A pesar da idoneidade das nosas uvas para a produción de viño escumoso, non existe polo momento unha marca consolidada de cava galego

Brindar con champaña galego

Nun Nadal no que se está a falar da produción de viños escumosos en zonas ben afastadas das tradicionais de Cataluña e de Franza, lanzamos ao ar unha pregunta. Hai cava galego? Unha empresa de Petín propón este ano "Danza", unha iniciativa que achega burbullas ao viño godello. A comezos dos noventa houbera xa outro intento, "Fin de siglo", que finalmente fracasou. ¿Pero hai posibilidades reais para un produto así?

Chámaselle champaña ou cava, o proceso de produción dun viño escumoso con estas características é universal, e unicamente o lugar de orixe determina o nome que se lle aplicará ao espirituoso. Entre as peculiaridades deste complexo proceso están varios transvases do viño, o engadido de azucre ao líquido e a realización dunha segunda fermentación dentro da propia botella, que é o que introduce o gas no viño. Entón, nunha terra onde abonda tanto o viño como é a nosa, xorde a pregunta. Por qué non se fai cava en Galicia?

A materia prima idónea
"Témolo todo para facer un viño escumoso de calidade, a acidez das nosas castes fainas moi apropiadas para iso", explica Luís Paadín, secretario da Asociación de Sumilleres Gallaecia. Claro que, de se facer, este produto non se podería denominar champaña nin cava por non estar elaborado en Francia nin en Cataluña. De calquera xeito, de certo iso non supón un obstáculo infranqueable, o problema, na realidade, está no mercado. "Tecnicamente é posible", aclara, "o atranco é que non podemos competir en prezo coas castes que están a empregar noutras zonas para este fin, que teñen un custo moito máis baixo". Debemos ollar entón, en primeiro lugar, para os 1,40 euros que custaba o quilo de uva treixadura este ano, o de godello ou o do albariño fronte aos 40 céntimos que está a custar o xarello catalán, base para o cava. Canda a isto, o investimento no equipo necesario para elaborar este produto fai que a rendibilidade só sexa factible a partir duns volumes de produción moi altos.

A aposta de 2005
A pesar deses inconvenientes, o grupo de adegas Galiciano S.L. está a tentar que este Nadal os galegos poidan brindar con Danza, champaña feito no noso país. Claro está, só aqueles afortunados que se fagan, por case dez euros cada unha, coas 2.500 botellas que saen á venda. Desta volta é a uva godella a que serve de base para o produto. A empresa asegura que foron precisamente as boas calidades desta uva o que os decidiu a abordar esta tentativa. Recollendo o proceso de elaboración común ao cava e mais ao champaña, os produtores aseguran que o produto está a ter unha "moi boa" acollida e que teñen previsto continuar no futuro a elaborar outros viños nesta liña. En canto a Danza, Paadín sinala que ten unha calidade aceptable, e matiza que "penso que aceleraron un pouco o tempo de presentación porque canto máis tempo bota na botella antes do degole, a burbulla intégrase moito máis no viño, e maior a calidade".

Os pioneiros
A idea non é a primeira vez que xorde. "Houbo algunhas iniciativas non comercializadas. A Cooperativa do Ribeiro elaborouno con treixadura, no Consello Regulador de Valdeorras fíxose con godello. Foron probas satisfactorias, o que pasa é que encontrar un oco no mercado é máis difícil", sinala Paadín. Para alén desta iniciativa, foi a comezos dos anos noventa cando adegas La Patena lanzaba por todo o alto o primeiro escumoso deste tipo do país. Sen embargo, a pesar da promoción que se fixo do produto, finalmente non conseguiu manter a demanda e o produto desapareceu. Segundo Paadín, este escumoso "tiña un prezo un pouco desorbitado, aínda contando co plus de ser galego. A tona de escuma, que era a parte máis importante, non o conseguira, máis que burbullas parecían ocos de aire". Segundo aseguran desde La Patena, o produto deixouse xa de fabricar por non resultar rendible, e non teñen pensado polo momento abordar unha iniciativa semellante.


Un futuro inevitable
"Segundo imos avanzando na nosa viticultura, e imos producindo con moita calidade, non nos vai quedar máis remedio que buscar a variedade e elaborar algún tostado, algún viño de vendima serodia ou un escumoso". Neste sentido, sinala que é habitual en diferentes zonas vinícolas elaborar produtos deste tipo para diversificar a oferta. "É un camiño esperanzador, non para que todo o viño galego sexa escumoso pero si como alternativa, do mesmo xeito que se está a facer en todo Estado". Sexa a través da fermentación en botella, no estilo do cava ou do champaña, ou mediante escumosos doutro tipo, o camiño parece iniciado. Ademais, Paadín adiántanos un segredo: "Estou certo de que non é a única adega que está a probar neste sentido". Así que, para o ano, o mesmo podemos brindar con máis cava do país.