As pinturas murais descubertas en igrexas nos últimos anos revelan un importante patrimonio artístico no Renacemento e no Barroco

As pinturas agachadas tras do cal

As restauracións e limpezas de igrexas nos últimos anos están a revelar un interesante patrimonio artístico do que aínda descoñecemos a súa visión global. Baixo a cal que reviste as paredes dos templos de pedra, están a aparecer coloridos murais que están a cambiar e enriquecer a visión que tiñamos sobre a pintura galega no Renacemento e no Barroco.

En Galicia non temos a ningún Botticelli, Velázquez ou Rembrandt. E tampouco un Museo do Prado que garde unha parte importante da arte da época dourada da pintura de lenzo –o Renacemento, o Barroco, esa etapa que vai do século XVI ao XVIII-. Ata o século XIX, no país pintáronse moi poucos cadros, ese prezado obxecto de arte preferido pola aristocracia e os monarcas. A distancia de Galicia con respecto aos grandes centros de poder económico e político e a ausencia de adiñeirados mecenas que valoraran a arte propiciou que a penas contaramos con obradoiros artísticos.

Desvelando as imaxes
Con todo, nos últimos anos, as nosas igrexas están a desvelar un sorprendente patrimonio pictórico desa época: a pintura mural. É a arte pintada sobre os muros das igrexas, sobre as paredes de vellos edificios. Chegou a nós de xeito milagreiro e amosa unha gran riqueza de estilos, calidades e temáticas. Así o sinala o catedrático de Arte Contemporánea da Universidade de Santiago (USC) Xosé Manuel García Iglesias nun traballo sobre esta técnica pictórica no Proxecto Galicia: “debe de recoñecerse como a última páxina dunha longa historia e, case sempre, como a única conservada”.

A clave, curiosamente, está na peste. Coas epidemias do século XVI, unha das principais medidas sanitarias que tomaron as autoridades das vilas galegas foi revestir con cal as paredes dos edificios. A cal tapou un gran número de frescos pintados, que doutro xeito dificilmente terían sobrevivido á súa época. Segundo Juan Monterroso, director do Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC), “Este tipo de arte é moi vulnerable. A vida media dunha pintura mural ao fresco é de 30 anos antes de que se desgaste. E logo están os procesos de renovación da decoración e do cambio do gusto e da sensibilidade”. O revestimento de cal sobre os frescos ocultounos. Cando a finais do XVII as igrexas enchéronse de retablos, o proceso de esquecemento ficou completo. Coas restauracións dos templos que se están a levar a cabo nas últimas décadas, os frescos volveron a revelarse, en moitos casos, nun bo estado de conservación. Noutros casos, cando o fresco estivo máis exposto á humidade, a súa situación non resulta tan óptima e o seu coidado e restauración debe ser moi minucioso.


Artistas de parede
Durante os séculos XVI e XVII un número indeterminado de artesáns percorreron amplas zonas do noso territorio, realizando traballos de decoración en igrexas e pazos. Sábense os nomes de algúns, como Sixto de Frisia –que era flamenco-, Pedro Noble ou Juan Bautista Celma, no XVI ou García Bouza, no XVII. Pero na época na que en Europa xorde a figura do artista como creador, como individuo, a gran maioría dos pintores galegos son anónimos e coñécense polas súas obras máis notables, coma o Pintor de Sixto, o Pintor de Banga ou o Mestre de Marzá. Para explicar isto, hai que comprender que eran artistas, non artesáns. Este carácter artesanal provocaba que os pintores entenderan o seu traballo como un oficio instrumental e complementario doutras labores decorativas, como a escultura ou a ebanistería. “En Galicia non houbo gremios de pintores, a diferencia doutros lugares da Península”, sinala Juan Monterroso.

Aínda que non se coñece demasiado do seu proceso de traballo, parece ser que traballaban por encargo. Segundo Juan Monterroso: “eles non tiñan conciencia de seren creadores. Empregan a técnica da pintura igual que se fixeran escultura. Para eles é un oficio, non un arte”. Contaban cun repertorio temático habitual que ofrecían aos clientes, pero habitualmente os curas párrocos ou os mordomos tiñan xa bastante claro que é o que querían representar nas súas igrexas. Coa perspectiva do tempo, pódense distinguir varias liñas habituais. “Estas pinturas tiñan unha función didáctica”, asegura Monterroso, “a máis habitual era o Xuízo final, aínda que en Galicia hai tamén moitas pinturas de temática mariana, porque moitas parroquias están baixo a advocación da Virxe. Noutros casos os motivos son haxiográficos, contan escenas da vida dos santos”.

