O audiovisual galego non acaba de atopar unha vía de colaboración estable coa lusofonía

Tan preto e tan lonxe

Dicía Carlos Velo en 1976 que a viabilidade do cine galego era extraordinaria, que ademais de Galicia estaba Portugal e Brasil onde calquera cousa que chegara do noso país tería cabida. Vinte anos despois, o audiovisual non acaba de atopar un camiño sólido na lusofonía malia que existen pequenos intentos.

“Inés de Portugal”(1996) foi a primeira coprodución entre o audiovisual galego e o portugués; pero non só iso, o primeiro filme que abordaba feitos históricos que atendían ao noso pasado común. Continental pola parte galega e Imagemreal, o Instituto Português da Arte Cinematográfica e Audiovisual (IPACA) e a Radiotelevisión portuguesa pola outra, foron as encargadas de sentar a primeira pedra dun edificio que aínda está nos cimentos cunha historia que narraba o romance truncado entre un príncipe portugués e a galega Inés de Castro.

O resto das coproducións
Detrás desta produción chegaron “Blanca Madison” (2000) de Carlos Amil e que é a produción que mais cartos portugueses conseguiu para a coprodución; “Lena” (2000), a película de Gonzalo Tapia; “Trece badaladas” (2002) dirixida por Xavier Villaverde e “O lapis do carpinteiro”, a primeira longametraxe do polifacético Antón Reixa. Así, ata o ano 2005, no que Margarita Ledo conseguiría cartos de produtoras de Brasil, Venezuela e Portugal para facer “Santa Liberdade”, a película que conta como un grupo de antifascistas asaltan un barco nun curioso capítulo de protesta contra as dictaduras de Franco e de Salazar.

A día de hoxe, Filmanova mantén unha liña aberta con Portugal a través de “Hotel Tívoli” a segunda película de Antón Reixa que ten previsto concluírse ao longo deste 2006.

O caso da animación
Se existe un xénero no que a relación resulta un pouco máis destacada é no caso da animación. A relación comezou con “O bosque animado” produción propia feita con Dygra que se distribuíu dobrada ao portugués (“A foresta máxica”) por Appia Films, coa que se asociou para facer “O soño dunha noite de San Xoán”/ “O sonho duma noite de Sao Joao”. Neste acordo, tal e como lembra Juan Mouche de Dygra “Appia desenvolveu un trinta por cento da produción, que se concretou en parte da animación, case toda a composición musical e a interpretación”.

Pero non é unha relación estable, de feito, o propio Juan explica que é cada proxecto o que define a colaboración doutras entidades. Dos proxectos que manexa agora mesmo Dygra (o seu primeiro de ficción, “Os mortos van ás présas” e dous de animación) só colaborará nun “Noite de paz” (título aínda provisorio) que haberá que agardar para ver como se concreta. Ao igual que acontece con Dygra dáse tamén no resto de produtoras do país, que non acaban de conseguir unha vía de colaboración e de traballo conxunto co país veciño.

A exhibición
Ao longo da historia do audiovisual galego hai referencias palpables que evidencian que houbo unha liña que pretendeu relacionar a definición do audiovisual propio, xa non só co portugués, senón co de toda a lusofonía. Foi sobre todo nas xornadas de cine que se desenvolveron a principios dos setenta na cidade de Ourense e nas Xociviga (Xornadas de Cine de Vídeo de Galicia) de Carballiño. Pero todo ese pulo esmoreceu nos oitenta coa desaparición e coa perda de forza destes eventos. Xa nos noventa, coa declaración do audiovisual como sector estratéxico por lei, comezaron a agromar festivais e mostras que, con mero afán de escaparate, serviron para dar a coñecer pequenas mostras do traballo que se estaba a facer da outra banda do Miño.

A relación máis evidente desta relación tivo lugar no 2003, cando se celebraba o aniversario da revolución dos cravos, co que as Xociviga, Cineuropa e o CGAI programaron unha revisión da filmografía do cineasta luso máis coñecido, Manoel de Oliveira.

Os incentivos
Moito máis numerosas que coa lusofonía son as coproducións con factorías estatais, e europeas. Con Valencia (na presenza en festivais), con Cataluña (o máis recente o caso de Continental que, ademais de levar tempo traballando en temas de publicidade e de televisión participa da acabada de crear produtora “Dream Team Concept”) ou, no caso de latinoamérica a relación foméntase sobre todo con Arxentina. Boa parte das relacións chegaron a través do Plan de Internacionalización do Consorcio Audiovisual de Galicia, que puxo en marcha iniciativas que van desde o fomento da estrea de longametraxes noutros lugares ou misións comerciais (envío de produtores para pechar acordos). As súas iniciativas ollan sempre cara Europa e o resto do Estado. No mercado americano a única iniciativa desenvolvida ten Arxentina no punto de mira (programa Raíces, para a coprodución Cataluña-Galicia- Arxentina).

Pero existen dous proxectos para abrir en breve as relacións coa lusofonía. O primeiro chámase “Anima transfront” e chega con fondos do programa Interreg III. Está dedicado a fomentar a animación entre Galicia (a través do Consorcio) e Portugal (a través da Casa da Animación Portuguesa) a través do que se organizaron no 2004 os “I Encontos luso-galaicos da animación”. O proxecto era moito máis ambicioso, segundo comentan fontes do Consorcio Galego do Audiovisual, xa que incluía a elaboración dun “estudo estratéxico para a intervención na rede para a dinamización transfronteriza da animación”, así como a organización de xornadas de exhibición e obradoiros de produción. Como a parte portuguesa non conseguiu cumprir coa súa parte de financiamento (o 25%, porcentaxe semellante a que achegaba o Consorcio, mentres que o 50% restante proviñan dos fondos Interreg III), o proxecto levarase a cabo eliminando o informe. O outro proxecto, que está no aire, é no establecemento de relacións con Brasil. Fontes do consorcio explican que de momento está por concretar se se tratará dunha misión comercial ou será un ciclo de exhibicións. De momento o único achegamento cara este país tivo lugar no 2003 a través do Colectivo Brasileiro de Compostela que organizou un ciclo de cine para dar a coñecer o movemento do “Cinema novo”.