Galicia vive desde hai uns anos a xeneralización de propostas creativas nas manifestacións masivas

As Belas Artes tamén protestan

Hai agora tres anos, co accidente do Prestige, comezaba un dos períodos de maior mobilización social da Historia de Galicia. Mobilizacións de todo tipo sucedíanse sen pausa no país. De xeito simultáneo aos máis habituais sistemas de reivindicación, comezaron a verse propostas que unían as máis diversas artes á protesta. Performances, representacións teatrais, música e propostas artísticas de todo tipo presentáronse coma un xeito máis de reclamación, con grande éxito de participación e impacto mediático.

O emprego de obras de arte nas súas máis variadas formas como apoio a mobilizacións non é nada novo. Son habituais concertos, recitais, poxas de arte e venda de libros, discos ou outros produtos artísticos para conseguir fondos e difundir a mensaxe da protesta. Sen embargo, nos últimos anos estamos a ver con certa frecuencia como as máis variadas artes se aplican ao propio acto das mobilizacións. Non cabe dúbida que no noso país houbo un colectivo que desenvolveu especialmente o aspecto máis creativo das manifestacións. Desde os primeiros días logo do accidente, a Plataforma contra a Burla Negra promoveu auténticas intervencións artísticas de masas con fins reivindicativos. A “Marea gaiteira” foi unha das primeiras, unha convocatoria para gaiteiros vestidos de loito que pretendía expresar musicalmente o dó polo accidente do “Prestige”.

Burlas Negras
A esta proposta seguiron accións coma o Velorio do Mar, no curso do cal se chantaron milleiros de cruces na praia de Riazor e na que mesmo un furioso “Rei Neptuno” apareceu para se lamentar polo estado da costa. Tamén foi multitudinaria a mobilización que, co lema “Non queremos emigrar” encheu a Coruña de persoas que portaban maletas coma símbolo da diáspora. “O feito de convocarmos este tipo de mobilizacións vén dado pola propia natureza da Burla Negra, un colectivo formado basicamente por artistas e creadores, que xa teñen de partida un xeito diferente de ver as cousas”, apunta desde esta organización Carlos Santiago. “Durante toda a mobilización civil que houbo daquela experimentáronse técnicas probadas noutros lugares do mundo e inventáronse novas formas de expresión”. Santiago salienta o grande compoñente de invención que tiveron a maior parte destas iniciativas. “O que aconteceu foi un referente mundial. Polo que lembro, e para alén das referencias que podía ter a xente que en cada momento organizaba as cousas, actuábase pola rabia ante o que estaba a acontecer, non por referencias externas. De feito vese como en boa parte das mobilizacións empregábanse símbolos que parten da propia cultura galega”. Outras accións que lembran desde a plataforma foi o Concerto Expansivo, que puxo en marcha máis de cen actos culturais simultáneos en toda Galicia e, como non, a Carpa do País de Nunca Máis, un auténtico festival itinerante de cultura artellada arredor do chapapote.

Outras manchas
Mesmo nas mobilizacións non necesariamente especiais, coma as de Nunca Máis, apareceron propostas artísticas. Fíxose famoso o monicreque que o actor Pepe Penabade portaba en todas elas a representar un paxaro cuberto de fuel, o boneco que representaba un Manuel Fraga mutante ou o lanzamento en globos dun Álvarez Cascos galardoado coa medalla de Galicia. Tamén son daquela época propostas coma os apagóns colectivos de luces en todo o país, as múltiples versións de temas musicais adaptados á protesta, a longa cadea humana de escolares na Costa da Morte ou aquela curiosa iniciativa, aos poucos días do accidente do barco, na que un grupo de persoas deitábanse simulando estar mortos na praia de Barrañán, afectada polos vertidos.

Desde a Universidade
Este tipo de propostas, evidentementes, non foron exclusivas da protesta contra o Prestige. Pouco tempo antes deste período, no curso 2001/2002, as rúas e as prazas da cidades universitarias galegas víanse invadidas por curiosas iniciativas. “Caceroladas”, aulas no medio da rúa, acampadas nos parques ou unha cadea humana arredor da zona vella da capital foron algunhas das iniciativas que as diferentes asembleas de estudantes organizaron contra a Lei de Ordenación Universitaria (LOU). “Fixérase un tren que representaba a LOU e que despois descarrilaba, algunha mobilización teatral no Obradoiro... Penso que o máis orixinal quizais foi a representación do Partido Privado” lembra Carmela Rodríguez, activa membro da Asemblea de Estudantes de Compostela. Esta última mobilización consisitíu en multitudinarios actos, primeiro en Pontevedra e despois en Compostela nos que se facía unha parodia de mitin político a prol da privatización absoluta da Universidade e se berraban consignas a prol da Lei que en realidade se quería evitar.

