A recreación histórica de batallas da Guerra da Independencia apúntase como unha tendencia en auxe no noso país

Húsares de fin de semana

Hai no noso país xente que, nalgunhas fins de semana e en datas sinaladas, tira do armario un uniforme coma os de hai douscentos anos, vísteo e vai participar en manobras e homenaxes. Son os afeccionados á recreación histórica, un xeito de representar eventos do pasado que conta con cada vez máis adeptos e está a se afianzar dentro da axenda cultural.

Aínda que é unha afección socialmente minoritaria, o vistoso das actividades de recreación histórica fai que estas iniciativas sexan bastante coñecidas. Ver un grupo de persoas vestidos cos rechamantes uniformes napoleónicos a disparar con armas reais, en formación e acompañados pola música da época é algo que comeza a resultar menos estraño do que hai uns anos. A presenza deste tipo de unidades, dun tempo a esta parte, en celebracións múltiples en Brión, A Coruña, Vigo, Pontevedra ou outras vilas comeza a facer coñecida esta iniciativa. A pesar de seren poucas as persoas que se dedican a isto, Galicia conta coa honra de ser pioneira nas actividades de recreación en todo o Estado. Os responsables son os membros da Asociación Histórico-Cultural The Royal Green Jackets da Coruña. "A asociación nace hai practicamente quince anos, a raíz da inquietude dun grupo de amigos e coñecidos pola Guerra da Independencia", explica Manuel Santiago Arenas, actual presidente do colectivo. Nun primeiro momento a actividade do colectivo abranguía conferencias e propostas arredor do coleccionismo de obxectos, armas, miniaturas e outro material sobre o período napoleónico ao que se dedicaba boa parte do seus membros. "Ao irse incrementando o número de socios pensamos na formación dun grupo de recreación", sinala Arenas.

A historia da recreación histórica
As recreacións históricas nacen no Reino Unido cara aos anos cincuenta, cinguidas en principio á época medieval. Foi cara aos setenta cando foron xurdindo grupos napoleónicos tanto neste país como en Francia. "A idea é representar coa máxima fidelidade unidades da época. Non se trata dunha representación teatral nin dun carnaval, tentamos facelo co maior rigor, representando a instrución, os movementos, as armas e todo o referente á vida cotiá de finais do século XVIII e comezos do XIX", sinala Arenas. As actividades deste tipo suman á súa espectacularidade a intención didáctica. É habitual a programación de conferencias, exposicións ou ciclos de cine en paralelo ás propias recreacións, e durante o propio acto, procúrase que un narrador lle vaia explicando ao público o que fan exactamente os participantes, como se desenvolve a batalla ou diferentes detalles históricos do evento que se conmemora. "Ademais das institucións, a propia xente da rúa apóianos moito e felicítannos polo xeito de ensinar en vivo. É unha actividade interactiva, podes ver, tocar e ouvir. Escoitas o son dun canón, dun mosquete, os tambores, sentes o olor da pólvora, e mesmo podes probar o pan da época", apunta Arenas. "O período napoleónico, ademais, é moi vistoso polos uniformes, que eran moi coloridos. Ademais o xeito de loitar era moi diferente, facíase cara a cara e cunha nobreza que chama a atención hoxe en día".

Pioneiros da Coruña
No caso coruñés, foi en 1997 cando entraron en contacto con este movemento durante unha visita a unha feira de tema napoleónico no Reino Unido, introducindo a recreación histórica no Estado. "Podemos dicir que fomos os pioneiros. Non había ninguén dedicado á recreación do período napoleónico, nin sequera medieval. Somos o primeiro grupo que se dedica a representar deste xeito unha época do pasado. Logo de nacer nós comezaron a xurdir, co noso apoio, outros colectivos e asociacións no resto do estado, dedicados xa a diferentes épocas", lembra o presidente dos Green Jackets.

