Os historiadores locais viven na actualidade un momento de auxe na difusión do seu traballo

A afección da historia

Para alén das universidades, das institucións públicas, dos fondos de investigación, un lote de persoas dedican abnegadamente o seu tempo libre a investigar a historia do seu lugar de residencia. Son os historiadores locais, un colectivo disperso que semella vivir bos tempos e cuxos membros tentan descubrir os fíos máis finos da Historia

Licenciados en Historia, mestres de escola, eruditos de todo tipo, autodidactas ou profesionais de diversas áreas. O interese pola historia do contorno máis inmediato chega a unha boa selección de capas sociais, e leva a que moitas persoas se dediquen a revisar arquivos, buscar castros e petroglifos, consultar correspondencia e fotografías e falar cos máis vellos do lugar para coñecer os fíos dese tecido fino que normalmente non aparece nos libros e que é a historia local. Un destes historiadores é Manuel Mariño, mestre de escola que leva para vinte anos a investigar a historia de Porto do Son. "Comecei por curiosidade, nacín aquí e interésame a historia e a etnografía. Pasa como con todo, comezas un día cun detalliño, vas tirando do fío e vaste enguedellando", recoñece. Un caso semellante ao seu é o de Carlos Nuevo, que tamén estudou maxisterio e que ocupa na actualidade o posto de Cronista Oficial de Viveiro logo de anos a dar a coñecer o devir desta vila.

Unha ollada desde fóra
Gustavo Hervella, colaborador habitual do noso portal, mantén na súa carreira de historiador un estreito contacto coa historiografía local galega. "O que encontras é que hai moita diferenza entre os diferentes estudos, sobre todo entre traballos feitos por historiadores e aqueles outros que desenvolven eruditos locais sen formación académica". Hervella recoñece a importancia que en moitos casos teñen os historiadores afeccionados ao acceder directamente a fontes orais ou documentais ás que virtualmente non pode chegar ningún outro investigador. "Por coñecer a xente da localidade fan entrevistas e teñen de primeira man datos que non se lles dan a outras persoas. Ademais, en moitas ocasións conseguen salvar arquivos persoais e desenvolven un labor importantísimo nos arquivos locais, que é algo que ten un grande mérito". Como crítica a algúns destes traballos, este historiador considera que "en parte destes estudos falta unha pincelada académica á hora de investigar unha fonte". Neste sentido apunta que en ocasións "hai un interese por incluír na obra a maior cantidade de xente coñecida na aldea ou faise fincapé en detalles que poden ter a súa importancia a nivel local pero que non engarzan co conxunto da obra ou óbvianse feitos que poden ser importantes". De calquera xeito Hervella recoñece que estes traballos a miúdo achegan datos interesantes xa que "en moitas ocasións non analizan as fontes senón que as transportan directamente ao libro, o que lle aforra moito traballos a investigadores posteriores".

O traballo desde o local
"Cando remato o meu traballo dedícome a isto. Agora mesmo estou a consultar documentación que conseguín no xulgado, ando a investigar sobre os naufraxios de barcos de Porto do Son, e é bastante difícil", explica Manuel Mariño. Ademais dos naufraxios, este autor ten tratado temas coma a carpintería de ribeira na zona, os petróglifos do concello, a industria da pesca e mesmo diferentes tradicións locais. Neste sentido, o autor recoñece que o feito de ser un veciño máis axuda para conseguir datos. "Hai receptividade. Unha vez que comezas xa saben de que vas e cando pides información ou foto non che poñen problema", apunta. En canto a falta de rigor, "haberá de todo, non ha faltar rigor só a nivel local. Se fas un traballo rigoroso falo cun tema pequeno o mesmo que cun tema grande. Eu cada vez esíxome máis, non te podes permitir poñer unha data errónea", unha tendencia cara a que tamén apunta Carlos Nuevo desde Viveiro. "Cando comezaba pensaba que estaba a facer traballiños sinxelos e de pouco interese, e logo encontrei catedráticos que me aclararon que este é un traballo de campo que ten a súa importancia, que queda feito e que logo, se está ben elaborado, halle servir aos que veñan investigar a continuación", explica Mariño. Neste sentido, Carlos Nuevo tamén apunta un auxe no interese académico de cara a este tipo de análises. "Está a mudar un pouco a correlación de forzas, xente que antes non tocaba a historiografía local comeza a facelo. Se na universidade ata hai uns anos parecía pensarse que este campo non tiña futuro de cara á busca de universais e que era unha perspectiva de miras estreitas, nos últimos tempos moita xente está voltando os ollos á historia local e mesmo historiadores xeralistas están a beber moito destas fontes".

