Continúa a polémica sobre a reforma con novos manifestos e declaracións

Cuestión da Academia

A polémica sobre a decisión da Real Academia Galega (RAG) de rexeitar a reforma do galego proposta polas tres universidades e o Insituto da Lingua Galega (ILG) segue a dar que falar. A tarde de onte foi prólixa en comunicados. O ILG deu a coñecer a súa postura sobre o tema, ó igual que os grupos reintegracionistas Associaçom Galega da Língua (AGAL) e Movimento de Defessa da Língua (MDL). Tamén o sindicato CIG-Ensino e a Mesa Pola Normalización Lingüística realizaron senllos chamamentos á Academia para que reconsidere a súa postura. Mentres, Francisco Fernández del Riego manifesta nunha entrevista que non houbo ningún tipo de presión política sobre a RAG e os artigos de opinión sobre a cuestión enchen os xornais.
A última hora da mañá o ILG e a AS-PG facían público un comunicado no que agradecían o apoio prestado á súa proposta normativa e anuncian estratexias a seguir.


O ILG reprocha sen cuestionar





Logo dunha xuntanca do seu Comité Científico, na tarde de onte o ILG emitiu un comunicado no que lamenta a decisión da RAG. Segundo esta institución a proposta "respectaba integramente o espírito da actual normativa" e insiste en que "considera o galego coma unha lingua autónoma". O Instituto da Lingua Galega insiste no seu comunicado en que o texto proposto "contribuiría de maneira moi importante a resolver un grave problema para a consolidación social do galego ó permitir que un amplo sector, moi significativo na vida cultural do país, se incorporase á normativa oficial". No comunicado aclárase que a "a autoridade de Real Academia Galega en ningún momento foi cuestionada nin durante o proceso de discusión da proposta nin no procedemento posterior, e asumimos que a súa decisión debe ser acatada", aínda que recoñece que "o respaldo académico e social tan amplo que se produciu arredor desta proposta mostra que existe un problema real que compre resolver". O texto remata manifestando que "o ILG espera que a RAG, que ten a autoridade en materia normativa, ausma tamén a súa responsabilidade e mote iniciativas dirixidas a reconstruír un consenso de ampla aceptación".












AGAL, a deslexitimación da Academia



A Associaçom Galega da Língua, destacado colectivo reintegracionista autor da normativa de máximos, emitiu tamén onte un comunicado no que "lamenta profundamente" a decisión da RAG aínda que aclara que desde a AGAL xa tiñan valorado "como claramente insuficiente este projecto e reforma", "nom podemos deixar de deplorar a exclusom e o desprezo que esta decisom significa para um considerável número de pessoas e colectivos empenhados na normalizaçom do idioma".
Para a AGAL, a decisión da Academia é "dogmática e contrária a qualquer conciliaçom normativa", e supón "a completa deslegitimaçom da Academia, que a invalida como referente social do movimento galeguista". A asociación convida, no final do seu comunicado a "todas as pessoas e colectivos favoráveis à recuperaçom do galego" a que "unam os seus esforços na trascendental tarefa de dignificar o principal bem cultural e sinal de identidade da Galiza".





O MDL, a responsabilidade do ILG


Desde o Movimento de Defessa da Língua, colectivo que reclama o monolingüismo social en galego e o reintegracionismo lingüístico, acusouse onte ó ILG de ser tamén responsable da decisión da Academia.
Segundo o comunicado desta asociación, "O ILG criou un modelo de língua partindo dum poder que lhe foi transferido de forma sectária e ilegítima" e empregou ese poder "para decepar toda e qualquer dissidência". O MDL sinala que "quando se utiliza e se potencia a imposiçom para mandar, e nom o diálogo para conviver" acontece que cando se quere dialogar "non encontramos o interlocutor".
O colectivo manifesta a súa esperanza de "que isto sirva para abrir os olhos de muitas pessoas que pensavam ser este um país livre só porque a sua opiniom coincidia com a de quem governava".





A Mesa, oferta de diálogo


A Mesa pola Normalización Lingüística reunirase esta mesma tarde en Compostela pra avaliar as posilibilades de acadar un novo consenso arredor da reforma normativa. O vicepresidente da Mesa, Xosé Baldomir, sinalou que a súa organización está disposta a comezar contactos con todos os colectivos que ficaron "marxinados pola decisión da Academia". Para este colectivo os académicos non tiñan dereito "a desautorizar" un acordo xurdido do consenso entre lingüístas de toda a comunidade. Segundo sinalou Baldomir "quédanos a sensación de que se está perdendo un momento histórico para abordar a mudanza" e resta analizar polo miúdo "se existe ou non unha maioría social importante en Galicia disposta a retomar o debate sobre a reforma lingüística aínda que sexa por outra vía".




