Manuel Lugrís Freire explorou diversos xéneros literarios na busca da dignificación da lingua e a identidade galegas

Lugrís e a escrita da terra

O noso escritor tocou sen parar un gran número de xéneros literarios. Xunto co interese creador, a Lugrís movíalle especialmente a procura da dignificación para a lingua galega e a súa normalización no ámbito literario. Lugrís cultivou a poesía, o relato e, especialmente o teatro, onde obtivo os seus maiores éxitos públicos.

Montse Pena Presas
Sección de Literatura do Consello da Cultura Galega

A xénese do Lugrís escritor

“Sigamos nosoutros os pasos dos nosos primeiros poetas, xa que non con tan bo xeito, con fe, que cun só gran desta, como di un relembrado escritor, pódese cimentar o mundo. A nosa rexenaración debe ser fundada nas nosas cousas para que sea digna de nós e puramente galega”. Facía Lugrís esta afirmación no primeiro xornal monolingüe no noso idioma, A Gaita Gallega, que fundara el mesmo alá por volta do 1885 na Habana, cando contaba tan só con 22 anos. A súa teima na causa, a crenza absoluta de que no cultivo do galego estaba o futuro da nosa “rexión” foi, sen dúbida, o facho que alumeou toda a súa produción literaria, abrollante de reinvidicacións lingüísticas, políticas e sociais.

No seu relato “Os primeiros versos”, publicado n´O Galiciano en 1886, o autor de Sada narra o que podería ser, ficcionalizado, o seu achegamento inicial á escrita en galego. No texto, narrado en primeira persoa, conta como mentres está a dar un bucólico paseo por Liáns (Oleiros), escoita “alegres aturuxos”. Ao achegarse ao lugar de onde provén a música, observa aos mozos do Orfeón Brigantino rendíndolle homenaxe a Marcial del Adalid, autor da primeira ópera na nosa lingua. A partir de aí, unha serie de elementos míticos: a contemplación da Torre de Hércules, a cercanía da vila de Carral e o son dunha muiñeira, levarano intuititivamente da man á escrita literaria. A creación será de versos, e de versos na lingua de noso, como non podía ser doutro xeito.

Un autor entre varios xéneros

Aínda que Lugrís se inicia no eido literario co xénero poético (publicando composicións soltas no xornal habanero El Eco de Galicia), ao longo do seu percorrer vital visitará tamén os outros camiños da palabra escrita: a narrativa e o teatro. De feito, nas mesmas páxinas que acollían os seus primeiros poemas, o público coñecerá tamén unha novela curta, O penedo do crime, que sairá á luz por entregas, entre o 14 de setembro e o 28 de decembro de 1884. Baixo o subtítulo “Lenda das Mariñas” hai que recoñecer un relato iniciador no uso do galego na narrativa, pero tamén un texto que pouco novidoso achega ao panorama literario. A tentativa de tirar ao mar o fillo ilexítimo dunha parella e a reparición deste, xa mozo, como namorado da súa propia curmá, son as dúas pedras de abalar en que se sustenta o entretecido da historia, que ningunha laboura deixa á intuición lectora.

En 1908 Lugrís dará ao prelo os Contos de asieumedre, recompilación de oito relatos publicados anteriormente en prensa dos que, segundo Xabier Campos, se distribuíron 20.000 exemplares, xa que esta impresión corría a conta de Solidaridad Gallega. A esta seguiranlle dúas edicións, de 1909 e 1920, que irán engadindo novos contos que Lugrís tiraba nos xornais e asinaba co pseudónimo de Asieumedre. Estas narracións, que non adoitan transcender do anecdótico, presentan sempre unha única historia centrada nas principais preocupacións do autor: a procura da xustiza e a dignificación do idioma e da terra.



“A poesía é todo”

Na mente de Lugrís estaba a idea de que aqueles que profesasen na causa galeguista, tiñan que pór a súa escrita ao servizo da “fermentación lírica” do país. O noso renacer lírico viría acompañado do noso renacer como pobo, porque, como manifestara o autor de Sada nunha conferencia pronunciada na Coruña en 1927, “a poesía é todo”. A causa galeguista era, sen dúbida, para el, o elemento alicerzador dese todo.

Os seus primeiros poemas publicados en libro sairán en 1894 e levarán por título Soidades (versos en gallego). O limiar correrá da man do seu amigo Curros Enríquez, con quen compartía faladoiro na Cuba das fins do S. XIX e de quen tomará o aspecto máis cívico da súa poesía. Os temas fundamentais da poética lugrisiá abrollan xa nesta obra iniciática. A unha beira atopamos a saudade do emigrado, a morriña pola vila lonxana –paisaxe á que recorre constantemente- e a infancia perdida, pero tamén o amor no seu máis amplo termo. Da outra, temos a súa faceta máis social: críticas ao clero e ao aparello caciquil e laudacións reivindicatorias á fala e á terra.

Unha poética sen cambios

Xa en 1901, de volta en Galicia e viúvo da súa primeira muller, Lugrís dá ao prelo Noitebras. O autor dedícalle a obra á esposa falecida, que se converterá así no eixo temático da mesma. Aínda que as súas arelas para o destino de Galicia están tamén presentes, a negra sombra da morte, e con ela a ausencia e a escuridade, ecoan na meirande parte destas composicións.

De moi diferente fasquía é Versos de loita, poemario que escribe en 1919 un Lugrís metido de cheo no proxecto das Irmandades da Fala. Seguramente por iso, estes poemas, , amosan o carácter máis loitador e reivindicativo do autor, mais tamén o seu lado máis prosaico. Entre eles atopamos esa “Cantiga dos amigos da fala”, himno das Irmandades.

