O futuro do Museo de Castrelos e da Universidade Popular de Vigo, a debate

O destino das doazóns

O futuro do Museo de Castrelos de Vigo comeza a clarexar logo de que onte se reunise, por primeira vez en dous anos, o patronato que o xestiona. Solicitarlle á Xunta que repare as deficiencias estructurais e buscar unha nova fórmula de xestión son os obxectivos que se marcaron. Mentres, a Universidade Popular, outro edificio doado ó Concello, podería pasar a mans privadas de prosperar a denuncia contra o goberno local por incumprir as condicións da cesión.

O futuro do museo



As denuncias sobre a suposta situación ruinosa na que se atopaba o Pazo Quiñones de León e a necesidade de definir o seu futuro motivaron a xuntanza que onte celebrou en Vigo o patronato que rexe o Museo de Castrelos.
Este patronato, con representación do Concello e de persoas do mundo da arte e da cultura da cidade, reuníase así por primeira vez en dous anos, aínda que nos estatutos figura que debe facer xuntanzas trimestrais.
Logo de revisar os informes do director do centro nos que se analiza o estado de conservación do pazo e as obras realizadas nos últimos anos, o Patronato acordou solicitar as reparación das deficiencias observadas na ampliación do edificio encargada pola Xunta e inaugurada hai dous anos. Segundo os inormes sobre a conservación do edifcio, os problemas de humidade que este sufre débense precisamente a unha realización deficiente desta ampliación.
Ademais de analizar a situación física do edificio, o Patronato analizou as posibilidades de xestión que se abren para o museo, quedando pendente para vindeiro catorce de abril a presentación dun anteproxecto de reforma estatutaria. As opcións que se barallan son que o centro continúe dependendo da Concellería de Cultura, que pase a ser un organismo autónomo do Concello ou que sexa rexido por unha fundación.
Finalmente tamén se debatirá a fórmula do convenio co futuro Museo de Arte Contemporáneo (MARCO) de Vigo para que este acolla en depósito as obras que actualmente acolle Castelos. Onda isto, a dirección do centro deberá decidir aínda a orientación que se lle dá á pinacoteca.
Para rematar a xornada de onte o edil de Cultura, Carlos Príncipe, amosou ós medios de comunicación o estado das salas do museo e explicou as obras acometidas no mesmo durane os últimos anos.












A Universidade Popular




O edificio da Universidade Popular podería deixar de pertencer ó Concello de Vigo se prospera a denuncia realizada por familiares de García Barbón, o seu doador.
Segundo os descendentes deste filántropo, os distintos gobernos municipais viñeron incumprindo varias das cláusulas da cesión do edificio. Así, segundo eles non se seguiu a cláusula dúas da escritura de doazón, que sinala que un incumprimento total ou parcial das obrigas contraidas polo Concello durante dous anos consecutivos sería "causa de rescisión total" do acordo. Os familiares de García Barbón interpretan que a falta de actividade docente no centro durante os últimos anos é causa para que o inmoble volte a mans da familia.
Gacía Barbón cedera o edificio en 1904 para crear unha escola de artes e oficios orientada cara ós obreiros e as mulleres da cidade. No dcumento de cesión inclúense doce cláusulas que esixen, entre outras cousas, que o ensino impartido sexa gratuíto, que o Concello controle o centro e se encargue do seu mantemento e que o inmoble non sexa enaxenado. Precisamente a realización de obras para evitar a ruína do edificio foi o que mantivo pechada a escola durante os últimos dous anos.
O concelleiro de Urbanismo, Xabier Toba, nega que o Concello teña incumprido ningunha cláusula e sinala que "o realmente importante e xulgar se se respectou a vontade do benefactor".