Os servizos de normalización dos concellos cumpren un calado e continuo labor a pé de rúa a prol do noso idioma

Eses veciños que normalizan

Son unha ou dúas persoas en cada concello. Ás veces funcionarios, ás veces traballadores temporais, teñen a responsabilidade de conseguir a normalización da administración local. Ademais o seu labor implica desenvolver accións no nivel máis achegado para mellorar a situación da nosa lingua. Son os técnicos municipais de normalización.

Desde os que só traballan un mes ao ano, en concellos que manteñen o posto o tempo en que o subsidio da Xunta o cubre, ata quen ten xa o estatus de funcionario e leva anos a desempeñar este labor. Polo medio, toda unha variedade de bolsas, contratos a tempo completo e a media xornada, ou interinidades de diferentes duracións cobren o posto laboral dos técnicos en normalización nos diferentes concellos. Isto provoca que o seu traballo dea tamén nunha ampla gama de actuacións. "Hai concellos que empregan este departamento só para realizar recollida de toponimia, e outros nos que o encargado desenvolve tarefas de auxiliar administrativo mentres lle dura o contrato", apunta Mónica Baleirón, que se encarga do Servizo de Normalización de Betanzos desde o pasado mes de agosto.

Dentro do concello
"Cando un traballador de normalización chega a un concello, o primeiro que ten que facer é tentar que as cousas do propio concello saian en galego", explica Mónica. Coa lei na man isto debía ser sinxelo, xa que é obrigatorio que os actos xurídicos internos das administracións locais se desenvolvan cando menos no noso idioma. A realidade, no entanto, é que estes documentos oficiais, ao igual que comunicacións públicas de todo tipo, aparecen a miúdo en castelán. "Encontras moitas dificultades", explica Mónica a raíz da súa experiencia e mais da de outros compañeiros. "O que che di a xente é que ao comezar, o persoal do concello non envía ao servizo os documentos que hai que corrixir, ou non o fan de xeito sistemático. Hai que organizar iso mediante circulares internas para que funcione ben". E aínda así, poden darse problemas con contidos específicos. "Hai lugares onde non queren que se corrixan lingüisticamente as actas dos plenos porque consideran que se pode deturpar a información, e o mesmo acontece con publicacións que van para o Diario Oficial", completa esta filóloga.

Os dous primeiros meses
"Eu polo momento tentei establecer relacións con distintos sectores sociais para facer colaboracións", explica Mónica a súa experiencia. "Hai asociacións, entidades ou mesmo locais de hostalaría que queren que traballes con eles e que lles revises as cousas", relata. Deste xeito, esta normalizadora organizou unha presentación pública do seu departamento, coa intención de animar á sociedade local a empregar este servizo lingüístico. "Tiven reunións cos equipos de normalización de centros de ensino e de institutos e estiven a elaborar propostas para distintos departamentos e entidades, animándoos a que desenvolvan algunha actividade que teña que ver coa normalización. Por exemplo, con Desenvolvemento Local estou a traballar nunha campaña para a hostalaría. Agora teño que elaborar para este ano a ordenanza de normalización, e estou a organizar unha campaña para que as asociacións sen ánimo de lucro soliciten as axudas que convoca política lingüística".
Desde a experiencia
En Pontevedra xa aprobaron a ordenanza municipal sobre o emprego do galego. Conchi Cochón, presidenta da Coordinadora de Técnicos de Normalización Lingüística, leva xa
desde 1999 facéndose cargo Departamento de Lingua deste concello. Neste tempo detectou que si se conseguiu "maior consciencia e mais coidado no emprego da lingua" na administración. "Dentro do Concello a xente tómao como parte do seu traballo, aínda que hai actitudes máis reticentes e mudar a lingua non é tan fácil como mudar de camisa. Queda camiño por andar, pero a maior parte dos traballadores tómano como algo que debe ser así". En canto a cidade, Cochón recoñece que é un ámbito "máis difícil de normalizar, porque son moitos sectores e ámbitos diferentes os que hai que traballar". Aínda así, "vense avances lentos, hai unha maior presenza social da lingua e vaise facendo visible en sectores nos que antes non estaba presente", asegura.