“Para a xenerosa e ben encamiñada mocidade galega” escribe o sadense as súas Ardencias (1927), tamén coa intención de continuar o ciclo lírico iniciado polos poetas do XIX. O que é o seu libro poético máis elaborado, e quizais tamén máis conseguido, continúa co substrato temático anterior e coas eivas que xa lle apuxera Carballo Calero ao conxunto da súa poesía: demasiada “pura declamación” e “franco prosaísmo”. N’As Mariñas de Sada (1928), Lugrís recolle seis poemas, icon motivo de homenaxear á Sociedade Sada y sus contornos. O paisaxismo está nestes versos máis presente ca nunca.


O seu teatro: unha aposta didáctica

En 1963, co gallo do centenario da nacenza do escritor sadense, o seu paisano Ramón Suárez Picallo escribe: “o seu grande amor era o amor a Galiza, ás súas paisaxes, á súa cultura, ás súas tradicións e, sobre todo, á súa lingua”. Entendendo esta paixón como fundamental na personalidade de Lugrís e valorando, outra volta, a súa implicación na causa rexionalista, hai que enmarcar a súa produción teatral. Este xénero é ao que máis tempo lle dedica e no que máis esforzo pon. O autor sadense sabe que o teatro é, e sempre o foi, o xeito literario máis directo para deixar no receptor o pouso dunha ideoloxía concreta.

A implicación na Escola Rexional de Declamación

A súa laboura a prol do nosa dramática parece que comezara xa en Cuba coa escrita da peza A costureira da aldea, da que temos noticia por Couceiro Freijomil e polo propio Lugrís, que alude á mesma en 1935, no epílogo á 2ª. Edición de Queixumes dos pinos.

Porén, as súas achegas fundamentais para a construción dun teatro galego e para os galegos, virán coa creación da Escola Rexional de Declamación. Este proxecto, que comeza a camiñar en 1902, tentaba formar actores e estimular a creación dramática na nosa lingua. Mais este teatro vai cumprir, sobre todo, unha función didáctica, converténdose en elemento vehicular da ideoloxía rexionalista. Para a Escola escribe Lugrís A ponte (1903), primeira obra en prosa do teatro galego, Minia (1904) e Mareiras (1904), a súa peza máis longa. Para Francisco Pillado o sentido do drama en prosa está ben claro, pois é un “intento de facer un teatro menos retórico, menos literario e máis comprensible”. Estes tres textos foron representados en diversas ocasións, e tiveron, en xeral, unha boa acollida (o que amosa que A ponte e Mareiras fosen traducidas polo propio Lugrís ao castelán). De todos xeitos, como narran algunhas recensións dos espectáculos aparecidas nos xornais da época, o público asistente era máis ben escaso, feito propiciado pola lingua das obras (non esquezamos que había unha tradición nula de teatro en galego) e tamén pola querencia do público de entón pola zarzuela.

Os tres dramas comparten, ademais, diferentes elementos: a defensa do oprimido fronte ao opresor, a presenza da morte, a ubicación na terra natal do autor, o tema do amor como fondo, unha excesiva discursividade e a presenza de personaxes planos. En Esclavitú (1906) achamos tamén estas constantes, pero hai algo que diferencia esta obra das outras: ideada para que a Escola a puxese sobre as táboas, non será estreda ata 1910 pola Sociedade Talía. O motivo non é outro que a desaparición da compañía que botaran a andar os rexionalistas, debida aos enfrontamentos xurdidos entre os seus membros e ao propio esmorecemento dos ideais que defendían.


Polos vieiros da comedia

Non volverá Lugrís a achegarse ao xénero teatral ata 1917, ano en que publica O pazo, o seu texto máis representado. De novo volvemos atopar aquí algunhas das pedras filosofais da escrita lugrisiá: a defensa do enxebre e da enxebreza e o labrego como exemplo de todos os valores positivos. A peza, escrita nun tempo de escaso movemento teatral, supón unha fenda en relación á súa produción anterior, pois afástase do drama para introducirse nos vieiros da comedia. Esta é xa a etapa en que a actividade dramática a prol da causa galeguista corre de conta das Irmandades, que sustentarán, primeiro en 1919 o Conservatorio Nazonal de Arte Galega e logo en 1922 a Escola Dramática Galega.

O asunto do enredo que domina esta comedia será tamén a fío do que tira o autor en Estadeíña (1919), a súa última achega ao xénero. Na obra, Lugrís engade ao tema amoroso, o da educación como elemento que librará ao pobo da superstición en que vive.

Estas dúas novas propostas do autor de Sada pouco varían en relación ás que presenta nos seus dramas. Demasiado discurso e pouca acción en pezas nas que o espectador/lector só coñece unha historia única, abondo estática para un xénero caracterizado precisamente polo seu dinamismo.

Un escritor ponte


“Inda que vello, eu non debo abandonar a causa que xurei defender mentres alentase”, chega a manifestar Lugrís. Só nestes termos debemos valorar a produción literaria dun escritor que non resalta pola súa calidade, mais que hai que ter en alta consideración polo seu cariz de animador cultural e polo seu cariz de adiantado. Pioneiro da escrita monolingüe en galego, pioneiro do teatro en prosa do país e pioneiro do uso do idioma en ámbitos en que estaba absolutamente relegado, Lugrís é un intelectual ponte. Quizais, como se consideraba Otero a si mesmo, fose unha “pantasma do século pasado”, mais unha pantasma cos ollos ben abertos para saber detectar os males que facían padecer a Galiza. Abalante entre os derradeiros ventos románticos e os albores dos novos tempos, a súa única intención era “rexenerar a alma galega”. Seguimos a intentalo.