Non hai tanto tempo que está estendida a consciencia sobre o importante que son os bosques. A día de hoxe son múltiples as efemérides e eventos que nos lembran a necesidade de conservar a masa vexetal. O Día Forestal Mundial, cada 21 de marzo, ou o Día Internacional da Árbore son dúas das celebracións que recoñecen o destacado papel destes seres vivos a escala planetaria. De xeito curioso, foi ben preto de nós, en Mondoñedo, onde comezou o costume de celebrar estes compañeiros leñosos hai xa cinco séculos.
De xeito oficial, o Día Forestal Mundial celébrase a escala planetaria desde 1971 a instancias da FAO. No entanto, desde cen anos antes, o Estado de Nebraska viña reivindicando a honra de ser o primeiro lugar que instituíu unha Festa da Árbore. O gobernador deste estado en 1872, Henry Morlon, foi pioneiro en celebrar unha plantación conmemorativa. A súa idea estendeuse logo con rapidez por Estados Unidos e ao longo do século XX chegou a Europa e ao resto do mundo. Foi por entón cando se descubriu que a Morlon se lle adiantara o concello cacereño de Villanueva de la Sierra, que tería iniciado unha celebración semellante en 1805, segundo sostiña Joaquín Costa. Dándolle unha volta máis á cuestión, Eduardo Lence-Santar y Guitián, cronista oficial de Mondoñedo durante primeira metade do século XX, foi un dos investigadores que descubriron que esta cidade creou unha primeira festa da árbore, que se data nada menos que no século XVI e que se mantén, aínda que con interrupcións, ata os nosos días.
A primeira plantación conmemorativa
Corría 1569 cando Luís de Luaces, rexedor da cidade e destacado nobre, decidiu plantar un arboredo ao carón dunha ermida local. Como era habitual naquela época, Luaces quixo convidar os cidadáns da zona a un memorable banquete para que se lembrase, de xeración en xeración, o seu labor. En certo xeito, conseguiuno, xa que aquelas árbores continúan no seu lugar e aínda hoxe se conmemora unha festa na que se plantan uns pés arbóreos. Do que non se conserva tanta memoria é do menú daquel banquete e é que, por moita que fose a enchente, xa foron aló uns aniños. Eduardo Lence-Santar, facía xa en 1940 a reivindicación de Mondoñedo como berce desta celebración a partir das súas investigacións históricas.
Volta da festa
Aínda que se continuou celebrando no tempo a plantación daquel arboredo, a festa tivo interrupcións nos máis de catro séculos que transcorreron desde a súa posta en marcha, e non colleu unha certa continuidade ata comezos do século XX. Foi por aquel entón cando apareceron celebracións semellantes por todo o país. Segundo asegura Francisco Díaz-Fierros no seu libro "A cuestión ambiental en Galicia", o actual formato de festa adoptouse a imitación dunha iniciativa catalá. En 1898 comezou en Barcelona, por proposta de Rafael Puig i Valls, un evento que tentaba promover nas escolas o amor polas árbores mediante plantacións masivas un día sinalado. A idea propagouse rapidamente, ata que en 1914 foi oficializada a nivel estatal. Segundo os datos desta obra, en 1910 fíxose a primeira das festas con este carácter en Galicia, máis concretamente en Tui, por iniciativa do enxeñeiro de montes Rafael Areses. O mesmo ano houbo eventos semellantes en Vigo e en Xunqueira de Ambía. Sen datas concretas, as plantacións celebrábanse normalmente a finais ou a comezos do ano, principalmente por ser a época máis propicia para prenderen as árbores.
O xeito das festas
Consérvase un texto de 1.927 da revista de Acción Social, que amosa que en Mondoñedo esta celebración era todo un acontecemento local e que xa se incorporara ao xeito coetáneo de facer a festa. Segundo ese artigo, o programa daquel ano comprendía un día enteiro. Entre os actos previstos había procesión civil, misa de campaña, banda de música, nenos a entoar o "himno á árbore", merendas, canto e baile tradicional e discursos por parte das principais autoridades civís e militares (ata sete oradores aparecen recollidos entre alcalde, mestres de escola e párrocos entre outros). Como non podía ser menos, o evento incluía a plantación de árbores en conmemoración daqueles que no seu día fincara Luís de Luaces, a cargo dos nenos das escolas locais. En xeral, e polos datos que achega Díaz-Fierros, este esquema repetíase con poucas variacións en todas as festas que se facían na época.
A explosión verde
E é que coincidindo con este renacer de comezos de século, as celebracións arbóreas estendéronse por todo o país. "A Festa da Árbore foi, con toda probabilidade, a actividade que máis influíu na creación dunhas condicións que actuaron moi positivamente no xermolar dun compromiso ambiental dos galegos" sinala Díaz-Fierros. Segundo recolle este autor, en 1918 hai testemuño de vinte eventos deste tipo só na provincia da Coruña, o que nos dá a idea da súa extensión. Co pasar do tempo e a aparición de novas formas de reivindicación ambiental, aos poucos estas festas foron perdendo fama e moitas deixaron de celebrarse. No entanto, non é estraño a día de hoxe que calquera colexio do noso país reserve unha data na que os alumnos se achegan ao campo e fan unha simbólica plantación.
Árbores hoxe
Con algo menos de lustre, e tamén con menos discursos, continúa a se facer hoxe en día en Mondoñedo a Festa da Árbore. O evento, que non se celebra nunha data fixa, continúa a ter como eixe central unha plantación. Na actualidade son os nenos dos centros de ensino mindonienses os que se encargan maioritariamente deste labor, que continúa a contar coa presenza de diferentes autoridades oficiais. De calquera xeito, desde o Concello anímase aos veciños a que participen achegando os brotes que consideren. Cada ano, compleméntase esta actividade con iniciativas para coñecer mellor o contorno natural. Exposicións ou rutas de sendeirismo son algunhas das propostas máis habituais. E aos poucos, os troncos continúan a medrar.