Un estudio de "La Caixa" sitúa a Galicia á cola en benestar e nivel de vivenda

...e dicimos que chove

Galicia sitúase á cola en benestar segundo revela o Anuario Social de España 2001 que realiza a Fundación La Caixa. Temos suspenso no nivel de vivenda, na súa dotación e na renda por habitante. Un aprobado raso en instrucción (estudios), emprego e en benestar. Sen embargo, se xuntamos as doce categorías que forman este estudio, Galicia sitúase en quinta comunidade, pola cola, no ránking de calidade de vida. Están aínda peor ca nós Murcia, Andalucía, Castela A Mancha e Estremadura.

Quinta pola cola e con diferencias por provincias



Se xuntamos todos os parámetros que miden, para a Fundación La Caixa, a calidade de vida, entre os aprobados e os suspensos, temos un 5. Un cinco que nos sitúa quintos pola cola, superando unicamente a Murcia, Andalucía, Castela A Mancha e Estremadura.
E para medir o benestar social, o Instituto Lawrence R. Klein da Universidade Autónoma de Madrid, encargado de elaborar o informe, recolleron datos de 79 variables agrupados en doce categorías que equivalen á renda, vivenda e equipamento do fogar (as dúas xuntas), instrucción, emprego, cultura e lecer, servicios sanitarios, accesibilidade económica e comercial, seguridade cidadá, convivencia e participación social, entorno natural e clima, saúde e condicións de traballo.
Uns indicadores que pretender da conta da realidade social na que se vive actualmente. Sen embargo, como o informe está elaborado por provincias, aprécianse diferencias evidentes entre as catro galegas.
Empezamos pola Coruña, que ocupa o posto 18 do total das 50 de todo o Estado Español. Está por debaixo da media en saúde, índice de emprego e vivenda, aínda que os seus habitantes teñen un alto nivel de estudios.
Por debaixo está Pontevedra, que ocupa o posto 31. E temos que baixar ata o 47 para atopar a Ourense, que non sae moi ben parada e ocupa a última en canto ó acceso dos fogares a Internet. Un indicador baixísimo que comparte con Lugo, que é a provincia que pecha o ránking de calidade de vida, aprobando únicamente dúas variables (seguridade, cun 9, e e índice de emprego, cun 6).











Reconto de suspensos e de aprobados




Xuntando todos os balances que sitúan á cola do Estado Español, podemos facer un listado de suspensos e aprobados que dan conta da nosa situación social.
Por unha banda suspendemos en saúde, educación, cultura e lecer, en vivenda e equipamento do fogar, en convivencia e en participación social e no nivel de renda.
E aprobamos en servicios sanitarios, calidade de emprego, a seguridade cidadana e medioambiental.













Niveles significativos



A diferencia, en termos absolutos, entre o número de nacementos e de defuncións no 98, segundo este estudio, revela o crecemento vexetativo das poboacións estudiadas. Sendo un dos parámetros de análise destaca que Galicia ten un crecemento negativo (de -9.565 persoas). A isto se lle engade o feito de que Galicia é unha comunidade cun índice de dependencia (que é o que marca a relación entre o número de nenos e de maiores que dependen de cada cen adultos en idade de traballar) elevadísimo e que contrasta significativamente co nivel de prazas de residencias (públicas e privadas) para persoas maiores. Galicia ten unha porcentaxe de 14.5 prazas por cada mil habitantes maiores de 65 anos, fronte ás 31,2 prazas de media do Estado Español.