Armando Ribadulha debuta na BD autoeditando "A derradeira viagem de Ulises Dous", baseada nun relato de Eduardo Mendoza

Ulises chega do espazo

Logo de dous anos a estudar ilustración na escola Pablo Picasso da Coruña, Armando Ribadulha decidiu que era o momento de se lanzar á BD. "A derradeira viagem de Ulises Dous" é o título da obra coa que se presenta, un volume autoeditado en formato A4 de vinte e oito páxinas a branco e negro. Nel cóntasenos unha historia de ciencia ficción protagonizada por Ulises Dous, que o autor basea na obra "El último trayecto de Horacio Dos", de Eduardo Mendoza. "Non tento axustarme ao que escribiu Mendoza, mudo o que me interesa e galeguizo bastante a historia", explica Ribadulha. O subtítulo da obra "Episódio 1: Oriom 4" amosa a intención do autor de continuar unha serie "se a recepción é boa". Sen experiencia pública na BD, Armando Ribadulha salienta que "por ser a primeira historia que publicaba quería facer eu todo o proceso" e agarda presentar o álbum o vindeiro día once de abril ás oito da tarde no Café Alfaiate, coa actuación do cantautor Fernando Ceide. O autor distribuirá despois a obra, que se poderá adquirir de entrada nos locais coruñeses O Alfaiate, Café Macondo, e na libraría
Sisargas.