Exércitos galegos
En total, no noso país, e segundo as contas deste colectivo coruñés, hai case cincocentas persoas que dedican parte do seu ocio a esta actividade. En Betanzos localízase a Asociación Alarmas Gallegas, nacida o pasado ano e que se dedica a recrear unidades de voluntarios galegos da Guerra da Independencia. Moi preto deles, en Abegondo, sitúase a base dos Húsares de Iberia, un colectivo que se especializa na recreación de unidades de cabalería e que, ademais dun grupo do exército español da época, está a organizar unha unidade de dragóns do exército napoleónico, amén de participar regularmente na feira medieval de Betanzos. En Ferrol teñen a súa sede desde 2004 os Voluntarios de la Victoria, arredor de vinte e cinco persoas que representan o rexemento que, con este nome, se creou na Cidade Departamental en 1808 para combater a invasión francesa. Este grupo ademais colabora estreitamente nas conmemoracións da Batalla de Brión que se librou en 1800, desta vez contra os ingleses. Finalmente, na Coruña mantéñense os pioneiros, The Royal Green Jackets. A unidade máis destacada que recrean é o Cuarto Rexemento do Real Corpo de Artillería, que conta con dúas pezas de artillería e vinte e catro persoas integradas no grupo. Ademais, representan tamén unha unidade de coiraceiros españois (a cabalo), o Rexemento de Navarra, uniformes de infantería francesa (o 3 e o 15 rexementos de Liña e mais granadeiros da Garda Imperial) e ata tres membros que optan polo uniforme británico (o 71 Lixeiro, unha unidade de Highlanders e os Gardas Reais).

Os detalles do uniforme
En total algo máis de trinta dos cen socios con que conta o colectivo apostan por se enfundar un destes vistosos traxes, que chegan a custar un 1.200 euros, aos que se deben engadir os arredor de oitocentos da arma. "Hai que pensar que a maior parte do material conséguese a través de artesáns. As camisas de liño, os correaxes de coiro, os bicornios de pel de coello e mesmo as armas, que en toda a península só as fai un artesán do País Vasco", sinala Arenas. "O máis recomendable é comezar aos poucos, mercar casaca e mais o pantalón e ir completando con correaxes, bolsas a mochila ou o mosquete", recomenda este veterano da recreación. A fidelidade á época leva a que se cheguen a incorporar ao equipo pratos, xerras, peites, barallas ou todo tipo de complementos. Ademais dos uniformes, as unidades incorporan mulleres vestidas de época, ao xeito das que acompañaban os exércitos, e desenvolvían funcións de cantineiras ou enfermeiras. Tampouco é estraño que algunhas delas representen papeis de soldados nas recreacións.

Elviña
O grande evento da recreación histórica en Galicia é, sen dúbida ningunha, a recreación da Batalla de Elviña (ou da Coruña) que organizan os Green Jackets. "Podemos presumir de facer a maior recreación histórica do Estado", recoñece Arenas, "ademais, está recoñecida entre as máis destacadas a nivel europeo". Polo momento celebráronse tres edicións, en 1999, 2002 e 2004, que contaron cunhas 1.200 persoas en cada ocasión, moitas delas chegadas de colectivos semellantes de toda Europa. Neste evento represéntase, sobre o propio terreo, o encontro entre as tropas francesas de Soult e as inglesas de Sir John Moore, que tentaban protexer a cidade para poder embarcar desde ela cara ao Reino Unido. A vindeira celebración deste evento será en 2007, e para 2009 agárdase facer a maior destas recreacións, coincidindo cos dous séculos do enfrontamento.

Outras citas
A axenda dos colectivos que se dedican á recreación histórica está chea de conmemoracións, homenaxes e presentacións de todo tipo. Por exemplo, os Green Jackets participan cada ano na homenaxe a Sir John Moore (durante o cal entregan as súas medallas de honra), na Batalla de Brión, na homenaxe aos heroes de Ponte Sampaio ademais de actos en lugares coma Ribadavia ou Corcubión. Ademais, é habitual para este colectivo participar en recreacións fóra de Galicia. "Ao sermos pioneiros temos bastante actividade ao longo do ano, sinala Arenas. O problema é que non nos dedicamos a isto profesionalmente e só podemos facelo as fins de semana", completa. Tamén é habitual encontrar os Green Jackets na Festa da Reconquista de Vigo, que se celebra cada mes de marzo, aínda que desde o colectivo queren aclarar que a representación de batalla que se fai nesta celebración non se pode considerar recreación. "Nós só facemos unhas salvas de honra, o groso da celebración lévao un grupo teatral, pero non reproducen os traxes nin os movementos das tropas que participaron na batalla".

