e outras ás que acompaña". Polo momento, parece que temos trabe para un bo anaco. Desde a dirección sinalan que están a conseguir os seus obxectivos e que teñen ánimos para continuar, polo que é de agardar que este tomo branco se manteña nos nosos quioscos e librarías, agochando dentro, quizais, algún artigo que, a xeito de pinga, desprace o centro do noso pensamento.