CIG-Ensino, accións para o debate



Anxo Louzao e Braulio Amaro, dirixentes da sección de Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG) manifestou onte o seu pesar pola decisión da Academia, que, segundo eles, responde "a interferencias políticas partidarias". Neste sentido, os sindicalistas criticaron como "vergonzoasas e impropias" as declaracións do conselleiro de Educación en funcións, Celso Currás suxerindo que non existía unha demanda social de reforma normativa. Desde o sindicato anunciaron que comezarán diversas accións para retomar o debate sobre a normativa da concordia.




A defensa académica


Nunha entrevista concedida a Santaigo Jaureguizar para o diario "El Progreso", Francisco Fernández del Riego, presidente saínte da RAG, defende a independencia da entidade e sinala "hoxe é a única insitución que existe en Galicia independente de sectores políticos e representativa da cultura galega". Segundo el, na xuntanza do pasado sábado na que s decidiu rexeitar a reforma da normativa, as discusións "foron totalmente lingüísticas" e "non se tocou para nada o problema lingüístico". Del Riego defende que a RAG segue "a liña que marcou na súa fundación".
A poeta e académica Luz Pozo Garza realiza tamén unha defensa da decisión da Academia. Segundo ela, "o sistema dunha lingua non recoñece mínimos" e "calquera cambio que se introduza nela altera a súa estructura". Luz Pozo califica as modificacións propostas coma "auténticos peóns da estratexia lusista que preside e informa o corpus das propostas". Segundo ela, "a normativa da concordia introduciría unha fenda na lingua de Galicia tal e como a vimos utilizando", faría quedar obsoleta toda a obra escrita ata o de agora e dexaría en entredito a "sensatez" dos galegos nas universidades estranxeiras.




Espacios para o debate

Ademais de críticas e respostas, a cuestión da normativa está abrir novos espacios de diálogo entre diferentes propostas normativas. Ás ofertas realizadas por colectivos como a Mesa pola Normalización ou a CIG, sumouse onte unha mesa redonda impulsada en Compostela pola Associaçom Cultural "O Pedroso". Neste encontro, que se celebrou ás sete e media da tarde de onte no café Airas Nunes, participaron Henrique Monteagudo, do ILG, Xosé Ramón Freixeiro Mato, defensor dos mínimos reintegracionistas, Maurício Castro, da Fundaçom Artábria e Bernardo Penabade, presidente da AGAL. Neste encontro Monteagudo e Freixeiro mato explicaron o contido da proposta da reforma e o xeito en que se desenvolveu o proceso de diálogo que levou ó consenso entre os partidarios dos mínimos e os seguidores da norma oficial.
Pola súa banda, Penabade sinalou que a AGAL está aberta ó diálogo con todas as bandas interesadas e recoñeceu a importancia de se teren aberto vías de diálogo factibles para todos os interesados en desenvolver un consenso normativo. Pola súa banda, Mauricio Castro destacou a necesidade de acadar unha concienciación da masa social do país como único método de rematar co debate normativo e criticou tanto a postura da Academia, que ó seu ver, correspondíase coa do PP, como o acordo normativo, que segundo el respondía ós intereses do BNG.
Era a primeira vez nos últimos anos que varias dos máis destacados defensores das diferentes propostas normativas se reunían nun debate. A anterior rolda desenvolvérase cando Carlos Casares fixera a súa proposta de realizar un achegamento ortográfico do galego e do portugués.





Columnas e opinións


Todos os xornais galegos continúan hoxe a reflectir a polémica sobre a decisión da Real Academia en abondosos artigos e columnas de opinións. Así, "La Voz de Galicia" recolle un artigo do profesor de Enxeñería Química Xoán López Facal, no que este reflexiona sobre a utilidade económica de realizar un achegamento ortográfico do galego ó portugués, sinalando que "as linguas saben de economía e a RAG non debería ignorá-lo".
Pola súa banda o lingüista e xornalista Xosé Antón López Dobao critica en Vieiros a decisión da Academia lembrando que "polo menos media academia é razoable e iso é importante". No texto tamén chama á recollida de sinaturas e á mobilización social para presionar á RAG e acadar que se aprobe a reforma normativa.
Outros columnistas habituais, como son Xavier Alcalá en "El Ideal Gallego", Beatriz Guiance en "Xornal.com" ou José de Cora en "El Progreso" e "Diario de Pontevedra" reflicten a cuestión nos seus textos de hoxe, ademais de poder atoparse abondosas colaboracións arredor do tema da norma.