Un proxecto de investigación recupera os planos das cidades galegas a partir do século XVI

Os retratos das cidades

As cidades tamén sofren no seu aspecto, como as persoas, o paso do tempo. Mudanzas de estilo, peiteados novos ou cicatrices teñen o seu equivalente na configuración urbana. Todas estas mudanzas fican rexistradas, ao xeito de retratos en planos e deseños que nos permiten coñecer o aspecto que tiñan no pasado as rúas que transitamos ou as casas nas que vivimos. En Galicia, un proxecto da Universidade de Santiago está desde hai anos a recuperar de xeito exhaustivo eses retratos das nosas cidades desde os primeiros deseños do século XV.

No Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago un grupo de investigadores leva anos a facer un completo inventario de todos cantos mapas recollen a configuración das nosas cidades. “O proxecto naceu hai uns seis anos coa idea de recuperar todo o material de planos e de deseños de cidades e de edificios ao longo de toda a Historia do país” explica Alfredo Vigo, director deste proxecto. Un equipo de entre oito e dez persoas colabora desde entón no baleirado de arquivos, galegos e foráneos, nesta inxente tarefa. “Durante case tres anos, ata o 2003, traballamos de xeito intensivo co apoio da Xunta e recollemos todos os mapas dos séculos XVI e XVII, perfectamente catalogados. Logo reproducímolos e mesmo fixemos un pequeno estudo sobre cada un deles”. O proxecto continuou logo co apoio do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía ata completar a cartografía urbana do século XVIII. Neste período multiplícanse as representacións urbanas ata case 1.500 deseños que se recolleron no último trienio e que se suman ás máis de duascentas imaxes do período anterior. A maior parte deste patrimonio saíu de arquivos foráneos, coma o de Simancas, o Arquivo Militar de Segovia, a Biblioteca Nacional, ou o Museo Naval de Madrid. Aínda que tamén depósitos galegos coma o da Catedral de Santiago ou o Arquivo da USC achegaron abonda información ao proxecto. “Se non fose por estes e polos arquivos militares sería moi pouco o que habería. Hai que lamentar que case todo o patrimonio dos nosos arquivos municipais desapareceu pola incuria e polo abandono”, lamenta Vigo.

As imaxes
“Non había un estudo global deste ámbito, por iso nos pareceu fundamental”, explica Vigo, “Todo isto é tamén a historia visual de Galicia, ver como proxectaban urbanistas e arquitectos”. E é que os planos achegan todo tipo de informacións do máis curioso. “Isto ten importancia para a redacción de memorias históricas e artísticas, para historiadores e urbanistas, e tamén pode empregarse para a redacción de plans históricos para cascos antigos. Mesmo pode ser unha ferramenta que interese ás seccións de cultura dos propios concellos”, completa. “Ademais de ser un proxecto de interese para especialistas, algunhas das reproducións que achegamos teñen un grande valor estético”. Neste sentido, por exemplo, destacan os mapas que o portugués Pedro Texeira debuxou sobre as nosas rías en pleno século XVII e que se recollen neste proxecto. “O máis antigo que temos recollido é unha especie de bosquexo da Catedral de Santiago do século XV, é o único que hai da Idade Media”, apunta o director do proxecto. “Logo son moi interesantes os debuxos de cidades feitas por Pier María Baldi, que veu acompañando o cortexo de Cosme de Medicis e deu unha visión fundamental. De non ser por este debuxante Galicia non tería imaxes da Idade Moderna”. A fortaleza da Tui, o porto da Coruña, Compostela ou Redondela, entre outras vilas foron recollidas por este italiano.

Os ritmos de crecemento
Se durante os séculos XVI e XVII as representacións cartográficas son máis ben escasas e carecen dun criterio sistemático de representación, a situación muda espectacularmente no XVIII. “Neste século hai un rigor de representación científica de primeiro nivel, Galicia pasa a ter un interese de primeira orde para o Estado e prodúcese un desembarco de enxeñeiros militares que son auténticos artistas para facer planos e deseños”, explica Vigo. A construción de fortificacións nas fronteiras e mais na costa fan que estas zonas sexan as máis profusamente representadas, sendo o caso de Ferrol o que máis impresionou os investigadores. “É incrible. A cidade practicamente constrúese na súa totalidade durante este século, e pódese ver como evolúe a construción ano a ano e case mes a mes”, destaca este investigador. Canda a esta cidade é a Coruña a que presenta un desenvolvemento máis acusado durante estes cen anos, mentres Compostela sofre importantes reformas. “Nas demais os cambios son fundamentalmente no tipo de representación, en canto a desenvolvemento máis ou menos mantéñense”, explica.


Sete cidades diferentes
Como é de supor, a configuración urbana de Galicia desde o século XVI mudou en grande medida, producíndose un enorme incremento no tamaño das nosas cidades. “Basicamente as cidades importantes eran as sete que constituían o Reino e que desde o século XVII fan a ofrenda ao Santísimo Sacramento. O curioso é que agora tamén son sete, pero non son as mesmas, hoxe Ferrol e Vigo están entre as grandes e xa non aparecen Tui e Mondoñedo”, sinala este estudoso das nosas urbes. “O peso da Galicia urbana entón era máis pequeno. A finais do século XVIII a cidade máis poboada é, de xeito sorprendente Ferrol”, que contaba daquela cuns trinta e dous mil habitantes nos seus momentos máis álxidos que duplicaban a poboación de Compostela, a seguinte na lista. O groso da poboación distribuíase daquela nos pequenos núcleos do rural.

