Carballo abre un novo museo mentres chegan noticias doutros centros do país

Novas de museo

A vila de Carballo abrirá o vindeiro mércores o Museo de Bergantiños, un local centrado na relación entre o home e o seu medio que, cunha finalidade eminentemente didáctica pretende amosar os máis variados aspectos da comarca. Outro museo que tardará un pouco máis en abrirse será o que Xinzo lle quere dedicar ó entroido. Retrasos nas obras provocaron que a inauguración no poida ser nestas festas como estaba previsto. Por outra banda, vimos de coñecer os datos do Museo de Pontevedra no ano 2001. As 121.000 visitas obtidas por este centro consolídano coma un dos museos provinciais máis importantes do Estado.

Bergantiños nun museo



Representar os diferentes aspectos da comarca de Bergantiños partindo da relación entre o home e o medio como fío conductor é a finalidade do Museo de Bergantiños que se abrirá o vindeiro mércores en Carballo.
O museo está ubicado no edificio que ía ocupar a antiga cadea e que foi reabilitado polo arquitecto Gallego Jorreto. O local distribuiuse en salas que estarán dedicadas ó espacio xeográfico da comarca, á importancia da auga na zona -prestando especial atención á lagoa de Baldaio-, ós montes, a relixiosidade, ós productos da zona, á fabricación do pan e a Alfredo Brañas, ilustre persoeiro da zona.
Ademais, o centro contará cunha oficina de información e turismo, e onda el situarase a a biblioteca municipal.
O centro amosará paneis explicativos dos diferentes temas tratados e exporá ferramentas de traballo e outros obxectos relacionados con eles.











O entroido veu moi cedo


Un retraso nas obras da primeira fase do Museo Galego do Entroido impedirá que Xinzo abra este centro durante as festas como estaba previsto.
Segundo o concelleiro de cultura da vila, Amador Díaz, faltan aínda "uns pequenos retoques" para rematar o acondicionamento da antiga praza de abastos como museo. De calquera xeito, desde o Concello preténdese realizar, pouco despois do entroido, unha mostra temporal com fotografías, traxes e elementos típicos destas festas na comarca.




A importancia dun museo provincial

Máis de 121.000 persoas visitaron o pasado ano o Museo de Pontevedra, o que sitúa este centro coma o museo provincial máis importante do Estado. No mesmo período 26.000 persoas foron atendidas polo Gabinete Didáctico da institución, na súa maior parte escolares e grupos de visitantes. Por outra banda, os fondos bibliográficos da institución incrementáronse en 101.000 volumes. En canto a fotografías, engadíronse 8.000 máis ós fondos, o que fai un total de 178.000.