Grandes espazos expositivos, arquitectura de deseño e edificios ben situados definen as sedes culturais das entidades financeiras

Moito máis que edificios

A semana pasada asistíamos á presentación da nova sede da Fundación Caixa Galicia. Unha onda de cristal, aceiro e mármore branco que levou cinco anos construírse e dez materializarse. Un edificio que custou arredor de 38 millóns de euros e que se erixe no cantón coruñés como o buque insignia da actividade cultural de Caixa Galicia. Esta entidade, xunto con Caixanova e coa Fundación Barrié contan cunha complexa rede de centros que son moito máis que edificios, son emblemas da súa filosofía sociocultural.

Na rolda de prensa de presentación da nova sede, Xosé Luís Méndez, presidente de Caixa Galicia, debullou con entusiasmo o esqueleto do edificio máis caro, máis ambicioso e máis logrado dos que ten a súa entidade financeira. Un centro que chegaba para encher un ansiado oco dentro do seu proxecto cultural e porque se trataba da cidade herculina, sede e berce da entidade financeira. Situada nunha das zonas máis caras da Coruña (non é casual que se lle chame a milla de ouro) ergueu un poderoso edificio que se inclina 11 grados cara adiante e que supón un desafío da enxeñería.

Xusto ao seu lado, eríxese a Fundación Barrié (Banco Pastor), outra das sedes culturais máis emblemáticas do país que leva dúas décadas aberta ao público. Á vista está que son dous edificios diferentes (cómpre lembrar que foron pensados con case trinta anos de diferenza e as posibilidades da arquitectura cambiaron moito neste tempo) pero que comparten esa intención de integración coa fachada atlántica, recuperando as galerías acristaladas do cantón coruñés.

Ao lado destas, está Caixanova que comezou a súa tarefa cultural en Vigo hai vinte anos, e que foi paseniñamente ampliando as súas sedes ata unha infraestrutura actual que se completa con presenza nas cidades pero tamén ten unha interesante rede en vilas e pobos.

O que as une
Os centros que teñen as entidades financeiras do país comparten varias características. En primeiro lugar, están situados nas mellores e máis caras rúas dos principais núcleos de poboación e, na maioría das ocasións en edificios singulares das propias cidades. Caixa Galicia ten sede na emblemática rúa do Vilar de Santiago, nos Cantón Grande en A Coruña e está a piques de iniciar a recuperación do mítico Cine Fraga en Vigo, para asentar o seu proxecto na cidade olívica. Pola súa banda, Caixanova conta nesa cidade cun despregamento importante (abandeirada pola Finca San Roque, un centro social e un centro cultural en pleno corazón vigués) e está a piques de inaugurar un edificio no centro de Pontevedra (na antiga sede do edificio Central de Caixa Pontevedra). Pola súa banda, a máis lonxeva no seu campo, a Fundación Barrié, conta desde outubro de 2005 con dúas sedes. Situadas en Vigo e A Coruña, moi preto das sedes das outras entidades e, polo tanto, moi céntricas. Cómpre lembrar, nesta distribución xeoespacial das sedes socioculturais a querencia especial que teñen os bancos e caixas por primar ou por coidar con especial atención a cidade na que está a orixe da respectiva entidade. As fundacións Barrié e Caixa Galicia na Coruña e Caixanova no eixe Vigo-Pontevedra.

A rehabilitación a base de materiais nobres e un deseño moi inovador e, nalgúns casos mesmo futurista, sendo esta a segunda das características que comparten estes centros. Empregan os máis modernos e sofisticados mecanismos (véxase o caso da sede viguesa da Barrié na que o chan se levanta ou se baixa en función do uso da sala) e están pensados para aproveitar a luz natural o mais posible. Ademais, tanto na construción como na rehabilitación empregan arquitectura “de autor”. Alvaro Siza en Pontevedra (Fundación Caixa Galicia), e en Vigo Tuñón e Mansilla (Fundación Barrié) e Desiderio Pernas (Caixanova).

A terceira característica que cumpren estes centros é que son case obras de arte en si mesmas. Na maior parte das ocasións son rehabilitacións de edificios históricos, que conservan as súas fachadas e algún elemento estrutural máis, pero que se actualizan e se amoldan á súa nova funcionalidade. Precisamente os usos están, no papel, outra das similitudes destes centros destinados parte a exposición, parte a actividade administrativa do respectivo centro. No aspecto máís divulgativo todas contan con salas de exposición e auditorios (de diferente tamaño e dotación con respecto ao núcleo urbano no que se integra ou ás necesidades).

