Once novos membros da "Econmenda" promocionarán o cocido de Lalín

Voar da veiga ó pucheiro

Son xornalistas, alpinistas, humoristas, futbolistas, deseñadores e políticos que desde onte teñen unha obriga: comer o cocido en Lalín unha vez ó ano e promocionalo por onde vaian. Son os novos membros da Enmenda do Cocido que onte xuraron en latín (e en Lalín) os seus cargos honoríficos. Unha gala que é antesala de todos os actos que organiza o Concello lalinense no chamado "Mes do Cocido". E, ademais, unha evento que terá o seu día grande o vindeiro domingo 3 de febreiro cando se celebrará a XXXIV Festa do Cocido.

Encomenda


Hai dous anos o actual alcalde de Lalín, Xosé Crespo Iglesias, decidiu engadir un acto máis ós xa existentes para promocionar o Cocido de Lalín. E considerou que o mellor modo de facelo era conseguir implicar nesta festa gastronómica a personalidades de todos os ámbitos socioculturais. E o resultado deste fenómeno foi a creación dunha nova orde, a da "Econmenda do Cocido" que se lle outorga coa misión de velar pola promoción do prato gastronómico máis coñecido da capital do Deza. E o acto vén cargado de bastante parafernalia: unha capa de terciopelo (creada especialmente para a ocasión polo coñecido deseñador lalinense, tamén membro desta orde, Florentino), un "testiño" (logotipo do Cocido) e un rito de iniciación a cargo do alcalde para o que emprega un cullerón de prata. Logo, cumprido este cerimonial, o acto culmina coa entrega dun pergamiño en forma de chourizo. Este ano o pintor Paco Lareo foi encargado de levantar acta dos nombramentos dos novos comendadores que son: Sebastián Álvaro (membro do equipo "Al filo de lo imposible"), José Luís Baltar (presidente da Deputación de Ourense), Moncho Borrajo (humorista e pregoeiro este ano do Cocido), César Gallego, Argentino Guiar e José C. Lemos (restauradores), Chus Lago (Alpinista), Alexander Mostovoi (futbolista), Xosé Manuel Orriols (xornalista), Antonio Pernas (deseñador), Corina Porro (Conselleira de Servicios Sociais) e Santiago Rey Fernández-Latorre (presidente de La Voz de Galicia) que foi o encargado de ler o pregón en nome dos novos membros.












O mes do cocido


Coa deste ano xa van 34 edicións desde que se decidise crear unha festa que honrase non só a unha comida, senón tamén a un animal e a todo o que se representa. Co decorrer do tempo a festa foi adquirindo protagonismo (os case 60.000 visitantes que enchen, de media, Lalín cada domingo anterior ó antroido anualmente, seguen a ser todo un aval) ó mesmo tempo que foi diversificando a súa oferta. Actualmente, o Concello de Lalín que coñece que este é o principal reclamo turístico do inverno, pretendeu extender esta festividade o máis posible. Por iso creou no seu refrán "de San Amaro a San Valentín: o cocido en Lalín", un pareado que recrea unha serie de iniciativas arredor do cocido e que xa comezaron. A matanza do porco (obvia en todo proceso de preparación do cocido); a encomenda do cocido (que tivo lugar onte no Auditorio municipal); a Gala da Gastronomía (que emitirá este venres en directo a Televisión de Galicia e que está a suscitar bastante expectación polos artistas que se desplazarán ata a zona). Xunto a estes eventos o pasado venres tamén comezou os "Venres folc" de Lalín que ata o mes de maio se celebrarán no Auditorio.




O día C

Pero todos estes eventos teñen un día importante. E ese é o vindeiro domingo día 3 de febreiro, no que se desenvolverán os actos principais (e que está considerado como antesala do Entroido) desta festividade. Está previso que o número de comparsas e charangas que participen no desfile supere en participación ó de anos anteriores. Un desfile no que resultarán premiadas, en cada categoría, as carrozas máis orixinais. Á 12:00 horas lerase o pregón que este ano pronunciará o humorista Moncho Borrajo.
Unha hora antes, ás 11:00 horas o pregoeiro, acompañado de personalidades do ámbito cultural e político será o encargado de inaugurar a exposición Arte-Deza.