O traballo dos anos
A mocidade e o comercio foron dous dos sectores polos que máis apostou esta técnica. "Estivemos a traballar fundamentalmente co sector da mocidade e da xente nova en colaboración co ensino. Este ámbito ten a vantaxe de que ten estruturas desenvolvidas e podes contar cos equipos de normalización dos centros", explica. "Estamos a desenvolver unha campaña moi importante no sector do comercio. Agora andamos coa parte informativa, con reparto de material como carteis ou folletos explicándoa". Os xa coñecidos rótulos anunciando as rebaixas na nosa lingua conseguen unha especial aceptación. "Hai de todo, pero en xeral os propios comerciantes quedan sorprendidos coa boa recepción que teñen entre os clientes", asegura. A esta medidas seguirán no futuro cursos de formación en temas coma vocabulario específico, charlas ou accións sobre sectores concretos coma os calzados ou alimentación. Unha iniciativa curiosa que desenvolve o Concello é a posta en marcha da Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL). "Naceu ano e medio coa intención de implicar o conxunto da sociedade na normalización", explica Cochón. "Está composta por persoas, asociacións, institucións e empresas e ten varias liñas de traballo". Difusión e recollida de toponimia, cursos de formación, a organización de actividades con ocasión do Mes da Lingua ou a creación do premio Xoán Manuel Pintos son algunhas das actividades deste colectivo. "Agora vanse organizar charlas e actividades que presenten publicamente iniciativas de diversos sectores a prol do galego que non se coñecen ou que pasan desapercibidas no medios", completa Cochón.

Algunhas medidas
Unha medida habitual que se aplica desde estes departamentos é facer que o concello esixa ás entidades coas que colabora economicamente, ben mediante subsidios, ben con outro tipo de transaccións, o emprego da nosa lingua, sexa nos actos que se apoian, sexa cando menos nas facturas que a administración debe pagar. A partir de aí, as propostas de traballo son do máis variadas. A galeguización e corrección do rueiro oficial, os estudos sobre toponimia ou antroponimia ou as actividades de formación para o persoal do concello son algunhas das máis habituais. Logo as campañas poden ir desde a publicación de carteis, dípticos e outro material ata o asesoramento para medios coma radios ou televisións municipais.

Documentación
As ideas e a formación para desenvolver este tipo de programas adquírenas os filólogos ben a través dos cursos que organiza a CTNL ou ben pola documentación e o asesoramento que lles fornece o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) desde o Consello da Cultura. Un grupo básico destes documentos, coñecidos coma "o kit do normalizador" entre os profesionais da área, son un paquete que inclúe regulamentos sobre o emprego do galego en diferentes concellos, convocatorias de subvención neste ámbito, artigos que analizan a xestión de normalización ou o Plan Xeral de Normalización e mesmo memorias do traballo que desenvolven algúns dos concellos con máis experiencia neste campo. "Normalmente a afluencia de solicitudes deste kit cadra coa publicación no DOG da convocatoria dalgún destes postos", sinalan no CDSG. Desde a CTNL, Conchi Cochón destaca que "para este traballo cómpre unha formación máis ampla do que é a Filoloxía en si". Os cursos deste colectivo organízanse atendendo ás demandas dos socios, e van desde o emprego das novas tecnoloxía para o traballo terminolóxico ata cursos sobre como se planifica ou se avalía unha campaña.

Colaboracións
Aínda que a acción se concentra sobre todo no ámbito local, existen diferentes iniciativas de colaboración entre servizos deste tipo que permiten a posta en marcha de programas de ámbito supramunicipal. O Correlingua, Ciberlingua ou a campaña "O galego, o mellor dos ingredientes" que compartiron Ames, Brión ou Rois son algúns exemplos de iniciativas de normalización que, coordinadas desde concellos, se celebraron no noso país. Tamén desde a CTNL se teñen realizado propostas de comarcalización destes servizos, de xeito que se poidan agrupar para os casos de concellos pequenos. Mentres, aos poucos, eses veciños seguen a normalizar o seu contorno.