Nas grandes obras da arquitectura relixiosa galega, coma os mosteiros ou as catedrais, o programa pictórico era máis complexo. Os monxes estaban interesados en que as pinturas recreasen a historia da súa orde. Nas capelas das Catedrais, os mecenas privados que pagaban os custes da obra solicitaban que as pinturas recrearan devocións ás que eran afeccionados. Os templos enchéronse de cores, frescos, estucos e imaxes.

Unha tradición milenaria
Estes pintores, máis ou menos anónimos, realizaron obras dunha gran calidade que foi decrecendo ao longo do tempo. “Os pintores do século XVI”, indica Monterroso, “eran mestres do traballo do fresco. Esta tradición perdeuse no século XVII e non se recuperaría ata o século XVIII”. Os estilos foron evolucionando ao longo do tempo, de xeito paralelo á historia da arte. Os primeiros murais galegos que se conservan proceden da época romana, no santuario de Santa Olalla de Bande, do século IV. Da Idade Media consérvanse algúns exemplos notables, pero a maior cantidade dos que conservamos proceden de principios do Renacemento. Recollendo as tradicións góticas de finais da Idade Media e as relacións da política do momento, o século XVI defínese polo estilo que se coñece como “hispano flamenco”, cunha forte influencia dos Países Baixos.A igrexa de San Martín de Mondoñedo, a recentemente descuberta Capela da Azucena, na Catedral de Santiago ou as pinturas narrativas da Catedral de Mondoñedo son exemplos destacados. A partir de mediados do XVI, as influencias renacentistas son maiores e aparece o “clasicismo”. A partir do XVII, a arte barroca faise presente nas pinturas. No século XX, os cafés das cidades tamén se valeron deste recurso decorativo e diferentes artistas como Urbano Lugrís ou Laxeiro realizaron pinturas murais. O Café Moderno de Pontevedra será unha desas xoias da pintura mural recentemente restauradas pola Fundación Caixa Galicia.

Durante moito tempo, os murais sufriron agresións derivadas da pouca valoración na que eran tidos. Pero nos últimos anos, en numerosas parroquias se puxeron en marcha iniciativas para pór en valor estas obras de arte segundo son descubertas en traballos de restauración do templo. Un caso recente son as pinturas murais que están na Igrexa de Santiago, no Couto Mixto (Ourense). A asociación cultural da zona está a realizar estudos para a súa conservación e posta en valor.

E os acondicionamentos non son nada baratos: “Cando descobres un mural”, indica Monterroso, “este vai estar sometido a agresións físicas, químicas e da propia luz. Pero boa parte das agresións proveñen do propio edificio, que pode ter filtracións, elevadísimas cotas de humidade, goteiras, etc.”. Cada ano atópanse novas e fermosas mostras da riqueza pictórica da época e a nosa visión sobre a arte do Renacemento e o Barroco amplíase.

As pinturas agachadas tras do cal

As pinturas agachadas tras do cal

Última cena
Santa María de Sela
Pontevedra. S. XVIII
Foto: Juan Monterroso

As pinturas agachadas tras do cal

As pinturas agachadas tras do cal

Anunciación
Mestre de Parga
San Esteban de Parga
Foto: Juan Monterroso

As pinturas agachadas tras do cal

As pinturas agachadas tras do cal

Xuízo Final
Mestre de Santama
Santa María de Seteventos
Foto: Juan Monterroso

As pinturas agachadas tras do cal

As pinturas agachadas tras do cal

David
Mestre de Banga
Santa Eulalia de Banga
Foto: Juan Monterroso

As pinturas agachadas tras do cal

As pinturas agachadas tras do cal

Xuízo final
Santa María de Castrelo de Miño
Foto: Juan Monterroso

As pinturas agachadas tras do cal

As pinturas agachadas tras do cal

Resurrección miragreira na historia de San Pedro
Mestre de Mondoñedo
Catedral de Mondoñedo.
Procedente de: Arquivo "Proxecto Galicia"-Arte. Hércules de Edicións

As pinturas agachadas tras do cal

As pinturas agachadas tras do cal

A matanza dos inocentes (detalle)
Mestre de Mondoñedo
Catedral de Mondoñedo.
Procedente de: Arquivo "Proxecto Galicia"-Arte. Hércules de Edicións

As pinturas agachadas tras do cal

As pinturas agachadas tras do cal

Lavatorio
Mestre do Sisto.
Igrexa de San Xoán do Siso (Pontevedra)
Procedente de: Arquivo "Proxecto Galicia"-Arte. Hércules de Edicións

As pinturas agachadas tras do cal

As pinturas agachadas tras do cal

Sen título
Demetrio Monteserín
Café Moderno de Pontevedra. 1903
Procedente de: Arquivo Fundación Caixa Galicia

As pinturas agachadas tras do cal

As pinturas agachadas tras do cal

O manantial da vida
Laxeiro
Café Moderno de Pontevedra. 1940
Procedente de: Arquivo Fundación Caixa Galicia