Multiplícanse as propostas para desenvolver centros de ensino nos que só se empregue o galego

O curso das ikascolas

Iniciativas privadas de carácter pioneiro. Escolas infantís. Centros pilotos. As fórmulas son varias, pero a idea é máis ou menos a mesma: Desenvolver proxectos de ensino que se desenvolvan exclusivamente en galego. Os anuncios de que a Xunta apoiará este tipo de propostas a partir do vindeiro curso pon de actualidade un modelo que, con longa tradición noutros países, coma as ikastolas de Euskadi, aínda non se aplicara de xeito masivo en Galicia.

Todos os indicios apuntan a que o curso 2006-2007 o mundo do ensino vivirá unha certa revolución. Diferentes proxectos apostan pola posta en marcha de centros de ensino en galego. A idea non é nova. Xa desde os anos sesenta funcionan en Euskadi as ikastolas, escolas que teñen o euskera como lingua principal, unha iniciativa semellante á que se desenvolvera tempo antes en Bretaña. Canda ás escolas monolingües, o sistema educativo vasco establece diferentes grados de emprego desta lingua. Desde un modelo no que os alumnos desenvolven a súa actividade cun emprego parcial do idioma ata o emprego exclusivo do mesmo en todas as materias. Ata o momento, no noso país non se desenvolvían iniciativas semellantes de emprego único do galego. Seguindo a lexislación, un mínimo do 30% das horas se impartiría sempre no noso idioma nas primeiras etapas educativas e se ampliaría á metade do tempo de clase nos ciclos superiores. A aprobación en 2005 do Plan Xeral de Normalización Lingüística abría á porta a que se desenvolvesen uns primeiros proxectos piloto nos que, atendendo á demanda social existente, se puidesen impartir as aulas de xeito íntegro no noso idioma, ademais de establecer que os primeiros anos de escolarización se farían na lingua materna dos alumnos.

Desde o Plan Xeral
Segundo explica Bieito Silva, que coordinou a elaboración do apartado de Educación deste Plan, "Unha das carencias principais que coincidamos en sinalar era que non había oferta educativa nos primeiros anos que garantise unha educación en galego para os nenos que saen da súa casa a falar este idioma". A pesar de que a legalidade vixente non establecía problemas para que se implantase un sistema de ensino monolingüe galego para estas idades, a aplicación práctica deixou sen cubrir, de xeito maioritario, este campo. "A lexislación sinala que, en infantil e en primaria, os nenos teñen dereito a recibir o ensino na súa lingua familiar, pero isto encontrouse con moitos atrancos porque en Galicia non se segrega os nenos pola súa lingua", aclara Silva. "Isto fai que se mesturen na mesma aula os que falan galego e os que falan castelán, e non sexa doado respectarlles os dereitos. Non é difícil imaxinar que os nenos que teñen máis dificultades neses casos sexan os galegófonos, por ser habitualmente minoría". Neste sentido, este especialista en lingua e educación aclara que os proxectos que agora anunciou a Xunta"Non son de inmersión lingüística. Isto é atender os nenos na súa lingua. O concepto de inmersión non está recollido na nosa lexislación, e en calquera caso, non se podería considerar ilegal se contase co visto e prace das familias. O que non se pode é forzar a xente a que vaia a un programa en galego se non queren".


Dez para o galego
En aplicación do que establecía o Plan Xeral en canto a ensino monolingüe, a Consellaría de Educación anunciaba recentemente que no vindeiro curso dez centros dos xa existentes poderán acollerse a este modelo para o período de educación entre os tres e os seis anos idade. Iso si, sempre atendendo á solicitude dos Consellos Escolares e coa obriga de que en todos eles exista a posibilidade de optar polo sistema bilingüe actualmente en marcha en todos os centros, o que esixe que estes centros teñan un mínimo de dous grupos de alumnos. Desde Educación adiantan que o proxecto é ampliar esta iniciativa a fases posteriores do ensino ao longo dos vindeiros anos. Polo momento está previsto que se establezan tres na Coruña, outros tres en Pontevedra, e dous por provincia en Lugo e en Ourense. A necesidade de teren os centros un tamaño mínimo e o feito de que cómpre unha demanda do contorno provocou xa as primeiras críticas a este proxecto desde a Mesa pola Normalización, que entende que estas condicións provocarán que estes proxectos se establezan en lugares onde o galego ten xa unha presenza maioritaria na sociedade.