Simpatía e diversión
“Non penso que se conseguise un maior impacto mediático nin máis participación con mobilizacións deste tipo, o que si se lograba era máis apoio da xente que vía o acto, parecíaslle alguén máis simpático. Ademais, o da LOU a certa altura xa aparecía diariamente nos medios, así que é algo difícil de medir”, sinala Carmela. Para alén da simpatía popular que poden achegar estas propostas, recoñece que había tamén un compoñente de organización interna na aposta por accións lúdicas. “Nun contexto de mobilización continua como aquel, facer algo así resulta máis divertido e queima menos. De calquera xeito as propostas teñen que ser orixinais e ter un contido simbólico, se son accións baleiras hai xente que o considera unha perda de tempo. Axuda tamén porque fas algo durante a manifestación, pásalo ben e a mensaxe é menos deprimente”.

Impactos
“Penso que o éxito destas mobilizacións radicaba en que aproveitaban elementos que xa estaban na propia cultura, era como activar as propias capacidades culturais da sociedade para protestar contra unha traxedia”, sinala Carlos Santiago, que considera que no caso da Burla Negra estas propostas si favorecían a asistencia. “Estes compoñentes incitaban á participación. A estimulación que provoca este tipo de accións anima a participar e fai que a xente entre dun xeito moito máis enérxico e activo”, lembra. Desde a Burla negra están convencidos de que se alterou o concepto de manifestación. “Non só mudou o xeito de se mobilizar senón que a propia sociedade galega mudou e no momento é unha das máis activas e fogosas neste sentido de toda Europa”.

Arte e mobilización
O noso crítico de arte, Xosé Lens, clarifícanos o que, para el, diferenza estas mobilizacións da arte en si. “A miúdo este tipo de creacións responde a unha grande cuestión supracultural, que afecta á realidade social, política ou económica. Neste sentido as creacións pasan a ser antes mobilizacións do que creacións cun fin en si mesmas. Os obxectivos nacen diferentes e polo tanto os resultados van ser completamente abertos e plurais. En canto etiquetas, estarían na liña das performances”. O anonimato da persoa que idea a acción, é ao seu ver, un aspecto crucial á hora de separar os dous ámbitos. “Ao se organizar de xeito colectivo, relaciónanse máis co compromiso social, no que o autor no importa. En certo xeito, e seguindo as teses de Lipovetsky, é o oposto á creación e á arte como expresión desde o individuo”.

Outras propostas creativas
Dun xeito ou doutro, é certo que desde aquela non é estraño neste tipo de actos a presenza de elementos máis ou menos artísticos. Aínda está na memoria de moitos os “simulacros de bombardeos” que se desenvolvían durante as manifestacións contra a Guerra do Irak, e que acababan con todos os asistentes deitados no chan. Representacións a escala da fábrica ou un “dragón” ao estilo chinés estiveron presentes nalgunhas das últimas mobilizacións contra ENCE en Pontevedra este mesmo ano. Os afectados polo gasoduto en Betanzos acudiron ao Obradoiro cun tubo de máis de cen metros de lonxitude que simbolizaba aqueloutro que ía atravesar os seus terreos. O pasado mes de xuño, unha mobilización da Federación Ecoloxista Galega contra os encoros consistiu integramente na representación satírica do impacto destas construcións, contando coa participación de todos os asistentes nos diferentes papeis de río de animais e mesmo con parodia de altos cargos incluídas.

Historia da protesta
O concepto de aplicar creatividade ás mobilizacións non é novo. A recente exposición “O lado da sombra” que se desenvolveu na Fundación Luís Seoane este verán recollía como na “Loita dos pisos” os universitarios composteláns do curso 1979/1980 organizaron actividades moi semellantes ás que se viron nas protestas contra a LOU. É moi posible que nesta última vaga de accións creativas as famosas “caceroladas” que naceron contra o “corralito” arxentino, canda ás coloridas protestas internacionais contra a globalización teñan servido dalgún xeito como fonte de inspiración. Está por ver cales serán as seguintes mostras de creatividade que veremos nas nosas rúas na forma de protestas.