A Fundación Granell presenta a súa programación para o ano 2001

Surrealismo programado

A fundación Euxenio Granell ven de presentar esta mañá a súa programación para o ano que vén, onda a exposición "Fondos da Fundación" que comeza mañá. Entre os actos previstos destacan varias exposicións surrealistas, performances e actividades de carácter pedagóxico.

Para comezar





A primeira exposición que se porá en marcha este xoves e se manterá ata mediados de xaneiro será unha mostra de fondos propios da fundación. Os fondos que se exporán serán algúns daqueles que nunca se amosaron ó público antes onda outros que tiveron unha grande aceptación do público. A maior parte das pezas forman parte de Colección de Arte Étnico e a de Surrealismo, onda as que se exporán algunhas pezas de Euxenio Granell. Tamén se incluirá na mostra unha montaxe de video na que se poderán ver algunhas das gravacións que se teñen realizado de Granell para a Televisión.












Para seguir



En xaneiro comezará unha mostra do surrealista cubano Wilfredo Lam, que durará ata marzo, á que seguirá unha exposición de Antonio Saura que durará ata xullo. O verán continuará cunha antolóxica de Euxenio Granell na que estarán fondos de institucións e coleccións privadas de toda Galicia. O portugués Cruzeiro Seixas tomará o relevo, e co gallo da exposición prevese a realización dun Congreso Internacional sobre o Surrealismo en Portugal. O ano 2001 rematará cunha antoloxía de artistas novos.





Todo o ano


Ademais das exposicións, o Pazo de Bendaña dará cabida durante todo o ano a actos coma conferencias, representacións teatrais, performances ou poesía. en marzo está previsto que editorial Kalandraka realice unha exposición de literatura para nenos. Tamén para o ano que vén prevese a inauguración da Biblioteca da Fundación. Asimesmo organizaranse visitas guiadas para colexios e institutos e promoverase a itinerancia das exposicións.