Unha experiencia da Fundación Seoane reúne pintura, música, vídeo e danza arredor da iconografía do polbo e dos anxos na obra deste artista

A arte tentacular

Dúas das iconas máis representativas da obra de Seoane, os anxos e os polbos constitúen os estremos do eixe que vertebra "Nas Profundidades: os tentáculos dos anxos". É esta unha proposta multidisciplinar que acolle desde o vinte de xaneiro a Fundación Seoane, na Coruña, e que integra pintura, videocreación, danza, escenografía, música e mesmo arquitectura nunha experiencia única.

"Nas profundidades: os tentáculos dos anxos" é o produto dun intenso traballo en equipo que partiu do artista plástico Xurxo Gómez e mais da coreógrafa Bárbara Monteagudo. "A idea foi de Xurxo e de Bárbara. a partir de aí comezamos a ver como queríamos enfocar o proxecto", apunta Silvia Longueira, directora da Fundación Seoane. "En principio démoslle voltas á obra de Seoane arredor dos anxos e dos polbos", descúbrenos Gómez. "Logo vimos como podiamos achegar un pouco a obra de
Seoane ao público e dialogar co propio edificio da fundación".

O polbo e os anxos
O polbo é un símbolo habitual na pintura de Luís Seoane. Desde a súa primeira aparición na cartel que este artista realizou en 1936 para a campaña a prol do estatuto de Autonomía ata obras abordadas en 1979. "Para Seoane o polbo é unha figura recorrente e está bastante presente en toda a súa obra", explica Longueira. "Aínda que para moitos este animal representa o kraken, o monstro xigante que está nas profundidades, Seoane incorpórao como un elemento tamén cotián, que está incorporado á dieta habitual en Galicia. Esta dualidade entre ese ser que aprisiona e atrapa, con sentido totémico, e mais o elemento doméstico e cotián do ser foi algo que semella que lle provocaba unha certa intriga", completa. Ao longo do tempo, a figura do polbo na obra de Seoane pasou do sentido militante e máis simbólico a unha interpretación máis estética, e Longueira lémbranos neste sentido que "ata nas piscinas de Cerámicas do Castro e mais de Sargadelos hai un polbo no fondo". Aínda que non tan habitual, a figura dos anxos aparece como unha presenza que tamén percorre transversalmente a obra de Seoane e cobra especial importancia nos gravados que o pintor realizou para o libro de Rafael Alberti "Sobre los ángeles". "Cando falamos deste tema pensamos na oposición da profundidade co ceo, e apareceu a iconografía dos anxos deste autor", recoñece a directora do centro.

O que se verá
O resultado desta proposta é un proxecto multidisciplinar vertebrado en tres eixes. "Por unha banda hai unha mostra que recolle os polbos e os anxos que Seoane fixo ao longo da súa carreira e que se pode ver no centro ata o 28 de abril", explica a directora da fundación. "Logo, todos os venres ás dez da mañá e ás nove da noite desenvólvese a actividade". Este evento consiste nunha peza coreográfica que se representa en directo, elaborada por Bárbara Monteagudo, e na que os bailaríns amosan os traxes que deseñou Xurxo gómez a partir das pinturas e xogan cos seus movementos sobre o duplo tema da mostra. Ao tempo, o violinista Ricardo Rodríguez interpreta a música composta ex profeso para esta peza. Logo duns vinte minutos de danza, "a música leva a visitar a exposición, e aínda despois guía o público á proxección da peza audiovisual", que constitúe o terceiro elemento da actividade e que se complementa cunha nova actuación en directo dos bailaríns.

Audiovisual
O compoñente audiovisual da mostra é en si mesmo un exemplo de integración artística. Son dúas as proxeccións que se presentan. Por unha banda exhíbese de xeito permanente unha peza de animación de tres minutos. É este un filme que Gómez realizou a partir das obras de Seoane e que recolle, en movemento, os anxos que o pintor fixo para o libro "Sobre los ángeles", que mestura con outros dos que creou o pintor. "O outro é un vídeo sobre o traballo dos bailaríns, xogando tamén coa fundación, co espazo arquitectónico e incorporando fotografías", explica Gómez. Este último proxecto é, segundo autor o que representa a parte dos anxos na actividade, mentres a coreografía se centra no tema dos polbos.

Música e equipo
"O reto do proxecto é traballar con tanta xente, polo menos para min que son artista plástico e estou afeito a traballar tranquilo no meu estudio", explica este creador. O proxecto deseñouse nun primeiro momento entre el mesmo e mais Bárbara Monteagudo. "A música é unha cousa un pouco estraña porque se nos ocorreu contar por unha banda con dous produtores musicais, Rohe e Low, que traballan con computadores e pola outra cun violinista clásico, Ricardo Rodríguez", apunta Gómez. No espectáculo, as pezas gravadas dos dous produtores mestúranse coa interpretación ao vivo do instrumentista. Todo un recital de artes en diálogo que os interesados poderán ver ata o vindeiro vinte e oito de abril na sede da Fundación Seoane, na Coruña.

Os tentáculos dos anxos

Os tentáculos dos anxos

Angel campesino. 1978
LUIS SEOANE
100x81 cm. 1978

Os tentáculos dos anxos

Os tentáculos dos anxos

Le nacieron alas. 1975
LUIS SEOANE
92x73 cm

Os tentáculos dos anxos

Os tentáculos dos anxos

Un ángel. 1978
LUIS SEOANE
100x81 cm

Os tentáculos dos anxos

Os tentáculos dos anxos

Tentáculos

Os tentáculos dos anxos

Os tentáculos dos anxos

Tentáculos

Os tentáculos dos anxos

Os tentáculos dos anxos

Tentáculos

Os tentáculos dos anxos

Os tentáculos dos anxos

Tentáculos