O colectivo de técnicos de escena aposta pola regulación do seu traballo en Galicia

O gremio do envés do pano

Con xesto dramático, o actor olla cara ao patio de butacas. A luz do foco amosa nitidamente a súa figura, enfundada nun coidado traxe de época, o puñal na súa man e unha porción dun decorado sumamente realista. Está só sobre o escenario mais, no entanto, ocultos polas cortinas que enmarcan a escena, agochados detrás das falsas paredes, empoleirados por riba das cabezas dos asistentes, unha serie de traballadores fai posible a maxia do teatro. Son os técnicos de escena, que acaban de crear unha asociación profesional para regular a súa situación laboral.

Son, en moi boa medida, invisibles. Non é só que queden ocultos trala tremoia, senón que os técnicos de escena non teñen recoñecemento como colectivo profesional específico. Baixo este concepto agrúpase un bo feixe de profesións que requiren dos máis variados coñecementos técnicos e dunha certa dose de vocación artística. "Nunha obra de teatro grande habería maquinistas, técnicos de son, e iluminadores, de entrada. Logo habería que contar cono encargados do equipamento, rexedores, xastres, perruqueiros, maquilladores e mesmo escenógrafos", explica Xavier Deive, representante deste sector na directiva a Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena (AADTEG). Todo un grupo de oficios aos que, segundo os datos que achega este profesional, se dedican entre cento cincuenta e duascentas persoas en Galicia.

Oficios curiosos
Dentro destes oficios descoñecidos, e para alén dos máis obvios de iluminadores e responsables de son, existen postos descoñecidos para grande parte do público. É, por exemplo, o caso do responsable de equipamento (ou "utillero")". Este é o encargado de ter a punto o atrezzo, isto é, todos os elementos que poden saír a escena e que tamén se encarga, se cómpre de facer pequenas reparacións nas escenografías. Tamén é pouco coñecido o labor do rexedor, que "traballa en producións máis grandes e é o responsable de ter a xente organizada por grupos detrás do escenario e preparala para que vaia saíndo cando lle toque", explica Deiva ao tempo que recoñece que "estas figuras son moi pouco comúns en Galicia".

Orixes diversas
"Non hai un censo sobre canta xente se dedica a isto. O sector está moi pouco artellado, e en xeral confórmao xente que ten a vontade de traballar nisto e que adquire coñecementos pola súa banda. Ata o de agora non había unha asociación profesional e continuamos sen ter unha titulación específica", completa. Deste xeito, a formación dos técnicos galegas faise, en moi boa medida, ao xeito dos antigos gremios, a aprender de mestres no oficio. "A ausencia dunha titulación regrada fai que haxa que aprender da xente que leva máis tempo e coa que se vai traballando". explica Deiva. Xente chegada do mundo da música que se dedica logo a preparar escenarios, profesionais das belas artes que entran no mundo escénico mediante a escenografía, electricistas... "Hai un pouco de todo nestes oficios, pero en xeral adoita ser xente relacionada coa escena a nivel afeccionado, membros de grupos de música ou de teatro que acaban dedicándose a estas cousas", asegura este profesional. Este gusto polo traballo fai que no sector haxa "unha actitude de traballo moi boa" e mesmo que existan no noso país "bos profesionais que mesmo traballan con xente de fóra perfectamente.

Eivas
Canda aos problemas derivados de non teren unha formación específica, os técnicos de escena enfróntanse ademais a un sector teatral pequeno, non que non abondan grandes producións e a miúdo prescíndese do traballo de boa parte destes profesionais. "En Galicia vense espectáculos grandes cando veñen de fóra. Aquí nunca se fixo un espectáculo realmente grande", lembra o representante deste sector na AADTEG. "Co orzamento que teñen as compañías de teatro e de danza non poden nin pensar en espectáculos con grandes maquinarias nin iluminación". A aplicación de novas tecnoloxías a estes ámbitos faise especialmente complicada no noso país, tanto pola dificultade dos traballadores para se actualizar como pola escasa aposta a prol deste tipo de instalacións. Estas eivas provocan que, segundo o propio sector recoñece, haxa "moitísimas carencias a nivel de tremoia e de maquinaria".

Traballos irregulares
A pesar desta situación, non falta traballo para os interesados achegarse deste xeito ao mundo da escena. "Se sabes traballar nisto, traballas. Hai pouca xente que se dedique a este campo e existe demanda, pero non existe un convenio regrado nin contamos coa dignidade laboral que require un traballo especializado coma este", sinala este vocal da AADTEG. E, polo que sosteñen os profesionais implicados, a bolsa de traballo podería aínda ser maior, xa que son habituais os casos en que son persoas alleas ao mundo do espectáculo as encargadas de xestionar este tipo de labores. "Ás veces chegas a un teatro e encontras que é a conserxería ou o responsable de limpeza quen está á fronte destas cuestións técnicas. Ou ves que é o persoal de Protección Civil quen se encarga de axudar coas montaxes en auditorios que custaron millóns".

A aposta de futuro
O encontro que sobre a situación deste sector organizou a Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena no Consello da Cultura Galega, serviu para presentar a grande aposta dos técnicos para o futuro. Trátase de Galatea, unha asociación específica deste sector que comeza agora mesmo a súa actividade. "O obxectivo desde a asociación é facer un censo de profesionais, abordar a problemática tanto en teatro como en música, danza e audiovisual. Levar adiante un convenio en Galicia, conseguir un plan de formación coherente, e tentar que os espazos onde se desenvolvan as actividades artísticas conte con persoal cualificado nas propias salas", completa Deiva. A posta en marcha de Galatea provocará unha escisión amigable deste sector da AADTEG. "Aínda que este primeiro encontro foi organizado desde a AADTEG agora os técnicos esgallaranse da asociación porque, como é lóxico estarán mellor representados na nova. Tanto actores como directores recoñecen que este colectivo de profesionais da escena precisa normalizarse e ve lóxico este paso", completa Deiva. O encontro achegoulle a este sector outra proposta positiva. O subdirector xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da Consellería de Educación, José Manuel Mouríz amosou o seu interese en buscar unha fórmula para que a formación nestes oficios se inclúa dentro do ensino regrado. Vendo estas iniciativas, pódese pensar que este é quizais o momento en que comeza a subir o pano que agocha este colectivo.