A Fundación Theodora leva a tres hospitais actividades personalizadas para os nenos

¡Que risa de doutores!

O xoves é o día máis agardado por todos os nenos que están hospitalizados no Clínico de Santiago. É o día no que fan a súa visita semanal uns doutores moi especiais que visitan unha media de trinta pacientes en catro horas. Son os “Doutores Sorriso” que forman e financian a fundación Theodora en colaboración, entre outras, coa Barrié e a Paideia. O seu obxectivo: facer máis levadeira a estadía dos pícaros en tres hospitais con miniespectáculos teatrais.

Hai unha medicina que, ademais de non ter efectos secundarios, ten moitas vantaxes e beneficios. Trátase da risa, especialidade dun equipo médico formado polas doutoras Mandarina, Kateterina e Xirasola. Estas tres profesionais tan especiais fan visitas no Hospital Clínico Universitario en Santiago, Xeral Cíes de Vigo e no Teresa Herrera da Coruña para facerlles pasar unha boa tarde aos que están alí ingresados. Padecer unha doenza non é cómodo para os adultos pero menos aínda para os nenos. Non cura pero alivia.

Visita médica
“Non somos pallasos estrictamente, senón que xa polo feito de chamarnos doutores, amosamos a profesionalidade do noso traballo que pasa por facer máis amena a estadía nos hospitais de nenos con diferentes tipos e grados de doenzas”. Quen fala é a Doutora Xirasola, papel que interpreta a actriz Sabela Amado Rojo, que explica máis que “non facemos actuacións xerais para todos os nenos, un único espectáculo senón que facemos un montón de miniespectáculos de cama en cama”.

O traballo dos “Doutores Sorriso” (hai 15 en todo o Estado) é diferente porque ofrecen unha atención personalizada a cada paciente. Por iso, contan cun protocolo completamente ríxido e previamente definido que implica tamén aos traballadores dos hospitais. Desde o gabinete de prensa da Fundación Theodora, unha entidade que traballa a ámbito estatal, explican que o tratamento segue sempre “unha orde lóxica polas diferentes plantas de oncoloxía, transplantes, traumatoloxía e infecciosos”.

Seguimos á doutora Xirasola
“Os nosos horarios de visita van de catro a oito da tarde, pero habitualmente chego unha hora antes para poder maquillarme e caracterizarme. Son a doutora Xirasola, e tal e como o meu nome indica, vou cun xirasol enorme na cabeza”. Unha vez preparada para as visitas, a esta doutora tan especial recibe unha listaxe con todos os nenos que están ingresados no hospital e un breve diagnóstico da súa situación. “Comezo así a visita, que conta coa axuda valiosísima das enfermeiras que me contan a situación particular dos nenos, se viñeron ou van ao quirófano, se van recibir a alta en breve, se lle deron unha mala nova aos pais sobre a súa situaicón, se saen dunha sesión de quimioterapia... cada unha das circunstancias especias dos nenos”. Así, vai de cama en cama, de habitación en habitación, visitando a unha media de trinta nenos por cada tarde. “Eu prefiro valorar calidade da miña estadía e non a cantidade dos pícaros aos que atendo, de tal xeito que se unha semana estiven menos cuns rapaces, procuro estar máis á semana seguinte”. O seu cometido non é só facer que rían a esgalla porque “unhas veces conséguelo e outras non, ás veces un pequeno sorriso ou unha boa cara xa é suficiente, e para iso cuns precisas dez minutos e con outros vinte”.

Iso si, as súas visitas son sempre os mesmos días da semana, porque como desde a Fundación recoñecen “os nenos responden a hábitos”. Ademais, explica a doutora Xirasola “hai nenos que se pasan toda a semana esperando que sexa o día das nosas visitas, por iso non podemos fallar”.

Implicación emocional
Á parte da situación da súa doenza, os nenos fanse querer e, detrás do traballo continuado de risas e de grazas da doutora Xirasol, hai centos e centos de historias con sabor agridoce. Pero estas doutoras teñen claro que o seu traballo social é valioso. “Levo dous anos e medio facendo estas visitas e, estou encantada co meu traballo, moita xente pensa que a visita aos hospitais é desagradable pero eu, cada día que pasa, penso o contrario”. De feito, en toda a súa traxectoria atesoura centos e centros de anécdotas. “Lembro unha dun bebé dun ano que estaba na UCI desde que nacera, e como sempre estaba sedado non abría os ollos, pero eu faláballe igual. Un día a rapaza abriu os ollos cando cheguei e, como non me vira nunca, eu tiña medo da súa reacción, pero faleille e botou unha ampla risada. Sei que parece unha parvada pero foi marabilloso”. Historias coma esa fan que esta muller, que se dedica profesionalmente ao mundo do clown, compaxine o seu horario para non faltar nunca ás sesións dos hospitais. “Apunteime, explica a Doutora Xirasola, como quen o fai a unha proba de selección para un traballo, pero co paso do tempo estou cada vez máis a gusto e máis implicada. Estou encantada”.

A formación continuada
A Doutora Xirasola recoñece que moitas veces o seu traballo implica tamén consolar aos pais. “Cando falamos entre nós (coas outras Doutoras Sorriso) dámonos conta de que precisamos cursos de formación para os que non están enfermos”. Este é outro dos aspectos importantes da xente que forma parte do equipo da Fundación Theodora porque ademais de que non sexan afeccionadas nin voluntarias, ofrecen cursiños de formación continuados en temas sanitarios e psicolóxicos para que poidan desenvolver o seu traballo con máis garantías. “Á xente pódelles parecer ilóxico, pero é preciso que nos renovemos”. Nestes cursiños de formación explícanlles desde os diferentes instrumentos que emprega o persoal sanitario, ata cales son as fases e reaccións das diferentes enfermidades. Todo para o que seu traballo teña as maiores garantías posibles.