O que resta das urbes
A conservación das paisaxes urbanas desta época varía moito dunhas cidades a outras. “Nas últimas décadas do século XVIII e sobre todo no XIX, as cidades reorientaron as súas política guiadas por criterios de regularidade e de salubridade, e iso fixo que en moitísimos casos os elementos que constituían as cidades históricas se perdesen”, lembra este historiador da arte, que pon como exemplo máis salientable a desaparición de abondosos soportais nas rúas galegas, “antes case todas as cidades tiñan moitos e hoxe son casos excepcionais”. Seguindo os planos recuperados ao abeiro desta investigación pódese observar, por exemplo, que na Cidade Vella da Coruña case todas as rúas contaban cunhas construcións deste tipo que hoxe xa non se conservan. Os mapas antigos permiten comprobar tamén como lugares onde hoxe hai prazas existían antes edificios. “En Pontevedra ou en Lugo no século XIX derrúbanse conventos despois da exclaustración para crear ou ampliar prazas”, lembra Vigo, que destaca de novo a utilidade destes planos. “Este material permite facer historia urbana, saber cando se producen as demolicións e por que”.

Imaxes que non foron
A investigación comprende, ademais de planos, proxectos e deseños de edificios. Isto permítenos coñecer o aspecto que tiñan no pasado monumentos que hoxe non se conservan ou que modificaron a súa aparencia, e mesmo saber de propostas arquitectónicas que non se chegaron a realizar. Segundo Vigo, “consérvanse proxectos que hoxe só se existen a medias ou que nunca se fixeron”. Entre estes destaca un proxecto para a fachada da igrexa do Mosteiro de Monfero que, feito sobre pergameo, está gardado no Arquivo Municipal da Coruña. “Vese a fachada coas torres rematadas en agullas caladas ao xeito gótico, que nunca se chegaron a realizar ou que, cando menos, hoxe non existen”. Tamén se recolleron, neste proxecto, bosquexos sobre as fachadas das catedrais de Compostela e de Lugo.

Futuros retratos
Na actualidade o proxecto está acabando coa catalogación do século XVIII, e prepárase para abordar, mercé a un novo subsidio, a inxente tarefa de comezar a recollida de documentación do século XIX. Polo momento, ao longo dos vindeiros tres anos se recollerán e clasificarán aqueles mapas e proxectos urbanos de entre 1800 e 1833, un período no que, como é previsible, se incrementa enormemente a cantidade de material dispoñible. Ademais, segundo asegura Vigo Trasancos, están a traballar para poder publicar en libro a primeira parte do proxecto, o que comprende entre os século XVI e XVII e que ata o momento só estaba dispoñible en CD grazas á colaboración do Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos. Aos poucos, o proxecto continúa recuperando eses vellos retratos das nosas cidades e permitíndonos coñecer como eran as nosas rúas antes de nós mesmos.

Mapas e cidades na Galicia do Antigo Réxime

Mapas e cidades na Galicia do Antigo Réxime

Imaxes dixitalizadas polos proxectos:
Planos y dibujos de arquitectura y urbanismo en Galicia: I (siglos XVI y XVII)" (Xunta de Galicia, 2000-2001) e "Planos y dibujos de arquitectura y urbanismo. Galicia y el siglo XVIII". As imaxes de Pier María Baldi e Pedro Texeira pertencen á edición en CD-Rom patrocinada polo Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos técnicos.
Agradecementos ao profesor Alfredo Vigo Trasancos por permitirnos a súa reprodución.

Mapas e cidades na Galicia do Antigo Réxime

Mapas e cidades na Galicia do Antigo Réxime

Panorámica de la ciudad de A Coruña desde el Monte de Santa Margarita (Detalle)
A.H.M.C. Colección Carlos Martínez-Barbeito de estampas de Galicia, nº 87. 1
Agradecementos ao profesor Alfredo Vigo Trasancos por permitirnos a súa reprodución.
BALDI , Pier María
1669 (fototipia del siglo XX por Hauser y Menet)
Papel: acuarela, color; 20 x 57 cm
Sin escala

Mapas e cidades na Galicia do Antigo Réxime

Mapas e cidades na Galicia do Antigo Réxime

Vista de Compostela(Detalle)
A.H.M.C. Colección Carlos Martínez-Barbeito de estampas de Galicia, nº86
BALDI, Pier María
1669 (fototipia del siglo XX por Hauser y Menet)
Papel; acuarela, color; 24 x 53 cm
No tiene escala
Notas manuscritas: “Compostela: hoy St. Iago”.

Mapas e cidades na Galicia do Antigo Réxime

Mapas e cidades na Galicia do Antigo Réxime

Vista de Fisterra(Detalle)
B.N.V., Codex Miniatus 46, “Descripción de España y de las costas y puertos de sus reynos”, fol. 35r.
TEXEIRA, Pedro (Lisboa, ca 1595 – Madrid, 1662)

Mapas e cidades na Galicia do Antigo Réxime

Mapas e cidades na Galicia do Antigo Réxime

O Arsenal de Ferrol.(Detalle)
Archivo Cartográfico y de Estudios Geográficos. Archivo Militar de Madrid
DE LA CROIX, 1751

Mapas e cidades na Galicia do Antigo Réxime

Mapas e cidades na Galicia do Antigo Réxime

Torre de Hércules(Detalle)
Archivo de la Real Academia de la Historia (Madrid)
CORNIDE. José