Os investigadores e a difusión
Ademais dos investigadores que se especializan na análise dun lugar, é habitual que, dentro das propias universidades, moitos dos alumnos en proceso se licenciaren ou se doutoraren, opten por realizar unha investigación de tipo local como traballo para as aulas. "A Universidade é unha fonte de investigadores constante", afirma Alfredo Erias, director do Museo das Mariñas, arquiveiro de Betanzos e responsable do Anuario Brigantino, ademais de destacado investigador sobre a historia local. Ademais deles, os Cronistas Oficiais de diferentes vilas e cidades desenvolven un traballo de investigación análogo aos dos historiadores locais sen título oficial. Un dos problemas máis habituais destes estudosos é a dificultade para dar a coñecer o seu traballo. "Cando teño información abonda sobre un tema, busco como o publicar", explica este historiador. Os recursos máis habituais son a autoedición, o apoio dos concellos ou acudir a algunha pequena editorial que teña interese no ámbito ou que estea disposta a financiar cando menos parte da tiraxe.

Auxe local
"Agora estes traballos comezan a ter saída. Ademais de pequenas editoriais interesadas en temas locais, coma 3C3, Toxosoutos ou Embora, hai editoras a nivel galego que tamén apoian este tipo de traballos, como é o caso de Ediciós do Castro ou Baía", sinala Hervella. Canda a estes nomes, existen diferentes colectivos e institucións que se preocupan de difundir traballos deste tipo. O Instituto de Estudos Chairegos, a asociación Barbantia, o Instituto de Estudos Valdeorreses ou o Seminario de Estudos do Deza apoian publicacións e organizan eventos arredor deste campo. "Cunha experiencia coma Barbantia amosamos que podes traballar a partir da base e logo abranguer unha Bisbarra ou mesmo o conxunto de Galicia", explica Manuel Mariño. Desde o "Anuario brigantino", Alfredo Erias salienta as posibilidades que abre unha publicación deste tipo"A revista está a favorecer que moita xente faga investigación histórica sobre a zona das Mariñas, é un xeito de incentivar que tanto xente de aquí como de fóra se achegue ao arquivo e estude este campo". Ademais destas iniciativas existen varios concellos ou institucións que están a dar premios a traballos de historia local, o que tamén é un xeito de apoio. "Nos arquivos municipais hai unha cantidade inxente de información que ata hai vinte anos aínda non se empregara", sinala Erias. A crecente catalogación destes fondos e súa posta a disposición dos investigadores tamén son responsables, segundo el, do auxe destes estudos. "Aí é onde están as cousas máis detalladas da vida cotiá da xente. Multas, padróns de habitantes, profesións da xente, actas dos plenos... hai moitísimos datos que permiten trazar o devir da historia", completa.
O público da historia
Na actualidade, segundo apuntan diferentes analistas deste campo, as análises de historia local están a ter unha maior saída ao público. Mentres conferencias e exposicións sobre a historia dunha vila acadan unhas cifras de asistencia inéditas, non é estraño que as tiraxes de libros sobre pequenas poboacións queden esgotadas. "É nestes tempos de globalización cando a historia local semella pórse máis de moda, agora está no seu punto máis álxido" asegura o Cronista Oficial de Viveiro, "está moi de moda a nivel da xente da rúa". Desde Porto do Son, Manuel Mariño pensa que este tema "ten aceptación porque se mantén o contacto directo coa xente e fálaselle de algo que lles cae moi próximo. Por exemplo o libro dos naufraxios no que estou a traballar vaille gustar a moita xente, porque van ver nel escritas historias que xa lles contaran os vellos", apunta Mariño.

Memoria histórica e outros temas
Aínda que os temas sobre os que se fan as investigacións locais son do máis variado, Hervella apunta que o máis habitual ata hai ben pouco foron "títulos transversais sobre o movemento obreiro, o feminismo ou a emigración nun lugar concreto", lembra. Mentres algúns historiadores se centran en épocas moi concretas, outros, coma Alfredo Erias, tratan desde a prehistoria ata eventos contemporáneos do seu concello, con monografías sobre aspectos sobre o comercio medieval, a constitución da cidade ou a industrialización de Betanzos. Pola súa banda, Carlos Nuevo ten tocado tamén o proceso de industrialización e a emigración na zona e centra os seus estudos no período comprendido entre o século XVIII e a actualidade. "Nos últimos anos deu moitos traballos a época da II República, a Guerra Civil e mais a Posguerra", asegura Alfredo Erias, coincidindo coa opinión da maior parte dos autores consultados. "Particularmente trátase o silenciamento, penso que responde a unha necesidade social de saber a verdade non para a vinganza senón para seguir adiante". Eventos coma os Congresos da Memoria están a pór de relevo a importancia que poden acadar as investigacións locais sobre casos e bisbarras concretos de cara a conseguir unha visión conxunta do período. Poida que aos poucos, recuperar estes fíos de historia nos permita tecer un complexo tapiz.