O que as separa
A súa filosofía trascende os límites do puramente pecuniario, converténdose nunha estratexia e concepción tamén diferenciada do eixo cultural. É dicir, do mesmo xeito que cada unha das entidades financeiras que está por detrás da asociación, ten un público, unha dimensión e, en resumidas contas, unha filosofía de traballo diferente, a súa obra socio cultural tamén é diferente.

Sen entrar nos criterios de programación e a definición das súas liñas de actuación, a súa distribución xeográfica (así como a dimensión dos edificios) revela outras diferencias de base. Nun primeiro nivel estaría a Fundación Barrié, que traza un eixo atlántico coas súas sedes en A Coruña e Vigo, curiosamente as cidades máis populosas. Faino con edificios moi amplos e cunhas dotacións moi ambivalentes que optimizan os espazos ata as últimas posibilidades. Nun segundo estadio estaría Caixanova que ten os seu principais núcleos de actuación noutro eixe, Vigo-A Coruña-Ourense, moi próximo ao cerne da súa actividade financeira que completa no resto do país, con exposicións itinerantes en sedes que non son propias (o auditorio de Galicia ou o Pazo de Fonseca en Santiago, Kiosko Alfonso na Coruña ou a Sala de Exposición da Deputación de Lugo). Nun terceiro e ultimo estadio atópase a Fundación Caixa Galicia coa rede máis ampla e máis diseminada por todo o país.

Cómpre facer unha última diferenza, que é o feito de que tanto a Barrié (Banco Pastor), como Caixa Galicia son fundacións, mentres que Caixanova é, na súa figura, obra social.

Moito máis que tixolos
Non é unha actuación novidosa. É unha estratexia que levan desenvolvendo tanto as sociedades socioculturais ao abeiro de entidades financeiras como “La Caixa”, “Caixa de Catalunya”, CajaMadrid (que comezou sendo soamente obra social e máis tarde pasou a crear fundación e que a día de hoxe ten sede en Galicia, o pazo de Fondevila restaurado por Noguerol), “Ibercaja”, “Bancaja” ou Cajastur (co pazo de Revillagigedo) no resto do Estado e “Culturgest” en Lisboa e Oporto que é da Caixa Geral de Depósitos.

Son moito máis que edificios, moito máis que centros para albergar, recollen o traballo cultural e a obra social e das entidades financeiras do país.

Coñece as sedes

Coñece as sedes

Caixanova. Finca San Roque en Vigo
Enderezo: C/ Filipinas, S/N
Espazo: 17.000 metros cadrados
Recuperación do pazo do século XVII situado na Finca de San Roque, no que tamén se rehabilitou a capela e os tres retablos. Os traballos foron dirixido polo arquitecto Jose Luís Pereiro Roman e Borja Ramilo (a restauración da capela foi de José Manuel Búa Gil). O edificio destínase principalmente a actividades institucionais da entidade, a encontros empresariais e a cursos de formación.

Coñece as sedes

Coñece as sedes

Caixanova. Centro Cultural Caixanova en Vigo
Enderezo: Policarpo Sanz, 13
Primeiro dos centros de Caixanova, posto que foi inaugurado o 22 de marzo de 1984. O edificio que deseñou o arquitecto porriñés Antonio Palacios a principios do século XX. Caixanova encargou a rehabilitación do edificio a Desiderio Pernas Martínez. Consta dun Teatro-Sala de Concertos, un auditorio, unha Sala de exposicións, unha Sala de Conferencias, varias Salas de Seminarios e unha Biblioteca. Está situado moi preto do Centro Social (Policarpo Sanz) inaugurado en abril de 2003. Esta sede social de 11.000 metros cadrados conta tamén con sala de exposicións e un sistmea de cine de gran formato (que permite proxectar películas en 70 mm).

Coñece as sedes

Coñece as sedes

Fundación Barrié. Vigo
Enderezo: Policarpo Sanz,31
Espazo: 2.750 metros cadrados
A rehabilitación levouna a cabo o equipo de arquitectos Tuñón e Mansilla. Segundo figura no web da Fundación Barrié a planta de acceso e unha especie de “escenario de actividades” que emulando a tecnoloxía escénica teatral, o chan modifícase converténdose en paneis ou nun escenario liso para poder usado tanto para presentacións, como para exposicións ou concertos.