Os novos
A amosar o auxe que está a ter este tipo de actividade no noso país, aínda a comezos deste ano nacía en Pontevedra un novo colectivo con este fin. A Asociación Provincial Heroes da Guerra da Independencia 1809 nace agrupando o traballo da asociación veciñal Heroes de Ponte Sampaio (Pontevedra) e mais a de Asociación de Heroes da Ponte do Río Barosa (Barro), aos que se sumaron outros interesados nestes eventos. A ambiciosa idea deste colectivo e conseguir a creación de grupos locais dedicados á época napoleónica e á recreación histórica nas distintas localidades que foron escenarios destacados dos combates contra os franceses en 1809. Vilagarcía, Vigo, Tui, Silleda ou A Estrada están a ser obxecto das xestións deste colectivo. De cara á recreación, o primeiro obxectivo é facerse cos uniformes e equipos das Alarmas Galegas, un dos principais corpos da época. "Logo tamén nos interesa o Batallón Literario e despois o corpo de granadeiros da provincia de Pontevedra", apunta Tino Vieitez, coordinador da asociación. "A idea é que a historia se faga visible e palpable, que estea diante de todos nós". Ademais destes eventos, o colectivo desenvolve un intenso labor de investigación sobre a época e prepara conferencias e outros eventos. Segundo Vieitez, "estamos a estudar os uniformes e os armamentos. Tamén localizamos a tumba do alférez Xoán O´Dogherty no cemiterio vello de Redondela e a de Xosé Pardiñas, que chegou a ser xeneral logo de loitar na zona de Arousa. Temos a pista dun canón da fragata "Liberty", que proveu de armas a Vilagarcía, varias balas de canóns e estamos a localizar diferentes documentos que están nas mans de particulares".

Un proceso en desenvolvemento
Está claro que nos vindeiros anos imos escoitar falar moito das recreacións históricas da Guerra de Independencia. A proximidade do bicentenario destes eventos está a favorecer, segundo destaca Arenas, a conciencia sobre este período. Tanto os Green Jackets coma a asociación pontevedresa están a traballar na posta en marcha dun centro de interpretación deste período. Ademais, os colectivos galegos traballan para a recrear dentro de tres anos a batalla de Ponte Sampaio, en Pontevedra, considerado por moitos "O Waterloo español", segundo lembra Vieitez. "Este acontecemento puxo de relevo que se podía vencer o exército francés". Ata aquela, está prevista a celebración dun número crecente de recreacións a menor escala, coas que agardan popularizar esta afección. Será cousa de afiar os sables e preparar os fusís para as batallas que se achegan.

Casacas e coirazas no século XXI

Casacas e coirazas no século XXI

Pezas de artilleria da época

FONTE: Asociación Histórico-Cultural The Royal Green Jackets.

Casacas e coirazas no século XXI

Casacas e coirazas no século XXI

Cabaleiria-Coiraceiros e Husares de Iberia

FONTE: Asociación Histórico-Cultural The Royal Green Jackets.

Casacas e coirazas no século XXI

Casacas e coirazas no século XXI

Mariscal e unidade francesa de 3º e 15 de liña

FONTE: Asociación Histórico-Cultural The Royal Green Jackets.

Casacas e coirazas no século XXI

Casacas e coirazas no século XXI

Conmemoración da Batalla de Elviña 2006

FONTE: Asociación Histórico-Cultural The Royal Green Jackets.

Casacas e coirazas no século XXI

Casacas e coirazas no século XXI

Sir John Moore - Marqués de la Romana - Oficial francés

FONTE: Asociación Histórico-Cultural The Royal Green Jackets.

Casacas e coirazas no século XXI

Casacas e coirazas no século XXI

Muller das Alarmas Galegas e Artilleiros

FONTE: Asociación Histórico-Cultural The Royal Green Jackets.