A rede da lingua
Atendendo ás recomendacións do Plan Xeral para o período de educación de cero a tres anos, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias presentaba o doce de maio o proxecto Galescola. Esta iniciativa, coñecida tamén como Rede Galega de Escolas Infantís, pretende pór en marcha ao longo dos vindeiros dous anos, noventa e nove centros destinados a estas idades por todo o país, coa intención de que neles o idioma vehicular sexa o galego. En total, 5.490 nenos e nenas poderán achegarse a este proxecto, que contará cun plano pedagóxico común no que se fai especial incidencia no emprego do noso idioma. Segundo explica Carme Adán, secretaria xeral da Igualdade, esta iniciativa quere abrirse cara a outros centros, ademais dos de nova creación. "Neste momento puxemos en marcha un plano de calidade para escolas infantís no que se valoran os proxectos de dinamización lingüística. O obxectivo é que nas escolas que dependen da Xunta dun xeito progresivo haxa máis aulas nas que se fale galego", explica. Deste xeito, Vicepresidencia pretende que se vaian incorporando ao proxecto diferentes centros nos que o noso idioma sexa o principal.

As outras galescolas
Claro que non son estas as únicas Galescolas. Desde hai xa case dous anos, a Asociación VOGAL (Viveiro e Observatorio de Galescolas) traballa no proxecto de constituír centros de ensino nos que o galego sexa a lingua exclusiva. Segundo explica Xosé Ramom Pichel, un dos promotores deste proxecto, "o que se quere é crear o que xa funciona noutros lugares, cooperativas de ensino desde unha perspectiva monolingüe. O modelo educativo incide en facilitar que a xente se integre por medio do galego, e logo quérese facer moito fincapé no inglés e na aplicación das novas tecnoloxías". Como peculiaridade do proxecto, apostan por unha "concepción ampla do galego" coa que queren "aproveitar os recursos que fornece o resto da lusofonía para mellorar a calidade lingüística e acceder a recursos que doutro xeito non estarían dispoñibles". Para o vindeiro mes de setembro agardan que estea en marcha a primeira cooperativa, que de calquera xeito non comezaría a súa actividade docente aínda no curso 2007-2008, arrincando pola educación infantil e coa idea de ampliar con posterioridade o proxecto a outros tramos de idade. "A intención é que a xente saia da escola non sabendo galego, senón falándoo", completa Pichel. A respecto do proxecto de Vicepresidencia co que coinciden no nome, este colectivo sinala que "semella algo moi interesante" e sinala "que ninguén está a inventar a pólvora, xa hai proxectos que teñen moita experiencia, como o proxecto de Andaina na Coruña".

Pioneiros
Existen, efectivamente, iniciativas educativas pioneiras no noso país que hai anos veñen apostando polo emprego maioritario do galego. É o caso da Cooperativa de Ensino Andaina, en Culleredo. Nesta proposta, que comezou como unha escola infantil hai dezanove anos e hoxe chega ata o ensino secundario "o galego é lingua vehicular empregada no centro, tanto nas actividades que se desenvolven dentro da xornadas escolar como naquelas que o complementan. Así mesmo, ademais de ser lingua de relación con alumnado, é empregada entre todos os traballadores do centro", explican desde o Departamento de Normalización Lingüística. Canda a esta lingua, e dentro da idea de "favorecer a diversidade lingüística e cultural coa que convivimos", búscase a educación plurilingüe. "O noso proxecto parte das linguas do contorno máis próximo para ir progresivamente abríndose ás linguas estranxeiras" explican desde o centro. "O modelo de inmersión en lingua galega vén determinado polo fin último que é a adquisición de competencia no idioma, e aplícase a partir da análise do noso contexto. Con este modelo conseguimos o obxectivo de ter competencia oral e escrita en galego, e polo tanto damos a oportunidade de desenvolver o seu emprego. O labor do noso centro non só vai unido á docencia senón a un traballo social en favor da nosa lingua e da nosa cultura". Dun xeito semellante a escola infantil Raiola, de Compostela, leva xa trinta e tres anos a desenvolver a súa actividade no noso idioma. Os responsables deste espazo recoñecen que a aposta conseguiu atraer moita xente interesada en escolarizar os seus fillos neste modelo. Ademais de empregar o galego, neste centro ensinan a escribir e a ler no noso idioma.

Aos poucos, multiplícanse as opcións para aprender no noso idioma. Está por ver ata que punto conseguirán estes modelos normalizar o galego.