Coñece as sedes

Coñece as sedes

Fundación Barrié. Vigo
Enderezo: Policarpo Sanz, 31
Outra vista do interior da sede en Vigo da Fundación Barrié.

Coñece as sedes

Coñece as sedes

Fundación Barrié. Vigo
Enderezo: Policarpo Sanz, 31
Espazo: 2.750 metros cadrados
Tal e como se modifica o chan da planta baixa da sede, na planta alta, en lugar de ser o chan o que muda de posición, un mecanismo escenográfico permite escamotear os asentos, deixando o espazo diáfano para ser empregado como sala de exposicións complementaria, ou taller polivalente.

Coñece as sedes

Coñece as sedes

Fundación Barrié. Vigo
Enderezo: Policarpo Sanz nº 31
A sede emprázase no edificio proxectado polo arquitecto vigués Manuel Gómez Roman en 1919. Malia que Tuñón e Mansilla recuperan o espazo interior, conserva a fachada orixinal que se sitúa nunha das céntricas rúas de Vigo (na que tamén se asentan os centros de Caixanova).

Coñece as sedes

Coñece as sedes

Fundación Caixa Galicia. Café Moderno. Pontevedra.
Enderezo: Praza de San Xosé, 3
O edificio foi promovido por un emigrante, Martínez Baptista, que pensou nel como edificio de vivendas. Terminouse en 1902 e case cen anos máis tarde, en 2000 inaugurouse ao público remodelado polo portugués Álvaro de Siza. Conserva o ambiente da época e acondicionouse para usos socioculturais, cun Café e Salón de Tertulia (que combina pezas orixinais restauradas con mobiliario do propio Siza), e con salas de exposicións, a Sala de Economía (dedicada a Valentín Paz Andrade) e as aulas socioculturais.

Coñece as sedes

Coñece as sedes

Fundación Caixa Galicia. Lugo
Enderezo: Praza de Santa María s/n
É a sede máis antiga das que ten a Fundación Caixa Galicia. Inaugurouse en 1993 e está situada no interior do perímetro da muralla. A rehabilitación foi feita por Antonio González Trigo que respectou a construción decimonónica existente e o urbanismo da zona na que se construíu. Conta con dúas zonas diferenciadas: unha para obra sociocultural e outra para as necesidades da entidade financeira. En canto a primeira conta con sala de exposición e auditorio.

Coñece as sedes

Coñece as sedes

Fundación Caixa Galicia. A Coruña
Enderezo: Cantón Grande, 21-22-23-24
Orzamento: 35-40 millóns
A convocatoria internacional para o proxecto da nova sede tivo lugar en xullo de 1996. Dez anos despois, a Fundación Caixa Galicia e o arquitecto británico Greenshaw (Hover, Reino Unido, 1939) asinaron un proxecto que pretende converterse no buque insignia da fundación cultural.

Coñece as sedes

Coñece as sedes

Fundación Caixa Galicia. A Coruña
Enderezo: Cantón Grande, 21-22-23-24
Orzamento: 35-40 millóns
O edificio recorda a unha grande onda conxelada que amalgama aceiro, cristal e mármore branco que actualiza as galerías coruñesas no contexto marítimo do Orzan. Outra das características é que conta cunha fachada que se inclina 11 grados cara adiante, seis pisos de altura, e un auditorio baixo o nivel do mar.

Coñece as sedes

Coñece as sedes

Fundación Caixa Galicia. Monforte Enderezo: Cardeal,16 - Travesía R/ Hortas Edificio de finais do século XIX que se rehabilitou no 2001 do que se conservou a súa fachada orixinal e se mantivo toda a súa filosofía. Conta con sala de exposición , cafetería, biblioteca e zona de oficinas.

Coñece as sedes

Coñece as sedes

Fundación Caixa Galicia. Vigo
Enderezo: Policarpo Sanz, 21
Edificio de corte modernista construído en 1891 por Francisco Solleiro Negrete sobre planos do arquitecto Manuel Felipe Quíntana. A rehabilitación que acometeu no 1990 o arquitecto José Mantiñán Soler, foi distinguida na convocatoria do Premio Irmáns Gómez Román seis anos despois, en 1996. Conta con auditorio e unha ampla sala de exposicións así como zona de oficinas.