A Asociación Lilifilms leva tres anos recuperando as filmacións feitas en Súper 8

Cine da casa

12 de maio de 1976. O Urquiola parte en dous e incéndiase á entrada do porto da Coruña. Algunhas das imaxes máis impresionantes do suceso chegáronnos da man dos propios veciños que colleron a súa cámara e saíron gravar o accidente. Documentos gráficos como este son recuperados, catalogados e dixitalizados por unha asociación, chámase “Lilifilms” e traballa en toda Galicia.

Cando o cine entrou no fogar apareceu unha nova forma de facer cine, pero feito con outros ollos. A xente colleu a súa cámara e gravou a súa intimidade, as festas e celebracións familiares, e non só iso, senón tamén os acontecementos que tiveron lugar ao seu redor. Documentos visuais rodados en Súper8 ou en 9 ½ que plasmaron unha época, unhas circunstancias e un contexto. Co paso do tempo estes aparellos ficaron obsoletos, as cintas foron desaparecendo dos andeis das tendas de fotografía e vídeo e as gravacións ficaron nas trasteiras, en bolsas de plástico e fóronse enchendo de humidades e de fungos. Así ata que apareceron Fernando Pujalte e Ángel Rueda, ou o que é o mesmo Lilifilms, que pediron á xente que rebuscara nos seus armarios e recuperara eses anacos da súa vida que estaban a punto de estragarse para sempre.

Principio do pasado
“Todo comezou dun xeito afeccionado, dentro dun contexto concreto, comenta Ángel, no local dun amigo fixemos unha proxección de películas domésticas que tivo moito éxito. Pouco a pouco foi chamando a atención e a raíz de aí estamos alimentando a recuperación do formado Súper 8”.

A sede da súa actividade está na Coruña, nun local que dan en chamar “La mucata” (Washington, 20 A Coruña) onde contan con varios proxectores, unha sala para o almacén de material e a recreación do salón dunha casa particular. Esa habitación é fundamental do proxecto de que desenvolven Lilifilms porque, explica Fernando “queremos transmitir a forma na que antes se vían eses produtos na súa casa”. Aínda que A Coruña é a sede das súas operacións, trasládanse por toda Galicia. “Non circunscribimos só o noso ámbito a Galicia, este ano tamén fomos a Barcelona e estamos pendentes de ir a Madrid, explica Ángel. Imos a onde nos chamen”. ¿E para que podemos chamar aos membros da Asociación Lilifilms? Basicamente para tres cousas, recuperación, exhibición e creación. Iso si, explica Fernando “todo relacionado con formatos domésticos como o Súper 8 ou os 9 ½ milímetros”.

A recuperación
“A nosa intención é que a xente busque aquelas gravacións que teñan feitas, que recuperen aqueles vídeos domésticos e que os saquen do armario, porque constitúen documentos visuais que forman parte da memoria do país. Deste xeito, Angel explica unha das tres vertentes de Lilifilms que é a da restauración do material, xa que “as bobinas aparecen en mal estado de conservación e hai que limpalas, quitarlles os fungos e restauralas”. O traballo paga a pena, porque logo aparecen documentos case únicos do noso pasado máis recente. “Temos, explica Fernando algunha gravación dos anos cincuenta e algunha curiosidade como a gravación que fixo un coruñés ao que lle tocou o sorteo para ir a Cabo Cañaveral a ver o despegamento da primeira viaxe espacial á lúa”. Ou outra gravación como a que fixo un emigrante galego do mal estado da estrada de entrada a Galicia á altura de Baralla, onde caían os coches nos furados que había no piso, ou a recolleita do berberecho en Noia... gravacións para denunciar unha situación, para gardar do paso do tempo un oficio, ou para lembrar aqueles momentos familiares de ledicia.

“Unhas veces, explica Fernando, a xente cédenos ese material, desfaise del porque xa non ten onde velo ou porque, aínda que pareza mentira, xa non o quere para nada; outras veces, contrátanos para que o dixitalicemos e poida ver no seu reproductor de DVD formal e outras para que lles limpemos e restauremos”. Son traballos que teñen gran dificultade porque son formatos a piques de extinguir e son difíciles de conseguir, “de feito, explica Fernando, moitos dos materiais que precisamos témolos que mercar fóra ou a través da rede, no mercado de segunda man”.

Neste traballo teñen contactado co Centro Galego de Artes da Imaxe. Entre outros motivos porque a institución e a asociación comparten o seu interese de recuperar a memoria gráfica do país. “O noso traballo pareceulles moi interesante, explica Fernando, pero non concretamos ningunha liña de traballo de momento”. Ademais, Ángel di que “consideramos que as institucións están demasiado ríxidas”.

A exhibición
O traballo de recuperación vai parello ao de exhibición. “O noso traballo, explica Ángel, non tería moito sentido se non se exhibira”. Aínda máis, Fernando asegura que “nós o que queremos é que saia das trasteiras e se vexa”. De feito, cando conseguen un material novo tentan falar co seu propietario para poder exhibilo. Por poñer un exemplo, estes días os dous membros que compoñen Lilifilms están preparando un espectáculo para levar a Noia onde exhibirán, entre outras cousas, unha gravación que lles acaban de ceder onde lles ensina como se capturaba o berberecho hai un par de décadas.

Os espectáculos de exhibición que teñen levado a salas independentes e pequenas por toda Galicia, cunha hora e media de duración aproximada, pretenden cumprir con dous requisitos. En primeiro lugar que sexa un espectáculo, que resulte divertido para o que mesturan realidade (os traballos cedidos ou recuperados) e ficción (pequenas montaxes de películas clásicas). E, en segundo lugar, un traballo de ambientación, de tentar trasladar o ambiente familiar e doméstico no que antes se facía o visionado destas películas. Ás veces, os pases non son públicos senón privados. “Cada dous meses, máis ou menos, a xente chámanos, imos as súas casas con proxectores portátiles e vemos alí, con eles, as súas filmacións”.

A creación
Co material que levan recuperando todo este tempo, o tándem que compón Lilifilms tamén ten feito as súas pequenas montaxes. Unha delas é “Bendita rúa” na que, segundo nos comenta Ángel “é un gran crebacabezas de imaxes, unha mestura do que fomos recollendo con imaxes de cidades”. É unha pequena homenaxe á antiga forma de rodar porque, para os seus creadores, “toda a planificación actual está a perder a naturalidade, a espontaneidade e a maxia do cinema”.